A emerxencia climática é un feito innegable. Nin é unha teoría nin é un futuro indeterminado. É agora e está aquí, tamén en Galicia. Entre as múltiples consecuencias das medidas para procurar frear o quecemento global teñen un lugar destacado a fin das industrias máis contaminantes. A descarbonización.
Cada mes, as socias e socios de Praza.gal poderán descargar do seu espazo no xornal un novo número de TEMAS
A fin do carbón que durante décadas alimentou as centrais térmicas de Meirama e das Pontes non é un feito novo. Pero o período máis ou menos transitorio que permitiu prolongar a súa vida e, con ela, os seus efectos contaminantes e tamén o emprego que xeran, chegou á súa fin. Primeiro foi a antiga Fenosa en Meirama e despois, Endesa nas Pontes. As térmicas van rematar e do xeito en que o fagan dependerá o modo de vida nas súas contornas, pero tamén a adaptación de Galicia ao escenario no que frear a crise climática non é unha opción.
Este é o escenario que debulla o primeiro número de TEMAS, os monográficos para as socias e socios de Praza.gal. Botan a andar cadrando co oitavo aniversario do xornal, cuxa andaina comezou o 1 de febreiro de 2012, e as persoas socias poderán descargar cada mes un novo número no seu espazo do noso sitio web.
Dende a Fundación Praza Pública e da propia redacción de Praza.gal apostamos por que esta publicación sirva para que as persoas que apoian o xornal teñan en TEMAS un espazo para a lectura máis repousada do noso relato informativo. Para facelo, recompilaremos, ordenaremos -e nalgún caso, actualizaremos- as pezas informativas de Praza.gal que tentan explicar dun xeito demorado o que sucede no país e no mundo nunha publicación con vocación de poder ser gardada e recuperada no futuro.
Grazas ás socias e socios sostemos a redacción e contamos máis e mellor, sen présa e sen cancelas. Se aínda non es de Praza.gal, podes facerte socia ou socio aquí. Ademais, se queres, tamén podes ter de balde cada mañá as novas de Praza.gal no teu correo e recibires o máis destacado das publicacións do xornal no teu Telegram.