As prazas de pediatría coas que a Xunta prometeu manter o paridoiro en Verín volven quedar desertas

Hospital de Verín, nado como fundación nos 90 e rescatado para o Sergas en 2008 © Google

As dúas prazas interinas como pediatra para o hospital comarcal de Verín volven quedar desertas. A oferta convocada o pasado 12 de decembro rematou este pasado martes sen que ningunha persoa presentase a súa candidatura e logo de quince días de prazo para formalizaren solicitudes. Tal e como acontecera na última convocatoria, de hai medio ano, ningún profesional optou ás vacantes, tal e como advertiran facultativos e persoal do propio centro, que alertaron da dificultade ao ofrecerse as mesmas condicións de "inestabilidade" e "falta de incentivos" aos aspirantes. 

A convocatoria de dúas prazas de pediatría para Verín volveu quedar deserta, como xa acontecera o pasado mes de xuño

A escaseza de pediatras e as condicións laborais son as causas da ausencia de candidaturas, malia que cubrir as dúas prazas de pediatría foi a condición que a Xunta puxo para pode reabrir o paridoiro e as urxencias pediátricas, pechadas no hospital de Verín desde o pasado 1 de decembro. Aínda que desde o Sergas se apuntou nun principio á "falta de pericia" dos profesionais pola baixa natalidade e o reducido número de nacementos anuais, foi o propio presidente Núñez Feijóo quen garantiu a reapertura da atención aos partos de cubrirse as prazas vacantes

Protesta contra o peche da atención aos partos no hospital de Verín © MMM Galiza

"No caso de conseguir pediatras para que atendan o neno despois do parto, volveremos valorar a posibilidade de reactivar eses partos", dixera Feijóo, mentres outros membros do seu Goberno insistían e insisten nunha decisión baseada nas indicacións e criterios científicos de xinecólogos, obstetras e pediatras do hospital de Ourense e sen marcha atrás. 

Varias condenas xudiciais contra o sistema de gardas do Sergas na área de Ourense precipitou o peche do paridoiro de Verín

Noutro hospital comarcal do distrito ourensán do Sergas, no do Barco, a atención aos partos continúa ao manterse as gardas de pediatría que cobren os profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desprazándose regularmente desde a capital provincial. Malia que no caso de Verín as gardas estaban organizadas e asignadas ata o vindeiro mes de marzo, varias condenas xudiciais contra a precariedade deste sistema de gardas do Sergas que obrigaron a reorganizalo e a rotar o envío de facultativos á comarca de Monterrei precipitou un peche moi contestado pola cidadanía e o persoal. De feito, as protestas e o peche no centro hospitalario continúan mes e pico despois da supresión do servizo. 

Desde a xerencia da área sanitaria de Ourense advirten de que eran coñecedores de que era "moi difícil" conseguir que se cubrisen as prazas. Ademais, explícase que tanto nesta como noutras especialidades "as vacantes son moi complicadas de cubrir porque o mercado non dá". Xa que logo, e á espera de que puidese terse presentado algunha solicitude noutro rexistro da Administración, na área ourensá non apareceu nin un só candidato. 

A xerencia da área sanitaria de Ourense asume que é "moi difícil" cubrir as prazas de pediatría: "O mercado non dá"

"O que debe facer o Sergas é ofrecer un contrato estable, ben remunerado e con incentivos, ben sexan económicos por establecerse nunha zona rural e máis illada, ou con puntuación que favoreza o persoal á hora de solicitar un traslado ou para a súa carreira", levan advertindo profesionais da área sanitaria de Ourense desde que se iniciase o conflito

"Hai poucos pediatras, e os que hai non queren vir para Galicia. E se veñen para Galicia non queren ir para Verín", explicaba en Praza.gal Casimiro Obispo, presidente da Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía (SGOX), que subliñaba tamén a responsabilidade do Sergas: "Isto sucede porque o Sergas é a administración que peor trata aos médicos en toda España, e iso dificulta que queiran vir aquí. E os que poden, se non teñen ligazóns persoais con Galicia, prefiren traballar en Valencia ou Valladolid".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.