Gonzalo Caballero optará a seguir sendo secretario xeral do PSdeG. Ante o monumento ao fundador do PSOE, Pablo Iglesias, no barrio compostelán de Vite, o actual líder dos socialistas ratificou este 23 de setembro a súa intención de concorrer ás primarias que este outono abrirán a fase final do XVI Congreso Nacional do partido, cuxa data quedará definitivamente pechada este venres no seu Comité Nacional.
Caballero, secretario xeral dende 2017, evita formular "hipóteses" sobre a posibilidade de ter rivais no Congreso Nacional e advirte de que "a integración é a mellor receita" para que o partido "siga avanzando"
Caballero confirma a súa vontade de continuar liderando un "proxecto colectivo" nun PSdeG no que, asegura, hai "espazo para todos". Ten, asegura, vontade "integración" e "unidade", pero tamén a intención de que o partido non caia en "ningún tipo de despiste ou distracción" e se centre en desenvolver "un proxecto galeguista, feminista, ecoloxista e de esquerdas" para Galicia.
"Non é o momento de pensar en nós mesmos", coida Caballero, quen a preguntas da prensa evitou formular "hipóteses" sobre a posibilidade ter que competir con algunha outra candidatura pola secretaría xeral. Si deixou, así e todo, algunhas mensaxes que poden ser lidas nesta clave: "cada un de nós ten un espazo de traballo" no partido e "a integración é a mellor receita" para que "siga avanzando" un PSdeG que, considera, "avanzou" nos catro anos que leva exercendo a secretaría xeral. O seu proxecto, coida, comeza a "xermolar" e agora "precisamos tempo para que floreza e dea froitos".
Secretario xeral tras un prolongado percorrido como militante crítico
O aspirante á reelección no liderado do PSdeG chegou ao cargo en 2017, tras gañar as eleccións primarias á secretaría xeral con case o 60% dos votos fronte a Juan Díaz Villoslada, actualmente concelleiro na Coruña. Cunha traxectoria profesional como reputado economista, Caballero forxou dende moi mozo a súa sona de militante crítico no seo do PSOE, fundamentalmente no socialismo vigués e tradicionalmente no bando oposto ao seu tío, o alcalde Abel Caballero. Previamente, en 2009, fixera a súa primeira incursión cara á dirección nacional galega do PSdeG , cando non lograra os avais necesarios para presentar candidatura no congreso por delegación que nomeara secretario xeral do PSdeG a Pachi Vázquez.
Caballero principiou a súa andaina á fronte do PSdeG con vento a favor interno e externo e os resultados das eleccións xerais e municipais de 2019 insuflaron na dirección que encabeza boas expectativas cara a un eventual cambio de Goberno en Galicia
Caballero principiou a súa andaina á fronte do PSdeG cun dobre vento a favor tras o XIII Congreso Nacional da formación. En clave interna, tras apoiar con claridade a Pedro Sánchez nas eleccións primarias tras as que retornou á secretaría xeral do PSOE. E no ámbito da política xeral, co impulso que supuxo para o partido en todo o Estado o triunfo da moción de censura contra Rajoy en 2018, que se traduciría nas eleccións xerais do 28A de 2019 en todo un fito para o PSdeG: por primeira foi a forza máis votada en Galicia, o que implicou que fose a primeira ocasión en que o PP, con estas siglas, non lograse a primacía en votos entre o electorado galego.
As municipais daquel 2019, co PSdeG como gran beneficiado ante o devalo das mareas locais, e mesmo as xerais repetidas do 10N -malia perder o primeiro posto e votos, pero empatado a escanos co PP-, insuflaron na dirección do PSdeG boas expectativas cara a un eventual cambio de Goberno en Galicia liderado polo propio Caballero. "O ciclo de Feijóo remata", afirmou naquel ano nunha entrevista con Praza.gal. A eses "históricos" resultados apela entre os seus argumentos para revalidar o cargo: "Avanzamos en apoio electoral en todas as convocatorias", resaltou.
Alén das cuestións estritamente internas, os críticos con Caballero apuntan aos resultados dos comicios galegos de 2020 entre os seus argumentos para propiciar unha mudanza na secretaría xeral
No entanto, a irrupción da pandemia axitou o escenario político e condicionou radicalmente a carreira electoral das eleccións galegas de 2020, finalmente celebradas o 12 de xullo. Caballero estreouse como candidato á Xunta mellorando un chisco a porcentaxe de votos, mais mantendo os 14 escanos que lograra o partido con Xoaquín Fernández Leiceaga en 2016 e, sobre todo, sen dar capitalizado a desaparición de En Marea e véndose superado en votos e escanos polo BNG.
Ese resultado electoral de 2020, unido a outras cuestións en clave de xestión interna do partido, é ao que apuntan os sectores críticos con Caballero, quen alude á necesidade de tempo para forxar un proxecto político de seu. Estes sectores dan por feito, ademais, que o actual secretario xeral xa non conta co impulso da dirección federal do PSOE. Diversas fontes dan por feito que o actual secretario xeral terá que competir nas primarias con cando menos outra candidatura e apuntan nomes como o do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.