Caballero promete unha Vicepresidencia da Igualdade apoiado por un Zapatero que pide “anticipar o futuro”

O ex-presidente Zapatero con Gonzalo Caballero este venres en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O ex-presidente apela á mobilización de “unha sociedade que non se deixa enganar, que leva o Nunca Máis ata as súas últimas consecuencias”

Dúas semanas despois de reivindicar a Touriño e o bipartito, este venres tocou Zapatero. “Non é o mesmo cando goberna a esquerda que cando goberna a dereita”, repetiu o candidato socialista, Gonzalo Caballero, como fai cada día, pero desta volta co ex-presidente do Goberno central ao seu lado lembrando que hai agora quince anos o seu executivo foi o que aprobou a lei de matrimonio entre persoas do mesmo sexo, unha medida que para Zapatero “xustifica toda unha vida política, case unha vida persoal”.

Con Zapatero ao lado e lembrando as súas políticas en favor da igualdade en todos os ámbitos, Caballero comprometeuse a que no goberno que presida haberá “unha Consellería da Igualdade con rango de vicepresidencia”. Unha intervención na que, como en febreiro no mitin que deu con Pedro Sánchez tamén en Santiago, emocionouse ao falar dos “máis de cen mil galegas e galegos que teñen diversidade funcional”. “Teño na casa un neno con certas dificultades”, lembrou el mesmo, para salientar que malia que el ten “posibilidades económicas”, “os que non, quedan na cuneta”, o que se comprometeu a reverter.

Zapatero e Gonzalo Caballero durante o seu paseo por Santiago CC-BY-SA Praza Pública

“Nunca como agora imos ter por diante uns anos nos que serán tan necesarias as políticas sociais, e as políticas sociais son as socialistas”, di Zapatero

“Gonzalo sinte o que di” e “só un se fai cargo do que a xente vive, sofre, cando o sinte de verdade”, dixo pouco despois Zapatero, para apelar a votar por Caballero nas “eleccións más importantes que vive Galicia na súa historia”. Son tal, dixo, porque por primeira vez se tiveron que aprazar e porque “nunca como agora imos ter por diante uns anos nos que serán tan necesarias as políticas sociais, e as políticas sociais son as socialistas”. Por iso, o ex-presidente apelou á cidadanía galega a “decidir o día 12 se quere anticipar o futuro ou se quere conxelalo”.

"A Galicia viva debe comparecer nas urnas", apelou o ex-presidente

Segundo Zapatero, en política hai quen cre nos acordos e quen espera que as cousas se torzan para que a el lle vaia ben”, pero ante esas actitudes a galega é “unha sociedade que non se deixa enganar, que leva o Nunca Máis ata as súas últimas consecuencias”. Á mobilización dese electorado apelou o socialista: “Esa Galicia viva debe comparecer nas urnas”. “Non esperemos ao futuro, gañemos o futuro o ída 12”, sentenciou.

Zapatero e Caballero escoitan a explicación do alcalde de Santiago sobre o republicanismo das Marías CC-BY-SA Praza Pública

Os socialistas presumen de experiencia de xestión e goberno tanto presente como pasada

Zapatero pasou este venres por Galicia un día despois de que o fixese o xoves o ministro de Sanidade, Salvador Illa, que apostou porque Caballero lidere un cambio do “lento decaemento que non merece esta terra”. O día anterior estivo o ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, que asistiu a un encontro entre Caballero e os reitores das tres universidades galegas. Unha sucesión de actos cos que os socialistas galegos queren presumir da súa experiencia de xestión e goberno tanto presente como pasada, na liña de reivindicar tanto os gobernos municipais e provinciais actuais, con cinco das sete cidades e tres das catro deputacións, como os anteriores executivos central e autonómico presididos por Zapatero e Touriño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.