Chegou o terceiro parto no hospital de Verín logo do peche do paridoiro. Pouco despois das 11 da mañá, segundo puido confirmar Praza.gal, unha muller deu a luz unha nena logo de ingresar hora e pico antes no centro cunha dilatación que desaconsellaba que fose trasladada a Ourense, tal e como indica o protocolo do Sergas tras a supresión da atención aos partos e das urxencias pediátricas.
A muller, concelleira do PP na Gudiña, deu a luz a súa filla no terceiro parto que se produce en Verín desde que o Sergas decidiu suprimir o paridoiro
A muller é concelleira do PP na Gudiña, municipio a máis de 30 quilómetros de Verín pero a uns 90 e 50 minutos de coche do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Curiosamente, o rexedor da localidade onde é edil a nai e compañeiro do grupo municipal, José María Lago, tamén do Partido Popular, opuxérase con contundencia ao peche do paridoiro no hospital comarcal, advertira das grandes distancias desde a súa localidade a Ourense e anunciaba "presión" e "todas as medias" ao seu alcance para evitar a decisión tomada polo seu partido desde a Xunta.
O alcalde da Gudiña foi un dos rexedores da comarca que fixeron fronte común contra a decisión do Sergas de suprimir a atención aos partos, trasladando o seu malestar á dirección do seu partido en Galicia e á propia Xunta, tal e como fixo o líder do PP ourensán e presidente da Deputación, José Manuel Baltar.
Agora, unha edil do PP dun dos concellos máis afectados polo peche do paridoiro dá a luz en Verín malia que mesmo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, convidou as mulleres embarazadas que tivesen indicios de parto a dirixirse ao CHUO por ser "o centro de referencia de atención aos partos".
A edil popular acudiu ao hospital de Verín malia que o conselleiro de Sanidade recomendou as embarazadas ir directamente o CHUO de Ourense
Nesta ocasión, a muller, cunha dilatación avanzada de 7 centímetros, optou por acudir ao centro verinense malia a ausencia de pediatra, que acudiu desde Ourense tras ser reclamado polo servizo de xinecoloxía pero que non chegou ata despois do nacemento da pequena, quinto fillo da concelleira. A súa condición de multiparta facía inviable, segundo fontes médicas consultadas, que chegase a parir ao CHUO. "Non chegaba nin á saída de Verín", din.
Ademais, a muller decidiu quedar no hospital comarcal malia que foi requirida para ser trasladada á capital provincial. Negouse. Este vindeiro mércores está previsto que lles dean a alta.
José María Lago, alcalde da Gudiña, en declaracións a Praza.gal, considera que o parto deste martes demostra "que é urxente e necesario" reabrir o paridoiro "o antes posible" e lembra que "todos os alcaldes do PP da comarca" amosaron a súa "posición contraria" á decisión da Xunta de suprimir o servizo de atención aos partos. "Temos que buscar e dar solucións para dotar de medios ao rural", insiste.
O parto, sen complicacións, é o terceiro que se produce no hospital comarcal de Verín desde que se pechou a sala de partos o pasado 1 de decembro, aínda que os dous anteriores foron de urxencia e con comunicación xudicial por medio.
O alcalde da Gudiña, do PP, cre que o parto da concelleira demostra "que é urxente e necesario" reabrir o paridoiro
Ademais, arredor de cinco nacementos máis que tiveron lugar no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e, maiormente, no CHUO durante ese período terían acontecido no centro verinense de ter contado cos pediatras que agora busca contratar o Sergas.
A nova xerente do hospital de Verín, Guillermina Agulla, que chegou en substitución do dimitido Miguel Abad, confirmou xa a marcha atrás do Sergas, que anuncia que reabrirá o paridoiro o antes posible e que busca a contratación de dous pediatras. Ademais, rexeitou o argumento que Sanidade deu nun principio para xustificar a supresión do servizo. "Falta de pericia dos profesionais? "Xamais me atrevería a dicir semellante cousa", asegurou.