Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) chegou á secretaría xeral do PSdeG no outono de 2017 vencendo nunhas eleccións primarias ás que concorrera tras innumerables batallas que lle valeran a imaxe de militante crítico e mesmo díscolo do socialismo galego en xeral de do vigués en particular, onde os tirapuxas o levaron a confrontar co seu tío, o alcalde de Vigo, do que non obstante está a recibir aberto apoio como líder da formación. Así o lembra Caballero, economista de dilatada traxectoria académica, nos actos dunha maratoniana campaña na que reitera que, para "reconstruír" tras a crise do coronavirus, "non é o mesmo que goberne a dereita que a esquerda". "Feijóo -mantén- aplicou a receita do recorte para saír da crise do 2009 e eu presidirei un Goberno que fortalecerá a resposta pública a esta crise".
Na segunda metade da campaña veu asegurando que detecta unha "activación do electorado progresista" e, concretamente, do electorado que converteu o pasado ano o PSdeG en primeira forza política nas eleccións xerais do 28A. En que se basea?
O ano pasado, nas eleccións que houbo en Galicia, os socialistas tivemos magníficos resultados. Hai oito meses, o 55% dos galegos votamos por forzas progresistas e estamos vendo que nesta semana hai unha activación do electorado progresista de esquerda, que mira ao Partido Socialista para que lidere un proxecto de futuro no noso país. Na campaña temos moi boas vibracións, as impresións son tan positivas como nas campañas anteriores e cremos que se está mobilizando o electorado que vai dar un goberno socialista a Galicia.
"Hai oito meses, o 55% dos galegos votamos por forzas progresistas e as impresións nesta campaña son tan positivas como nas anteriores; estase mobilizando o electorado que vai dar un goberno socialista a Galicia"
Coida, daquela, que as enquisas publicadas nas últimas semanas deixaron tendencias de cambio fóra do radar?
A mellor enquisa son os resultados electorais. O ano pasado o PSdeG foi primeira forza política en abril; nas municipais conseguimos gobernar en cinco das grandes cidades e entres deputacións. En novembro, consolidamos a maioría progresista. Eu, o que pido a todos os que votamos a o Partido Socialista nas eleccións xerais e municipais do ano pasado que vaiamos votar, que non quede ninguén na casa. Por un voto pódese decidir o futuro de Galicia e eu estou preparado para presidir o goberno da Xunta.
Vese, daquela, como o próximo presidente da Xunta?
Eu contemplo que o mellor é que haxa un goberno socialista, porque representamos un cambio intenso, profundo en Galicia e á vez tranquilo. É importante entender que somos un cambio en positivo, non contra ninguén, e en torno a unha vitoria socialista pódese construír ese cambio viable. En Galicia non hai unha maioría rupturista nin nacionalista, esa tamén é unha lección da estrutura social e política de Galicia. A nós correspóndenos a tarefa de pilotar a Galicia do futuro.
Pero contempla, en todo caso, que ese fose un Goberno de coalición?
Eu dedícome a convencer aos galegos de que voten ao Partido Socialista, porque se concentramos o voto útil, multiplicamos as opcións de cambio en Galicia. Entendo que hai outras forzas progresistas que tamén son aliadas e deséxolles a todas o mellor éxito.
Que opina das análises que, nas últimas semanas, apuntaban a que se cadra, ao Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos non lle viría mal que Feijóo continuase á fronte da Xunta?
"O poder político e social conservador que hai en Galicia constrúe relatos para confundir por medo ao PSdeG, porque se hai cambio, será socialista"
Son análises que non teñen fundamento. A mellor proba é que o presidente do Goberno me acompaña nesta campaña en tres ocasións nun momento tan complexo para o país. Todo o Partido Socialista está envorcado nas eleccións de Galicia; todos sabemos que Feijóo representa unha dereita rancia e conservadora, ao estilo de Gallardón. E ademais é a dereita irresponsable que confronta co Goberno de España. Este tipo de relato que formula a dereita en Galicia non ten máis obxectivo que tentar confundir, porque o PP ao que lle ten medo é ao PSdeG. Porque se hai cambio, será socialista. Por iso tentan eliminar ese cambio dende todo o poder político e social conservador que hai en Galicia a través de todo tipo de argumentacións. .
En campaña recibiu o apoio de referentes actuais do PSOE, como o presidente Pedro Sánchez e varios membros do Goberno de España, pero tamén de referentes de gobernos pasados como Zapatero ou Emilio Pérez Touriño. Por que deu tanta importancia a esas referencias?
Eu dei un paso adiante na actividade política porque quero o mellor Goberno para o meu país e creo que teño as condicións para presidir un goberno con dignidade, con formación con decencia e compromiso con Galicia. Pero non teño unha estratexia personalista e todos aqueles que contribuíron a facer un país mellor en España ou Galicia teñen un espazo neste proxecto socialista que defende os servizos públicos, a igualdade, o matrimonio entre persoas de calquera sexo, o ingreso mínimo vital, o dereito ao aborto... Ese é o proxecto socialista e eu estou encantado de poder compartir con referentes socialistas a reflexións de por que en Galicia é imprescindible un cambio de goberno liderado polo PSdeG.
As súas propostas electorais poñen o foco na sanidade pública con propostas como cubrir as vacantes pendentes ou maior estabilidade laboral. En que percibiría a cidadanía galega, no que atinxe á sanidade, se a finais do verán o PSdeG está a gobernar en Galicia?
