12X, entre o 'Venceremos nós' e o 'Hai que apandar'

CC-BY-SA Praza Pública
Venceremos nós, venceremos nós
algún día venceremos.
Dende o fondo da noite 
dime o corazón
que algún día venceremos.


Hai que apandar, hai que apandar,
contra o sistema
non debemos loitar.
As cousas poden ir a mellor,
pero tamén poden ir a peor.

Hai agora dous anos, aínda había quen, entre o electorado e a militancia do PSOE, fregaba os ollos polo que viña de suceder. Onde apenas unha semana antes estaba o Goberno do PP de Mariano Rajoy atando os Orzamentos Xerais do Estado mediante pactos a dúas bandas cun pragmático PNV e cun Ciudadanos disparado, estaba agora Pedro Sánchez revelando aos poucos os nomes do novo Executivo do PSOE, moitos deles respondidos con abraio xeral.

A primeira sentenza do caso Gürtel precipitara os acontecementos. Os socialistas víranse empurrados a presentar como resposta unha moción de censura que a priori tiña escasas posibilidades de prosperar. Ata onde non chegaban as capacidades negociadoras do PSOE, chegaron as de Podemos para traballar votos complicados como os de Junts per Cat. E o 1 de xuño, Sánchez, o secretario xeral defenestrado pola vella garda do PSOE en 2016 e triunfador nas primarias de 2017, era elixido presidente do Goberno de España mentres Rajoy pasaba unha prolongada sobremesa nun restaurante do centro de Madrid.

A moción de censura de hai dous anos foi clave no mapa electoral galego durante 2019

O acontecido naqueles días da primavera de 2018 é imprescindible para comprender moito do que, politicamente, sucedeu nestes dous anos. Tamén en Galicia. Dende o primeiro triunfo do PSdeG nunhas eleccións xerais como primeira forza, nos comicios anticipados do 28A, ata que o os socialistas fosen os grandes beneficiados da perda de forza electoral das mareas municipais mentres o PP quedaba fóra da competencia polos bastóns de mando que os populares tiñan no albo dende 2015. 

'Venceremos nós'

O moi electoral ano de 2019 deu azos ao bloque da esquerda malia á recomposición interna. O que perdía o espazo das mareas gañábao o PSdeG e, en menor medida, tamén o BNG mentres o PP, por primeira vez dende finais dos 80, tiña fugas de voto no espectro da dereita ata o punto de colleitar en Galicia os seus peores resultados dende os tempos de Alianza Popular. En síntese, o bloque progresista superaba con amplitude ao PP e tamén á dereita no seu conxunto, toda vez que nin Ciudadanos nin Vox lograban, malia ascenderen, a potencia electoral que si adquirían noutros puntos do Estado.

Os resultados das xerais e municipais de 2019 insuflou optimismo no 'bloque progresista': mesmo con Feijóo á fronte, o PP xa non era invencible en Galicia

Mesmo deixando á marxe os xogos matemáticos das extrapolacións, toda esta combinación de circunstancias insuflaba optimismo na esquerda cara aos comicios galegos. Ata con Alberto Núñez Feijóo á fronte tras a escena da renuncia a competir pola sucesión de Rajoy, o PP xa non era invencible en Galicia. Podíase.

As eleccións xerais repetidas do 10N, o acordo de coalición do PSOE e Unidas Podemos para gobernar en España e o pacto do BNG, de volta no Congreso, para apoiar a investidura de Sánchez semellaban acabar de pintar un cadro con reminiscencias da fin do fraguismo. Daqueles meses nos que José Luis Rodríguez Zapatero proclamara ante Emilio Pérez Touriño: "Esta vez vai en serio. E vai por todos". 

Pedro Sánchez recibe a Feijóo na Moncloa en xullo de 2018 © Xunta

'Hai que apandar'

Pero a alegría na esquerda galega semella durar o mesmo que na casa do pobre e os ecos de 2019 foron esvaecendo no primeiro trimestre de 2020. Xa o facían, aínda que con menos intensidade, antes dos días de marzo en que a pandemia do coronavirus o atropelou todo e as novas sobre sanidade deixaron de reflectir o conflito polo rectificado peche do paridoiro de Verín para falar da covid-19 e o seu impacto. 

Naquelas semanas xa fluían as enquisas, as poucas que se publican e -sobre todo- as que non o fan. As segundas apuntaban a un paradoxo que é case un retrato: as ansias de cambio de Goberno en Galicia existen. Mesmo son maioritarias entre o electorado. Pero non tanto como a convicción de que, cando o campo de xogo é Galicia, hai un aquel de orde natural das cousas que mantén o PP no poder e no Goberno -en ambos- e grava en pedra o nome de Feijóo como sinónimo de presidente da Xunta igual que antes o fixera con Fraga. 

