"O problema co paridoiro de Verín é a política de precariedade do Sergas"

Gerardo Seoane, alcalde de Verín, nunha imaxe de arquivo © Concello de Verín

O socialista Gerardo Seoane é alcalde de Verín en coalición co BNG dende 2015. Asiste gratamente sorprendido á "contundente" reacción cidadá ante o peche da sala de partos do Hospital Comarcal, decidido pola Xunta. Consciente do "evidente" devalo demográfico que sofre o país e, moi especialmente, a provincia de Ourense, o rexedor verinés di ver claro que é nestas zonas "onde a actuación pública ten que ser prioritaria, por riba da rendibilidade económica". No caso concreto do Hospital Comarcal en xeral e da atención aos partos en particular, Seoane insta a buscar solucións compartidas mesmo con Portugal, pero di ter claro que "os contratos precarios do Sergas" están a "dificultar todo".

Agardaba esta reacción da cidadanía ao peche do paridoiro?

Ninguén agardaba que a reacción fose tan forte e contundente, pero estamos falando dun caso grave e importante. É o peche dun servizo que xa existe e non decidir non activar algo que xa non existe. A sociedade e as entidades pola defensa da sanidade pública actuaron moi ben. 

A Xunta e o seu presidente, Núñez Feijóo, xustificaban o peche polo baixo número de nacementos e a "falta de pericia" dos profesionais, pero agora xa falan de ausencia de pediatras e mesmo da reactivación do servizo...

"Os informes que se empregaron para xustificar a decisión son nesgados. Os partos no Hospital de Verín sempre foron seguros"

Insisto. Estamos nunha comarca que se vai despoboando pouco a pouco, pero iso non ten nada que ver co desmantelamento dun servizo que xa existe e que leva funcionando moito tempo. Aquí o Sergas aludiu a uns informes técnicos cando, en realidade, tamén se poden facer outros que digan exactamente o contrario. E, ademais, aténdese a cuestións que non están a dar solucións aos problemas. O despoboamento dun territorio non quere dicir que debas abandonar servizos, senón, precisamente, que debes ter un mínimo de servizos no rural. Os informes técnicos que se empregaron para xustificar a decisión son nesgados e poderíanse facer perfectamente outros que se adaptasen a outra realidade. Non houbo problemas de seguridade cos partos no Hospital de Verín, sempre foron seguros. 

Cal é o problema, daquela?

Hai un problema de persoal e contratación no Sergas. Ocorre non só cos pediatras, senón tamén con outros especialistas. Estanlles ofrecendo contratos que non sei se se poderían chamar lixo pero case... Contratacións temporais que impiden darlle certa estabilidade aos servizos hospitalarios. 

Gerardo Seoane (dereita), alcalde de Verín, nunha imaxe de arquivo co tenente da Alcaldía, Diego Lourenzo © Concello de Verín

"Hai un problema de persoal e contratación no Sergas. Por que van querer vir ata Veríns e non lles pagan como é debido o desprazamento e non teñen asegurado nada?"

Feijóo anunciou que o Sergas volve convocar dúas prazas para Verín...

O que acaba de facer é o mesmo que hai catro meses, as mesmas prazas que quedaron desertas daquela porque non se lles dá perspectivas nin garantías de quedar na zona a estes profesionais. Por que van querer vir ata Verín se non lles pagan como é debido o desprazamento, se non teñen asegurado nada? A propia oferta de emprego é un fiel reflexo de todas as eivas que tes no sistema e de onde hai que apuntar. 

Como cre que se debe abordar o problema?

É unha cuestión de servizo público. É evidente que a poboación nesta zona está a diminuír rapidamente e que a porcentaxe de xente maior é cada vez máis grande, e é aquí onde a actuación pública ten que ser prioritaria, por riba da rendibilidade económica e doutro tipo de cuestións ou informes que poidan invocarse. Ten que haber vontade de manter este servizo e de mantear hospitais onde se presten uns servizos mínimos para unha cuestión tan importante como é un nacemento, pero tamén para outras especialidades coas que está ocorrer exactamente o mesmo. 

Cre que a Xunta está intentando amañar a situación?

Ofrecendo contratos temporais? A política de precariedade do Sergas é a que provoca isto, a que as cousas se vaian facendo no sentido contrario. En lugar de dar estabilidade, estase a desestabilizar o pouco que queda no rural. 

