Segundo parto de urxencia en Verín tras o peche da atención aos partos. Unha pequena naceu preto da 1 da madrugada deste venres no hospital comarcal, menos de dúas horas despois da súa entrada no centro cunha importante dilatación que desaconsellaba, segundo os médicos que atenderon a nai, o seu traslado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), tal e como indica o protocolo do Sergas logo do polémico peche do paridoiro e das urxencias pediátricas.
O equipo de xinecoloxía que atendeu a muller negouse a que fose trasladada a Ourense ante a inminencia do parto e a alta probabilidade de que acontecese na ambulancia
Foi o equipo de xinecoloxía que atendeu a embarazada quen se negou a que a muller fose trasladada a Ourense, por estritos criterios médicos, ao considerar que a nai acabaría parindo de camiño na ambulancia e tras comprobar que o parto sería inminente. Ao igual que no primeiro dos partos tras o peche do servizo, os facultativos responsables en Verín chamaron ao xuíz de garda para advertir de que se negarían a seguir o protocolo que lle esixían desde o CHUO para evitar riscos.
A pediatra que viaxou desde o CHUO chegou a Verín 40 minutos despois do parto e non trasladou a pequena a Ourense ante a negativa dos pais
Ante esta situación, desde o CHUO, case dúas horas despois da entrada da muller no hospital de Verín, sae unha ambulancia con dúas sanitarias dispostas a atender o parto, que tivo lugar preto da 1 e cando os facultativos estaban aínda de camiño.
A pediatra e a enfermeira chegaron ao hospital de Verín, segundo confirman fontes facultativas, 40 minutos despois dun parto que aconteceu sen complicacións. A intención era a de, tal e como ordena agora o Sergas, trasladar o neonato ao CHUO nunha ambulancia na que non podía viaxar a familia, pero os pais negáronse. Malia a insistencia, a pequena acabou quedando xunto á súa nai no centro comarcal, onde aínda se atopan ambas. Antes de marchar, os facultativos chegados de Ourense fixéronlle asinar un papel que os exonerase de responsabilidade ante as posibles complicacións de saúde da nena.
Nun vídeo, publicado polo Diario do Támega, pode escoitarse a pediatra intentando convencer a familia para que a nena, Andrea Larisa, fose trasladada ao CHUO. Explicáballe, tamén, a imposibilidade de que pequena e nai fosen xuntas no traslado, aínda que si poderían xuntarse logo no hospital. É daquela cando os pais se negan e a pediatra lles advirte de que deberán asinar un documento no que asumen a súa responsabilidade de quedar en Verín sen a pediatra, que volve a Ourense.
O segundo nacemento en Verín logo da decisión do Sergas de suprimir o servizo de atención aos partos e as urxencias pediátricas produciuse á vista das persoas que manteñen o peche no hospital desde hai máis dun mes reclamando que se recupere o paridoiro.
As reaccións políticas non se fixeron esperar. En Marea advertiu de que o segundo parto de urxencia en Verín logo do peche do paridoiro "volve poñer en risco a nai e o seu bebé, ante a pasividade dunha Xunta de Galicia, que non quere entender que a sanidade hai que planificala en base a criterios sanitarios e que desobedece todas as recomendacións da OMS".
"É a decisión do peche levada a cabo pola Xunta a que pon en risco a nais e bebés", denuncia En Marea
A deputada da formación, Paula Verao, cargou contra o Goberno galego pola "decisión política" de pechar a atención aos partos: “Feijóo dixo que pechaba o paridoiro de Verín por risco das nais e dos bebés pero a realidade e que é precisamente a súa política de peche o que pon en risco a nais e bebés e xa é a segunda vez que un parto ten que ser atendido en Verín por risco de parir no propio camiño”.