Na caravana electoral do PSdeG mudaron as sensacións nos últimos días. Do temor -nalgures, mesmo convicción- a unha maioría absoluta esmagadora do PP á intuición de que a do 12 de xullo pode ser unha noite de reconto electoral ao límite ou mesmo de sorpresas como as que saíron das urnas en diversos lugares do mundo nos últimos anos e que acabe, como na tensísima noite electoral de 2005, coa esquerda con escanos dabondo para gobernar Galicia.
Sánchez regresou á campaña galega por partida dobre e cunha mensaxe para "todos os galegos e galegas progresistas" que optaron polo PSOE hai un ano: "Se se mobilizan, Gonzalo Caballero será presidente"
Con ese pano de fondo, e despois de recibir apoios significativos nos últimos días como os do ministro Salvador Illa ou o do ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero, este sábado o candidato socialista, Gonzalo Caballero, volve facer campaña con Pedro Sánchez. O líder do PSOE e presidente do Goberno de España regresou a Galicia con dous actos na axenda, na Coruña e Camariñas, e unha mensaxe clara para "todos os galegos e galegas progresista" que optaron polas candidaturas socialistas nas municipais e xerais de 2019. "Se se mobilizan, Gonzalo Caballero será o próximo presidente da Xunta, a mobilizarse!", animou nun mitin na Coruña limitado a 300 persoas pola normativa para evitar contaxios do coronavirus.
Sánchez resalta que a "resposta social á crise" non vai chegar "dos que gobernaron toda a vida en Galicia e desmantelaron o estado do benestar"
A crise da covid-19 é para Sánchez, precisamente, o motivo definitivo contra as "dúbidas" para optar polo PSdeG o vindeiro 12X, asegura. "Necesitamos gobernos progresistas que dean unha resposta social á crise que temos por diante e só a pode garantir o Partido Socialista". Non o farán, cre, "os que gobernaron toda a vida en Galicia e o único que fixeron foi desmantelar o estado do benestar". Ao seu xuízo, nas urnas galegas elíxese entre "dous camiños": ou "sálvese quen poida" ante "unha crise que vai ser curta, pero dura", ou "que ninguén quede atrás" grazas ao apoio dun Goberno galego con Caballero á fronte.
A vertente social foi tamén o centro do discurso na Coruña do propio Gonzalo Caballero, de quen Sánchez enxalzou tamén a súa "absoluta lealdade" ao Executivo galego durante o pico da pandemia. "Oxalá, Gonzalo, eu tivese a metade da lealdade que ti demostraches ao presidente actual da Xunta nas horas máis críticas", dixo en referencia a Pablo Casado, o mesmo que vén a Galicia e "non fai moitas fotos" con Feijóo, "non vaia ser que os galegos e galegas se decaten de que pertencen ao mesmo partido", ironizou o líder do PSOE.
A vertente social centrou o discurso de Caballero, con promesas como 5.000 prazas estables no Sergas, libros de texto gratuítos ou un ordenador para cada estudante do ensino público o vindeiro curso
Nesa clave social, Caballero quixo confrontar no seu mitin coruñés o que considera a "medida indigna" do cheque de 250 euros para que o persoal sanitario gaste na hostalaría, lanzada polo actual Goberno do PP, con algúns dos seus plans para a sanidade ou o ensino se é presidente. Libros de texto gratuítos, expandir a rede de escolas de cero a tres anos, "5.000 prazas estables no Sergas" ou "defender a universidade pública fronte a un PP que encarga a consultoras privadas" o seu futuro, resaltou, serán algúns dos proxectos do PSdeG na Xunta se volve gobernar tras o 12X. Tamén, resaltou, a garantía de que non haxa "ningún alumno" na escola pública "sen ordenador o próximo curso escolar en Galicia", acción que sería financiada cos fondos do Estado xa comprometidos para as consecuencias do coronavirus, dixo.
"O PP non quere que vaiades votar, queren dicir que todo está feito", advertiu Caballero, quen animou a militancia presente a pedir "a todos os progresistas do noso país a que ninguén quede na casa" e "concentren os votos" no PSdeG. "Queremos gobernar Galicia, temos un proxecto para o noso país e a forza para facer unha Galicia mellor", proclamou.