"É a precariedade laboral e os contratos precarios o que o dificultan todo. Dá a impresión de que se fan así as cousas para que non se cubran prazas"

Cre que é a precariedade laboral o factor que máis inflúe?

É moi evidente o que está a pasar porque o contan médicos e enfermeiras. É a precariedade laboral e os contratos precarios o que o dificultan todo. Dá a impresión de que se fan así as cousas para que non se cubran prazas... Todos sabemos onde estamos, os números... Sexamos racionais. 

Como?

Temos que buscar unha solución e a primeira delas é dar estabilidade aos profesionais para que veñan traballar. É posible que a situación, de seguir así a tendencia, non a poidas soportar demasiado tempo e que dentro de 4-6 anos haxa que formular outra porque non hai unha masa crítica suficiente. Daquela, busquemos esa masa crítica. 

Carteis de protesta e loito no Hospital Comarcal de Verín CC-BY-SA Praza Pública

Que propón?

Entre a zona de Chaves e a de Verín hai uns 500 nacementos ao ano, así que habería que buscar un acordo para traballar conxuntamente nunha área sanitaria. Ese acordo non o pode tomar a Xunta, senón que ten que ser un acordo internacional que implique o Goberno de Portugal e o de España. Podemos aproveitar a potencia que ten a Eurocidade e todas as axudas, que as hai, que achega a UE a áreas como a nosa, despoboadas ou en proceso de despoboamento. Debemos procurar ir nesta vía para seguir prestando servizos. 

"Entre a zona de Chaves e a de Verín hai uns 500 nacementos ao ano,  que habería que buscar un acordo para traballar conxuntamente nunha área sanitaria"

Esa proposta xa foi realizada polo Eixo Atlántico hai máis dunha década e mesmo ben recibida pola Xunta, que pouco máis fixo...

Un dos problemas deste país é que se fala de cousas nas que non se teñen competencias. Podemos formular o que queiramos, pero hai que seguir o camiño axeitado. Se é só para sacar a foto, pois moi ben, pero todo iso acabou parado. Eu teño claro que é posible, pero hai que poñerse a traballar desde a parte española e portuguesa e lograr un acordo que permita seguir ofrecendo os servizos aquí, xa non só por rendibilidade social, senón tamén por criterios económicos porque a carga non sería tan grande. Para este tipo de convenios, a UE ten partidas económicas que se poderían estudar. Sabemos que non nos levaría unha semana nin un mes, senón máis, pero hai que poñerse a traballar e facelo ben. 

"Falta chamar ás cousas polo nome e ser consciente de onde vivimos. O tema do paridoiro só é a punta do iceberg; se se iran as cousas só pola rendibilidade económica, non se manterá nada"

Cre que falta vontade política?

Non creo que falta vontade, o que falta é chamar ás cousas polo seu nome, ser consciente de onde vivimos, do envellecemento, de que a masa crítica para contar con certos servizos está no límite e que temos que actuar. E, por riba de todo, temos que ter en conta que o tema do paridoiro só é a punta do iceberg. Hai servizos que se non se acubillan baixo un paraugas público non se van manter nunca. 

Daquela, hai un criterio de renbidibilidade económica, economicista...

Se se miran as cousas só pola rendibilidade económica, non se manterá nada. A xente ten que defender o público porque nel vaille a supervivencia e de aí a gran contestación social. A cidadanía sabe que se non protexen o público non lles quedará nada. 

"O que se leva facendo dende hai meses é desviar persoal e doentes a Ourense para que se vise que aquí hai problemas"

Deulle a impresión de que houbo demasiado cálculo partidario e político no conflito co paridoiro de Verín?

O primeiro que fixo o Sergas para tomar a decisión foi baseala en criterios técnicos usando datos á súa maneira. O que se leva facendo desde hai meses é desviar persoal e doentes para Ourense para que se vise que aquí había problemas, pero aquí non mudou nada nos últimos meses para mellor nin para peor. O que mudou foi o sistema de contratación e as decisión veñen de onde veñen...

Incluír a zona de Verín na área sanitaria de Ourense restoulle autoxestión. É ese un dos problemas?

Ampliar as áreas sanitarias trouxo vantaxes pero tamén problemas. Claro que inflúe desde onde se toman as decisións, pero a xénese do problema está na precariedade que fomenta o propio Sergas. A agrupación de áreas sanitarias buscando maior viabilidade nalgúns aspectos non está mal, pero hai outras cousas que se fixeron que non se poden facer. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.