Nas semanas previas á pandemia xa fluían ás enquisas e apuntaban a que as ansias de cambio de goberno en Galicia existen e mesmo eran maioritarias, pero non tanto como a convicción de que hai un aquel de orde natural das cousas que mantén o PP na Xunta

Dito doutro xeito, a composición de lugar segundo a cal nas urnas non compite o PP, senón a Xunta mesma con todos os seus resortes de poder fronte a unha masa informe de partidos que fan política -non como a Xunta, que preserva a devandita orde natural das cousas- calla excepcionalmente no fidelísimo electorado do PP, pero logra tamén algo case máis útil para os intereses electorais dos populares. Desmoraliza a gran parte dunha esquerda que observa dende hai tres meses, confinada e resignada, como Feijóo aparece sen cesar nas pantallas da televisión pública como paradigma de xestión ante a covid-19. E tamén baixo cabeceiras de signo progresista, debuxado como emblema da moderación xestora fronte ao vociferante Casado, á excesiva Álvarez de Toledo ou á omnipresente e caricaturizable presidenta de Madrid. Ecos de Ruiz-Gallardón fronte a Aznar.

Dende as salas de máquinas das formacións da esquerda que hai apenas medio ano lograban o apoio nas urnas de máis da metade do electorado galego apúntase ademais a unha dificultade engadida. As restricións da pandemia dificultan ou directamente imposibilitan a convocatoria de actos que sirvan para activar a cadansúas militancias e empurralas dende o Hai que apandar de volta cara ao Venceremos nós. Os grupos de WhatsApp e Telegram ou as mensaxes rituais nas redes sociais non son dabondo para cambiar o paso dunhas bases que, como o conxunto da poboación, teñen a cabeza nas múltiples consecuencias do virus.

O que queda

Dende a ratificación do 12 de xullo como nova data electoral, as enquisas volve ferver. As publicadas e as outras. En sectores do PP e da súa contorna fantaséase cunha vitoria ao xeito das dos mellores tempos de Fraga á que os máis entusiastas xa adxectivan como "histórica" en pleno fragor contra o Goberno central. E en parte da esquerda especúlase co que faría o PP cun triunfo esmagador na man. Inexorables recortes, protestas... Máis aires de 2012 que de 2005.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, amosa o libro de Pedro Sánchez no Parlamento; Caballero e Pontón presentan os lemas electorais de PSdeG e BNG, Antón Gómez-Reino, presentando unha iniciativa preelectoral de GeC CC-BY-SA PP | PSdeG | BNG | GeC

Malia todo, neste líquido escenario da covid-19 e os seus efectos hai tamén sinais e movementos en sentido oposto. A pé de rúa, por tras das máscaras. Así o reflicte a letra pequena desas mesmas enquisas, nas que se albisca un novo Parlamento de catro forzas: PP pola dereita, PSdeG, BNG e Galicia en Común pola esquerda.

Mentres a demoscopia volve ferver, elementos como a posibilidade de que a esquerda faga ver que se entendería na Xunta, a implicación ou non do aparello estatal do PSOE ou o foco cara a puntos fracos na xestión do PP tras once anos, como a sanidade ou as políticas sociais, poden ser determinantes

Din cousas como que malia á gran fortaleza do PP de Galicia parecendo máis a Xunta de Feijóo que o PP de Casado, a proporción de electorado ao que lle gustaría un cambio de cor no Goberno galego segue tendendo á maioría. Ou que se as dúas forzas que sustentan o Executivo central do PSOE e Unidas Podemos fan ver que un entendemento semellante sería viable en Galicia, esa imaxe unida á dun BNG claramente á alza apoiado nunha crecente valoración da súa líder, Ana Pontón, podería activar o electorado sumido no Hai que apandar ata aspirar a superar o limiar dos 38 escanos que dan dereito a formar Goberno.

Outros sinais indican que sectores que volven ser turbulentos a causa da pandemia e dos seus efectos, como a sanidade ou as políticas sociais, son algúns dos puntos fracos dos populares tras 11 anos ininterrompidos de Goberno que se agregan a máis de tres décadas de poder en Galicia. Que ese malestar que ecoa dos centros de día aos de saúde se traduza en votos será tamén clave no resultado final, indican.

Tamén pesará se a imaxe do Goberno central en Galicia nas cinco semanas que faltan vai máis ligada a problemas en Alcoa e problemas derivados do virus e ou á protección social contra a crise e contención da dereita extremista. Tampouco será o mesmo se o círculo máis próximo a Sánchez se implica en Galicia que se non o fai; isto é, se a cúpula gobernamental e do PSOE segue sintonizando máis coa lóxica de Zapatero en 2005 para impulsar a Gonzalo Caballero que coa de Felipe González na chegada de Fraga á Xunta en 1989. O mesmo con Unidas Podemos e Antón Gómez-Reino.

Todo sen perder de vista, por suposto, a posibilidade de rebrotes do coronavirus ou os efectos que a propia pandemia poida ter na participación, outro dos grandes interrogantes do 12X. Dunha banda, as fantasías fraguianas. Na outra, a disxuntiva entre apandar ou crer que as urnas poden dicir o mesmo que hai uns meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.