Un sistema sanitario que debe "asumir a enorme probabilidade de confrontar con novos brotes da COVID-19" e no que a Atención Primaria, os centros de saúde, deben ser "protagonistas" na "loita contra brotes, epidemias e pandemias" como o actual coronavirus ou outros "de gravidade imprevisible". É o retrato robot do Servizo Galego de Saúde do futuro inmediato que traza o comité de expertos sanitarios conformado polo PSdeG durante a crise do coronavirus, o pasado abril, nun primeiro informe de recomendacións centrado no impacto da crise do coronavirus no Sergas e nas medidas que debería adoptar ao respecto un eventual novo Goberno da esquerda.
O comité que redactou o informe, encabezado pola ex-conselleira María José Rubio, advirte o PSdeG de que un eventual novo Goberno galego debe "asumir a enorme probabilidade de confrontar con novos brotes da COVID-19" en cuxa contención sería "protagonista" a Atención Primaria
No comité, encabezado pola que fora conselleira de Sanidade do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, María José Rubio, participan outros ex-altos cargos como Ramón Medina, director xeral de Saúde Pública da Xunta na mesma etapa, diversos membros do PSdeG profesionais sanitarios e outros representantes do sector. O documento remóntase á "débeda superior a 400 millóns de euros" que o bipartito atopou no Sergas en 2005 e subliña que Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo "tardou dez anos en alcanzar" o orzamento sanitario "do último ano de Goberno progresista", o de 2009.
Partindo desta base e alén da análise puntual do impacto da actual crise do coronavirus, o informe xa entregado ao candidato do PSdeG á presidencia, Gonzalo Caballero, e mais ao coordinador do programa electoral socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, conxuga propostas inmediatas para eventuais rebrotes con propostas "a longo prazo". Entre as primeiras figura a recomendación de construír "unha reserva estratéxica de material de prevención que permita unha resposta rápida e inmediata a unha nova vaga de contaxios", tales como máscaras ou test. Tamén "optimizar protocolos de detección de casos" e a apostar pola figura dos "rastrexadores" de contaxios.
"A longo prazo", indica o informe, a recomendación é "fortalecer" o sistema comezando pola Atención Primaria, na que "é preciso achegar o investimento aos datos do sistemas sanitarios da nosa contorna". "A conflitividade actual na Atención Primaria -consideran- con folgas constantes ou dimisións en bloque de xefes de servizo como na área sanitaria de Vigo, amosa o escenario de abandono e descoordinación que está a sufrir a atención sanitaria máis próxima ao paciente". [O orzamento do Sergas para Atención Primaria segue 142 millóns por baixo do bipartito tras cinco anos á alza]
"O vindeiro Goberno da Xunta debe afrontar a solución para a precariedade actual de profesionais" con medidas como "un plan de contratación planificado a varios anos vista", recomendan
"O vindeiro Goberno da Xunta -advirten- debe afrontar a solución para a precariedade actual de profesionais, cunha vontade de ampliar a base de persoal estable do Sergas" tamén na Primaria. Entre as medidas para logralo, recomendan "un plan de contratación planificado a varios anos vista que recupere o volume de persoal estable de hai unha década". Para logralo, consideran, "é necesario ordenar a convocatoria de Ofertas Públicas de Emprego que sexan efectivas" e tamén "acordar" co Goberno central "suprimir a actual taxa de reposición" de persoal para o sistema público de saúde.
Esa taxa de reposición -límite para cubrir vacantes- estivo no 100% de 2003 a 2008, en 2009 o Goberno de Zapatero rebaixouna ao 30% e despois ao 10%, nivel no que o Goberno do PP de Rajoy a conxelou ata 2015, cando a elevou ao 50%. Dende 2016 volve situarse no 100%. Dende que o PSOE volve gobernar en España, o PP galego atribúe esta taxa en exclusiva aos socialistas e agora tamén a Unidas Podemos. O informe do PSdeG sinala como albos das "melloras laborais" tamén os Puntos de Atención Continuada.
Reverter ao público as ambulancias e máis fondos para investigación
O documento ve preciso "atender as demandas territoriais de novas unidades ou ampliación de horarios" das ambulancias e "dar a relevancia necesaria ao persoal deste sector"
Alén dos aspectos laborais e do reforzo da Atención Primaria, o comité sanitario do PSdeG pon o foco noutro dos sectores máis conflitivos na contorna do Sergas nos últimos anos, o das ambulancias. "Será necesario afrontar un proceso de transformación do sistema de transporte sanitario", recomendan a Caballero. Dentro desa revisión, sinalan, "é preciso estudar a súa reversión ao sistema público, priorizando os criterio sanitarios de xestión" e "dando a relevancia necesaria ao persoal deste sector".
Se un eventual novo Goberno dese este paso, advirten, tería que ter en conta que cumprirían máis e mellores ambulancias. "Será preciso atender as demandas territoriais sobre dotación de novas unidades e/ou ampliación de horarios, superando os déficits existentes por recortes na xestión que derivaron en fatais consecuencias nos últimos tempos", lembran.
"É necesario reverter a situación para dotar a rede investigadora de estabilidade, permitindo a Galicia ter unha base científica sólida"
Tamén cara ao medio e longo prazo, o comité de expertos do PSdeG insta o candidato a ter en conta o "recorte do 11,5% de fondos" que, tan só "nos dous últimos anos", padeceu "o programa de investigación sanitaria da Consellería de Sanidade". "Só no último ano -resaltan- a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) perdeu un 11,4% do seu financiamento". "É necesario -advirten- reverter esta situación para dotar a rede investigadora de estabilidade e apoio, permitindo a Galicia ter unha sólida base científica instalada no noso sistema".
Unha Estratexia Galega de Saúde Mental ou "definir con claridade o espazo sociosanitario" en coordinación coa Consellería de Política Social, incluíndo "un plan de emerxencia para atender á poboación usuaria das residencias diante dun posible rebrote da pandemia" son outras das recomendacións do informe, que agora se integrarán no programa electoral do PSdeG. Segundo Caballero, este documento é mostra de que "cun Goberno progresista, rearmaremos a sanidade pública tras once anos de recortes". "Abriremos unha nova etapa de recapitalización da sanidade pública", asegura.