O noveno ano de Praza

  • Editorial
Praza fai oito anos CC-BY-NC-SA Praza Pública

O 1 de febreiro do ano 2012 xuntámonos en torno a unha mesa para quitarlle as estadas á obra na que levabamos meses traballando con ilusión. Nacía Praza Pública, un xornal dixital e en galego, ambas cousas por vocación e convicción, en plena treboada da crise económica e no momento en que era estraño o mes no que non había un día no que almorzar coa nova do peche ou drástica redución dun medio de comunicación en Galicia.

Pasaron xa oito primeiros de febreiro e hoxe é o oitavo aniversario do que comezou como Praza.com e que, felizmente, dende o ano 2014 é Praza.gal. Comeza o noveno ano dun xornal que segue a ser froito do traballo diario dun equipo aínda pequeno para todo o que hai que contar do país e do mundo. Dunha redacción que segue a ter presente cada día a importancia de contar o que sucede sen présa, porque queremos contalo ben.

O noveno ano de Praza.gal comeza apaixonante no informativo. Nun país no que resulta imprescindible, se cadra máis ca nunca na historia da autonomía, velar pola pluralidade informativa e situar en primeiro plano ese medio país que en múltiplas instancias é obviado para facer como que non existe

O proxecto de Praza.gal non é alleo aos cambios tecnolóxicos, sociais e económicos experimentados durante estes anos. A vontade de nos adaptar a eles estivo na base da nosa primeira gran mudanza, o redeseño que botamos a andar da man do Laboratorio NUMAX a finais de 2018, xusto cando naceu VINTE, o noso proxecto irmán, unha fiestra aberta aos contidos de sociedade, cultura e tendencias que procura novos -e mozos- públicos co audiovisual por bandeira. 

O noveno ano de Praza.gal comeza apaixonante no informativo. Nun mundo convulso e nun país cunha actualidade que estará inevitablemente marcada polas eleccións ao Parlamento. Nunha Galicia na que xorden ou mudan proxectos mediáticos -que saudamos- e na que resulta imprescindible, se cadra máis ca nunca na historia da autonomía, velar pola pluralidade informativa e situar en primeiro plano a ese medio país -se cadra, máis- que en múltiplas instancias é obviado para facer como que non existe. Porque do que non se fala, non existe.

Son as socias e socios, co seu apoio, as mellores garantes de consolidación e do crecemento de Praza.gal e de que este se produza con condicións laborais dignas para cada membro do noso equipo

Principiamos o noveno ano de Praza.gal con novos proxectos. O primeiro, o nacemento de TEMAS, os monográficos que as socias e socios do xornal terán ao seu dispor cada mes de agora en diante e cos que redobramos a nosa aposta polos contidos xornalísticos feitos para consultar con repouso, lonxe da última hora permanente que retorce o xornalismo ata, as máis das veces, facelo desaparecer. 

Son as socias e socios, co seu apoio económico, as mellores garantes da consolidación do proxecto de Praza.gal. Tamén do noso crecemento, que só se produce cando contamos con bases sólidas para garantirmos condicións laborais dignas para cada membro do noso equipo. Porque iso tamén é coidar o xornalismo e diso tamén hai que falar para que exista. 

Se xa es socia ou socio de Praza.gal, agradecémosche enormemente a túa confianza e agardamos seguirmos merecéndoa neste noso noveno ano, cuxo comezo celebraremos contra finais de mes cunha pequena festa na Coruña. Se aínda non o es, animámoste a que, cun aquel de agasallo de aniversario, te animes a confiar en nós e te fagas de Praza para termos unha man máis coa que contarmos sen cancelas a Galicia que vén.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.