O conflito sanitario e político que se lle abriu á Xunta en Verín non ten traza de rematar axiña. Hai agora un mes, facíase efectivo o peche da atención aos partos e das urxencias pediátricas no hospital comarcal e, a un tempo, veciñanza comezaba un peche nas instalacións que aínda continua. "Manteremos as protestas ata que nos devolvan os servizos suprimidos, aguantaremos o que faga falta ata que os recuperemos", advirte Aurora Solas, voceira da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da comarca de Monterrei.
"Manteremos as protestas ata que nos devolvan os servizos suprimidos, aguantaremos o que faga falta ata que os recuperemos"
Ela é unha das máis habituais nos máis de 30 días dun peche que é unha das formas dunha protesta masiva que encheu varias veces as rúas de Verín, que concentrou milleiros ante o hospital, que velou e enterrou simbolicamente os servizos sanitarios, que chegou ás portas do Parlamento ou que celebrou unhas badaladas alternativas contra un peche que ten boa parte da comarca en pé. "Aquí non recúa ninguén e mesmo hai xente maior que se vai implicando e que nos pide aos novos que sigamos loitando", resume Aurora, confiada en que o Sergas "dará marcha atrás". "De non ser así, non imos quedar cos brazos cruzados", engade.
A dimisión do xerente do hospital, Miguel Abad, é para Aurora, pero tamén para persoal do centro, unha decisión que "dá a razón á xente mobilizada". "Marcha porque non está de acordo coas decisións que se tomaron desde o Sergas", insiste, nunha opinión compartida por unha das matronas en Verín. "Que dimitise demostra que as cousas non se fixeron ben e que, se cadra, arrepíntese de non ter apoiado os profesionais cando Sanidade aduciu falta de pericia para xustificar o peche", di esta traballadora.
"A xente sabe que se foron desmantelando os servizos, non só os de pediatría, e está disposta a loitar"
A matrona, unha das profesionais do hospital de Verín, advirte que o centro "funciona con total normalidade" malia o "baleiro de poder" que sente o persoal desde que o Sergas suprimise a atención aos partos. Ela ten tamén a esperanza de que a Xunta dea marcha atrás, "que se produzan cambios na xerencia e que se decaten de que as cousas non se fan así". "Saben de sobra que había alternativas ao peche pero non quixeron nin contemplalas", di.
Ademais, coincide en que a intención da xente mobilizada é a de "non parar ata que se consigan os obxectivos". "Teñen moi claro que manterán o peche e as protestas o tempo que faga falta", engade. Rogelio Viñán, un dos xinecólogos do hospital, está tamén convencido de que a mecha que prendeu en Verín non vai apagar tan fácil, incluso cunha posible volta dos pediatras dos que agora carece o centro. "A xente sabe que se foron desmantelando os servizos, non só os de pediatría, e está disposta a loitar", asegura.
Viñán, con anos de experiencia en Verín, aclara que malia a decisión do Sergas, a realidade é que "o paridoiro non está pechado". "O que ocorre é que non hai pediatras, pero mentres haxa xinecólogos, a atención aos partos continúa", insiste quen leva tempo avisando dun problema que é moito máis que dunha decisión e que abrangue "mala xestión" e anos de inacción ante un conflito acentuado "coa implantación das novas áreas sanitarias". "A división feita estaría ben se a dispersión xeográfica non fose máis aló de 50 quilómetros, algo que nin moito menos ocorre na provincia de Ourense", destaca.
"A decisión do Sergas deixa sen urxencias pediátricas a 2.200 pequenos da comarca", lembra Rogelio Viñán, un dos xinecólogos do hospital de Verín
Este xinecólogo é moi crítico, como todo o equipo de Xinecoloxía e Obstetricia de Verín, cunha decisión do Sergas que, recorda, "deixa 2.200 pequenos da comarca sen urxencias pediátricas" mentres no CHUO de Ourense "traballan 23 pediatras".
Asegura, no entanto, que a mobilización "aínda non conseguiu nada" porque o Sergas "segue aferrado a unhas directrices científicas que non son reais", en referencia ao documento aludido pola Xunta que advirte da necesidade de 600 partos anuais para xustificar a apertura da atención aos partos nun hospital, cifra que non cumpre ningún comarcal en Galicia e á que nunca chegou Monterrei e que non é aplicable, como o propio documento indica, no caso de que as distancias sexan importantes.
As matronas do hospital de Verín, de feito, pediron á dirección que lles facilitasen por escrito eses "informes taxativos" que recomendarían pechar o paridoiro. "Pero nunca o fixeron porque saben que non son válidos", indica unha das traballadoras, a mesma que asegura que o Sergas "tería ben doado comprobar a calidade dos partos no centro, accedendo aos informes técnicos e informatizados que así o certifican". "Saben que non deberían telo pechado", insiste.
"A crise interna no PP e a posible perda de votos vai influír porque, de seguir así, será unha sangría para os populares"
Ela, Aurora Solas ou Rogelio Viñán coinciden en que a "presión" que a cidadanía faga será fundamental para recuperar o paridoiro e as urxencias pediátricas e para "deter o desmantelamento do hospital". Tamén saben que, por desgraza, as consecuencias electorais da revolta verinense son tamén claves.
"A crise interna no PP e a posible perda de votos vai influír porque, de seguir así, será unha sangría para os populares. Se os recortes en Verín se consolidan, as zonas do resto de hospitais comarcais vanlle ver as orellas ao lobo e a xente non é parva... Estamos falando de un millón de persoas", explica un profesional médico do hospital, convencido de que acabarán por ser as posibles facturas electorais as que "fagan recuar" a Feijóo.
De non ser así, Aurora Solas advirte de que será difícil deter a indignación. "Quero pensar que haberá marcha atrás porque a cidadanía non está disposta a perder máis servizos dos que xa perdemos nos últimos anos", sentencia.