O pasado xaneiro, apenas dous meses antes de que a crise do coronavirus situase as residencias de maiores como un dos puntos máis críticos, a Asociación de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais puña o foco sobre a escaseza de prazas destes centros en Galicia. A cobertura é das máis baixas do Estado e é maioritariamente con prazas de titularidade privada, alertaba o estudo baseado en datos do IMSERSO, agregando ademais que cumpriría agregar unhas 14.000 prazas ás arredor de 20.000 existentes para cumprir coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde.
Gonzalo Caballero afirma que, nunha lexislatura, o PSdeG se propón abrir 2.000 prazas novas en residencias de maiores no marco dun plan a dez anos con "10.000 prazas, situando a Galicia na senda de recortar o déficit que sinala a Organización Mundial da Saúde"
Con este pano de fondo e coa crise da covid-19 apuntando cara ás residencias -as cifras oficiais do Sergas indican que arredor do 40% das 619 persoas falecidas a causa da pandemia viviran nelas-, estes centros sitúanse tamén no centro das propostas dos partidos políticos da actual oposición cara ás eleccións do 12 de xullo. Así sucedeu este martes pola banda do PSdeG, cuxo candidato á Presidencia, Gonzalo Caballero, asegurou estar en disposición de abrir 2.000 prazas públicas en residencias de maiores se chega ao Goberno.
En compaña da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, Caballero avanzou que o programa socialista para o 12X incluirá un "escudo protector para a cidadanía e para os nosos maiores" que incluirá esas "dúas mil prazas públicas en residencias para maiores na próxima lexislatura". Sería o comezo dun plan máis amplo, a dez anos, que estendería as novas prazas "ata 10.000, situando a Galicia na senda de recortar o déficit que sinala a OMS".
Trataríase, sinala o aspirante socialista, de comezara paliar "o importante déficit deste servizo, agravado nestes últimos once anos de Goberno de Feijóo, que impuxo unha perigosa falta de control e incumprimento de protocolos". Deste xeito, agrega, o PSdeG proponse abrir máis prazas, pero tamén contemplar nas residencias "un modelo de atención que contemple as dimensións sanitaria e social". E iso, agrega, comeza por "corrixir os erros do modelo privatizador".
A alcaldesa da Coruña coida que "a única pata que nos falta" en materia de política social é a da Xunta, xa que o Goberno do PP "nunca pensou nas políticas de benestar"
Abonda sinalar, di Caballero, que nestes once anos a Xunta do PP "non fixo unha soa residencia pública para maiores". Fronte a isto, di, o PSdeG "quere gobernar para construír ese escudo protector para a cidadanía", máis preciso ante a crise económica derivada da covid-19. "Galicia xoga o futuro, xogamos se mantemos as políticas de recortes co PP ou abrimos unha etapa de progreso liderada polo PSdeG". Para que isto suceda, di, cómpre que a "maioría de progreso" que votou a prol da esquerda nas eleccións celebradas durante 2019 volva activarse o 12X.
Nesta liña, a alcaldesa da Coruña coida que "a única pata que nos falta" en materia de política social é a da Xunta, toda vez que ese apoio xa existe dende o Goberno central e tamén dende a Deputación coruñesa e do propio Concello. Pero o Executivo popular no Goberno galego, di, "nunca pensou nas políticas de benestar" e tampouco o fai no marco da crise do coronavirus, na que "o único que lle interesa ao PP de Feijóo" é "tirar réditos electorais" e "a iso van dirixidas todas as súas intervencións".