O PSdeG reivindica o bipartito. Nun acto celebrado este venres no Parque de Bonaval de Santiago, o actual candidato socialista, Gonzalo Caballero, puxo en valor o executivo de coalición entre o seu partido e o BNG ao cumprírense 15 anos da vitoria electoral progresista. "Se o cambio foi posible en 2005, será posible en 2020", dixo o secretario xeral da formación, acompañado polo ex-presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e por outros integrantes daquel goberno como María José Rubio, Ricardo Varela, María José Caride e José Luís Méndez Romeu.
"Se o cambio foi posible en 2005, será posible en 2020", di Caballero, que define a Touriño como "o mellor presidente da historia democrática de Galicia"
"O mellor presidente da historia democrática de Galicia". Así definiu Caballero a Touriño nun acto no que reivindicou "un goberno que tivo grades avances para sacar grandes leccións no noso país". Así, destacou o compromiso coa "rexeneración, a igualdade e a vertebración do territorio" daquel executivo.
Nun repaso ás medidas daquel goberno, Caballero destacou algunha como a gratuidade dos libros de texto, que prometeu volveu implantar de chegar á presidencia tras o 12X, ademais dun "plan de dixitalización que dotará todos os nenos das posibilidades de estudar desde as súas casas".
Caballero e o PSdeG reivindican varias das medidas daquel executivo de coalición, como a gratuidade dos libros de texto, que promete recuperar se chega á Xunta
Caballero reivindicou, lembrou e animou, advertindo de que "se no ano 2005 Galicia necesitaba unha rexeneración despois de 16 anos de goberno de Fraga, no 2020, Galicia necesita unha nova rexeneración despois de 11 anos de goberno de Feijóo". "Aquela vitoria permitiu romper o embude que o PP tiña montado no poder político de Galicia". "Porque a democracia é tamén alternancia, a democracia necesita cambios, é a forma de abrir as xanelas, de rexenerar, de dar oportunidades e non quedar ancorados no pasado", engadiu.
Durante as intervencións, a ex-presidenta do Parlamento galego Dolores Villarino advertiu dos riscos dun Feijóo "tan de dereitas como Fraga pero máis novo", mentres Touriño asegurou que o deste venres non é un "acto de nostalxia", "de recordo dun pasado que xa foi", senón "un acto dun partido que quere abrir un futuro mellor".
O ex-presidente socialista lembrou a súa vitoria como "o froito dun traballo, dun proxecto, da ilusión e da necesidade de acometer o cambio" fronte a un PP que estendía a idea de que "a maioría natural" en Galicia era a conservadora.
"Non é un acto de nostalxia, de recordo dun pasado que xa foi, é un acto dun partido que quere abrir un futuro mellor", advirte Touriño
Ademais, tras facer tamén un percorrido por algunhas das medidas aprobadas durante o seu goberno como a Lei de Violencia de Xénero de Galicia e a de Igualdade no Traballo, defendeu o cambio para Galicia nun contexto no que se necesita "máis que nunca cohesión social e solidariedade", valores sobre os que, segundo indicou, vira o proxecto do PSdeG.
Así, reivindicou un cambio que permita construír un sistema de saúde pública equitativo, un sistema educativo capaz de responder ás novas demandas e un cambio no modelo produtivo que poña a Galicia nun primeiro lugar coa aposta por unha economía innovadora, competitiva e eficiente. "Para iso necesitamos un PSdeG en forma", rematou.