TEMAS 2 | Verín non pechou (porque non lle deixaron)

No TEMAS de marzo, Verín non se pecha CC-BY-NC-SA Praza Pública

Hemeroteca

"Se cadra, o primeiro que deberían facer é pedir desculpas". Nos últimos días de xaneiro, entre persoal e veciñanza de Verín a indignación mesturábase coa satisfacción. Gañaran. Sen paliativos. Tras dous meses de mobilización continua, a Xunta viña de recuar no peche da sala de partos do hospital comarcal, a mesma que o propio Alberto Núñez Feijóo presentara como inevitable por razóns que foron variando a medida que as protestas medraban.

Escaso número de partos, falta de “pericia” do persoal, unha guía do Ministerio de Sanidade, as sinaturas de 44 médicos do hospital de Ourense ou mesmo que “un parto non é un infarto” foron só algunhas das versións que ofreceu a Xunta para suprimir a atención aos nacementos no hospital que, hai un cuarto de século, outro Goberno do PP galego, con Feijóo como máximo responsable do Sergas, presentara como emblema do achegamento da atención sanitaria ás áreas rurais. 

Repasamos a loita social e as vertentes política e sanitaria do contra o peche do paridoiro de Verín no segundo número de TEMAS, os monográficos para socias e socios de Praza.gal

Pero a oposición cidadá desbordou á Xunta do PP. Por primeira vez en moito tempo, o círculo máis próximo a Feijóo non mediu as consecuencias dun peche que tamén atopou oposición nas filas dos populares ourensáns. Moi especialmente, despois de que unha concelleira do propio partido dese a luz de urxencia no paridoiro oficialmente pechado. Tampouco funcionou desta volta as acusacións de “politización” ao persoal mobilizado, que o PP lanzou coma sempre pero que resultaron ineficaces como nunca.

Páxinas do segundo número de TEMAS CC-BY-NC-SA Praza Pública

A diferenza entre o conflito de Verín e outros moitos que salpican a sanidade pública galega dende hai anos non foi só a intensidade e continuidade da mobilización. Nin sequera que a medida da Xunta atopase tamén resistencias dentro do propio PP. Tamén foi clave que a oposición cidadá ao peche transcendeu, con moito, as fronteiras do territorio máis directamente afectado. Fíxoo a través da oposición parlamentaria, das centrais sindicais, das plataformas de defensa da sanidade pública e tamén do movemento feminista, que este 1 de marzo converteu Verín en “capital” da súa mobilización cara ao 8M. Verín, explican, deixou clara a necesidade de “poñer a vida no centro”, pero tamén de estar “vixiantes ante a violencia institucional”.

A esquerda galega tamén quixo ver en Verín un síntoma de fin de ciclo político en Galicia. “Foi a primeira vitoria da maioría social progresista”, afirmaron tras a rectificación. Do que non cabe dúbida é Verín non pechou porque veciñanza, persoal e movementos sociais non permitiron que pechase. Repasamos a loita social e as vertentes política e sanitaria do conflito neste segundo número de TEMAS, os monográficos para socias e socios de Praza.gal. 

Se aínda non es socia ou socio, podes facerte de Praza.gal nesta ligazón e teres acceso a todos os números de TEMAS. Se xa o es, accede ao teu espazo para accederes a eles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.