"Temos todo preparado para, dende o primeiro minuto, poñer á fronte da Consellería de Sanidade o mellor equipo profesional"
No mes de marzo constituímos un grupo de expertos sanitarios con longas traxectorias de xestión na sanidade pública galega para asesorarnos e compartir a mellor acción de reconstrución e fortalecemento da sanidade pública e facer seguimento da covid-19. Nese grupo está a ex-conselleira de Sanidade, María José Rubio, ou quen foi director de Saúde Pública con Touriño e Laxe, Ramón Medina. Estanme acompañando porque a miña prioridade é defender a saúde por riba de todo. Polo tanto, estamos preparados par darlle a Galicia o mellor equipo para dirixir a sanidade pública, sen necesidade de ningún tempo para facer o cambio. Está todo preparado para que, dende o primeiro minuto, poidamos poñer á fronte da Consellería de Sanidade o mellor equipo profesional. É fundamental, porque o noso proxecto implica sacar a concurso 5.000 prazas estables para persoal sanitario ou fortalecer a Atención Primaria, onde Feijóo fixo unha desfeita cando tiñamos aprobado un plan de mellora. Temos que fortalecer os servizos dos hospitais comarcais, temos un plan de saúde mental para fortalecer esa área, temos que dotar os hospitais de máis camas e máis UCI... Estamos preparados para facer fronte aos riscos da covid-19 co mellor equipo e para facer un investimento importante que capitalice o noso sistema sanitario e contrate de xeito estable o persoal.
Esa situación estaría, inevitablemente, marcada polo coronavirus. Que mudaría co PSdeG na Xunta a respecto do feito polo Goberno do PP nas últimas semanas e meses?
"Aprobaremos un programa para que non haxa ningún escolar sen ordenador"
Desta crise hai que saír con políticas que defendan o público. Hai que defender a sanidade pública, na que Feijóo recortou 2.000 millóns de euros e 500 camas hospitalarias en once anos. Hai que fortalecer a educación pública para que o alumnado poida estar preparado para o que poida xurdir no vindeiro curso e por iso aprobaremos un programa para que non haxa ningún escolar sen ordenador. Hai que apostar por un modelo de residencias públicas de maiores que cumpran todos os protocolos... Temos que facer unha reconstrución na que o Estado, os servizos públicos, teñan un papel moi importante. Hai que saír desta crise con políticas socialdemócratas e de esquerdas que defendan o público e cunha nova política económica e industrial ao servizo dos traballadores, dos autónomos e PEMES para que ninguén quede na cuneta.
O remate da campaña está a quedar marcado polo brote de coronavirus na Mariña. Cre que é seguro ir votar o domingo nesa comarca?
"Feijóo dixo nunha entrevista que o brote da Mariña estaba controlado. Ese mesmo día, contactei con el para que convocase os partidos políticos e dese explicacións. Os alcaldes e alcaldesas da Mariña están moi preocupados"
É grave o que está ocorrendo na Mariña. Hai máis contaxiados hoxe en Galicia [a entrevista realízase o pasado día 7] que se decretou o estado de emerxencia sanitaria e na Mariña hai máis casos que en toda Galicia nese momento. O pasado sábado, Feijóo trasladou nunha entrevista nun xornal que o brote da Mariña estaba controlado. Eu ese mesmo día pedinlle que tomase medidas e fose transparente na información a través dunha carta e ao día seguinte, púxenme en contacto con el para que convocase os partidos políticos e convocase a Deputación Permanente para dar explicacións. Os alcaldes e alcaldesas socialistas da Mariña, que son a maioría, están moi preocupados porque saben que á Xunta se lle foi o brote das mans, que un confinamento para cinco días non ten ningún apoio epidemiolóxico nin sanitario e teñen a impresión de que alguén quere levantar o confinamento a fin de semana para despois volver a el. Espero que haxa a responsabilidade necesaria e Feijóo tome as medidas necesarias, porque os alcaldes nos trasladan a súa preocupación ecren que non é o mellor momento para desenvolver as eleccións porque, dende logo, ten complicacións para todos.
Apunta que, no caso da política sanitaria, o cambio sería rápido porque teñen un equipo preparado. En que notaría a cidadanía un cambio de Goberno liderado polo PSdeG no ámbito dos medios públicos de comunicación? A CRTVG vén sendo moi sinalada nos últimos meses, tamén por vostedes e o resto da esquerda...
"Cómpre aplicar a lexislación na TVG para pasar páxina a 11 anos de utilización perversa do poder"
O PP converteu a TVG nunha televisión ao servizo do presidente da Xunta, con informacións tendenciosas, manipuladas e nesgadas que non son propias dunha democracia avanzada e moderna. A cidadanía galega está farta das manipulacións do PP nos medios públicos. Cómpre aplicar a lexislación pendente na TVG e tamén todo o referente á formación de consello de informativos, que ten que ser unha garantía na calidade informativa para pasar páxina a 11 anos de utilización perversa do poder por parte do PP que esixen unha rexeneración, tamén na xestión dos medios públicos.
Que sería para vostede un triunfo e un fracaso na noite do 12X?
O meu triunfo será que Galicia vaia mellor e para iso é imprescindible un cambio político cun presidente socialista, que sexa quen de xestionar unha reconstrución complexa na que temos que ter políticas sociais e de benestar xunto a unha nova política económica e industrial . O meu interese é que Galicia vaia ben, que os galegos e galegas poidan vivir nunha Galicia mellor, que os meus fillos poidan vivir nunha Galicia con mellores condicións. Eu son un instrumento ao servizo dunha causa, o meu interese é a miña causa e a miña causa é Galicia.