A piques de facer 7 anos na rede, Praza.gal inicia unha nova etapa este 11 de decembro estreando novo deseño do xornal e plataforma web e dándolle a benvida a VINTE, unha nova revista de sociedade, cultura e tendencias que tratará de chegar a públicos máis novos.
A piques de facer 7 anos, Praza.gal inicia unha nova etapa este 11 de decembro co redeseño do xornal e o nacemento de VINTE
VINTE nace como un espazo desde o que "retratar e proxectar a Galicia dos anos VINTE", cunha forte aposta polos contidos audiovisuais, polas novas linguaxes e pola distribución nas redes sociais. A nova revista sae hoxe cun vÍdeo sobre a vida en Carballo da man do grupo Chicharrón, unha entrevista coa youtuber e escritora Carolina Iglesias e reportaxes sobre a cineasta Lucía Estévez e o equipo de fútbol sala que arrasa nas redes, a Unión Soviética de Sigüeiro.
Outros formatos audiovisuais desenvolvidos por VINTE son o consultorio Ti fai o que eu che diga, onde Lucía Aldao, Iria Pinheiro e María Lado contestarán as inquedanzas da audiencia, ou Vinte xogando, onde un personaxe coñecido nos falará do seu videoxogo favorito e nos fará unha demostración de como se xoga. O primeiro convidado é Nuno Pico, o cantante de Oh Ayatollah!
No apartado de creación, o poeta Jesús Castro publica un caderno con fotografías e anotacións da súa recente estancia en Londres. Tamén se inclúe unha serie de recomendacións a non perder no festival Novos Cinemas, que comeza hoxe en Pontevedra. E unha guía de agasallos para este Nadal que se poden mercar no pequeno comercio electrónico galego.
VINTE publicará novos contidos case a diario, e terá a súa propia zona de socias/os para as persoas que se queiran subscribir e poder acceder así a distintas vantaxes e contidos premium.
Novo deseño de Praza
A zona de socias e socios é tamén outra das novidades de Praza.gal, e nela ofreceranse adiantos informativos, contidos exclusivos e outras vantaxes que reforzan o valor de facerse socio de Praza, algo que tamén se facilita na nova web.
A nova zona de socias e socios é unha das principais novidades da nova etapa do xornal, cuxo deseño foi renovado de maneira integral co traballo do Laboratorio NUMAX
En canto ao deseño, renovouse de maneira integral co traballo do Laboratorio NUMAX, tamén a cargo do deseño de VINTE, e está moito máis adaptado aos dispositivos móbiles, ofrecendo unha experiencia de lectura e navegación moito máis áxil e completa, ademais dunha mellor integración do contido multimedia.
Chegan tamén novidades a un dos espazos máis visitados do xornal, o Fálase, que agora torna nunha liña de tempo completa no que acceder máis facilmente a toda a información.
A fundación Praza Pública presentou esta nova etapa o pasado 23 de novembro en Compostela e tamén o 2 de decembro no Culturgal, cun stand no que o público puido coñecer de perto o novo deseño de Praza.gal e mais un adianto dos contidos de VINTE.