Os médicos estoupan contra o "bono propina" da Xunta para gastar na hostalería: "Queremos dignidade"

Mobilización de Facultativos Eventuais Galegos en Loita (Fegal) ante a sede da Xunta en San Caetano © Fegal
Publicidade
Publicidade

Os médicos galegos e persoal sanitario estoupan contra o bono de 250 euros para consumo de produtos turísticos que Feijóo anunciou para os profesionais da sanidade, residencias e centros de atención á discapacidade o pasado venres. 

O Consello Galego de Colexios Médicos amosa o seu "máis rotundo rexeitamento" á "singular medida" do bono: "Queremos dignidade, non frivolidade"

O Consello Galego de Colexios Médicos, que reúne máis de 13.000 facultativos e representa os catro colexios provinciais, reclamou nun comunicado "dignidade, non frivolidade" e amosou o seu "máis rotundo rexeitamento" ante unha "singular medida". "A nosa deontoloxía e o noso xuramento hipocrático impídenos aceptar propinas como esta", engade o texto. 

Apoio ás enfermeiras eventuais dende o CHUAC da Coruña © Enfermeiras eventuais

Así, advirten de que os profesionais reclaman "estabilidade no traballo, non contratos temporais, e recursos suficientes" para desenvolver o seu labor "nas mellores condicións de seguridade e eficiencia". E lembran que durante a pandemia cumpriron coa súa obriga cunha entrega "ao límite" e arriscando a súa saúde. 

Os médicos insisten en que o que reclaman é "estabilidade no traballo, non contratos temporais, e recursos suficientes"

"Pedimos que a Administración nos trate coa consideración debida e reforce o noso sistema sanitario para facer fronte a continxencias como a que vivimos e estamos a vivir", din os médicos galegos, que amosan a súa "solidariedade" co sector hostaleiro e turístico ao que se pretende axudar cos bonos destinados ao persoal sanitario. Para o Consello Galego de Colexios Médicos, hai outros "medios" para "socorrer" este sector "sen caer en medidas pouco serias e que soan a improvisación". 

Publicidade
Publicidade

A crítica non quedou só aí. A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) amosou tamén o seu rexeitamento a unha "propina" que considera unha "tomadura de pelo". "Se realmente quere recoñecer o inxente labor desenvolvido por este colectivo na loita contra a covid, reverta todos os recortes salariais, sociais e asistenciais que perdemos por mor da crise de 2009", dille a organización a Feijóo. 

O CESM cualifica de "propia" e "tomadura de pelo" o bono e pide a Feijóo que "recoñeza" o labor dos profesionais "revertendo os recortes" aplicados desde 2009

Para o CESM, o bono de 250 euros é "indignante" e "produce o efecto contrario ao perseguido en plena campaña electoral". Así, o sindicato lémbralle ao Sergas e á Consellería de Sanidade que non fixeron caso de moitas das medidas reclamadas durante anos e mesmo pactadas para mellorar as condicións do persoal, como a fin da precariedade, a transparencia na lista ou as melloras na asistencia aos pacientes. Iso é o necesario, din, se as autoridades "realmente queren ter un xesto de recoñecemento". 

O CESM aposta por unha "compensación" para o persoal sanitario que traballou durante a crise sanitaria "cunha implicación e entrega moi superior ao esixible" pero, aclaran, "por sentido do deber". "O mellor e máis xusto recoñecemento sería a recuperación dos dereitos perdidos e o cumprimento dos compromisos" para acabar coa precariedade laboral e mellorar a calidade asistencial, din. 

Actividade nun centro sanitario galego durante a pandemia do coronavirus © Sergas / CHUO

Ademais, desde Enfermeiras Eventuais en Loita, colectivo que mobiliza e se mobiliza en representación de máis de 6.000 profesionais en precario do Sergas, din alegrarse de que outros colectivos "se sumen agora" a un rexeitamento que levan tempo facendo contra o que consideran "migallas". 

"Dende o inicio das nosas reivindicacións pedimos condicións dignas e non incrementos salariais nin doutro tipo de retribución. De feito non somos o único colectivo que así o fai. Todas as que loitamos pola sanidade pública coincidimos en moitas das nosas reclamas, que non teñen relación co incremento dos soldos", advertían xa hai tempo nun comunicado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.