Gonzalo Caballero tirou da forza municipal e provincial do seu partido e apelou a alcaldes e presidentes de Deputación socialistas para conseguir un Goberno galego "en sintonía co poder municipal" que, como lembrou "é socialista en Galicia".
"Os gobernos socialistas representan progreso, estabilidade, benestar e oportunidades para a cidadanía", di Gonzalo Caballero
"Gobernamos en cinco das sete grandes cidades e en tres das catro deputacións. E os gobernos socialistas representan progreso, estabilidade, benestar e oportunidades para a cidadanía", asegurou Caballero en declaracións aos medios na Fonte das Burgas, tras o acto celebrado en Ourense.
Arroupado polos alcaldes das cidades e polos tres presidentes provinciais, aos que Caballero definiu como "os mellores alcaldes e presidentes da comunidade", o candidato do PSdeG asegurou que Galicia "necesita abrir unha etapa de benestar e progreso que estea en sintonía cos alcaldes e alcaldesas de referencia" no país.
"O 55% dos galegos teñen un alcalde socialista", engadiu Caballero, que chamou a aproveitar "o impulso" de hai un ano nas eleccións municipais para "abrir unha nova etapa" na Xunta desde o 12 de xullo.
Caballero comprométese a implicar o "poder municipal" no "plan de reconstrución" que prevé impulsar desde a presidencia da Xunta
O tamén secretario xeral do PSdeG gabou a Abel Caballero como o "alcalde referencia" do país", a "grande experiencia" de Xosé Sánchez Bugallo, rexedor de Santiago, e a "gran tarefa" de Inés Rey á fronte do consistorio da Coruña. Do mesmo xeito, presumiu do trabalo desenvolvido nas deputacións coruñesa, pontevedresa e luguesa e destacou que os cargos socialistas "son a referencia do mellor goberno para Galicia e espello para unha nova páxina de progreso en Galicia".
Ademais, Caballero comprometeuse a implicar o "poder municipal" no "plan de reconstrución" que prevé impulsar para Galicia no caso de chegar ao poder tras o 12X.