A Xunta recúa de vez. Mes e pouco despois de pechar a atención aos partos e o servizo de urxencias pediátricas no hospital de Verín, o Sergas admite xa que intentará reabrir "o máis axiña posible" o paridoiro e que fará todo o posible para contar coas dúas prazas de pediatras vacantes que non deu cuberto nas convocatorias abertas en xuño e no pasado mes de decembro, onde quedaron vacantes.
A nova xerente en Verín reuniuse xa con aspirantes para contratar directamente pediatras tras quedar vacantes as dúas prazas das últimas convocatorias
Ese é o obxectivo encomendado a Guillermina Agulla, nova xerente do hospital de Verín desde este xoves en substitución do dimitido Miguel Abad, e que xa recoñece que a reapertura "canto antes" da sala de partos é o seu obxectivo. Así, tal e como confirma o Sergas, a nova directora reuniuse xa na mañá deste venres cunha facultativa candidata que se interesou pola praza e manterá xuntanzas con outros dous aspirantes vía telefónica.
Unha das pediatras que acudiu á entrevista reuniuse tamén con profesionais do servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do hospital, que confían en que se incorporará ao hospital e que "o paridoiro reabrirá". Ademais, outro aspirante mostrou tamén a súa intención de incorporarse, aínda que a reapertura podería producirse mesmo cun só pediatra máis e a axuda doutros de Atención Primaria.
"Na convocatoria ofreceuse o mellor contrato posible que se pode ofrecer nunha administración pública se non se supera unha oposición, un contrato indefinido ao que, á espera de constatar todos os rexistros, non optou ninguén", aclaran desde a área sanitaria de Ourense. Agora, e máis de medio ano despois de que se certificase que non había candidatos xa naquela convocatoria, o Sergas procura a "contratación directa" de dous profesionais que permitan reabrir a atención aos partos, mentres as protestas da cidadanía e persoal continúan, ao igual que o peche que se mantén no hospital comarcal.
A Xunta xustificou o peche, nun principio, na "falta de pericia" polo baixo número de partos para culpar logo a falta de pediatras
Foi a finais do pasado mes de novembro cando a xerencia da área sanitaria de Ourense anunciaba o peche da atención aos partos no Hospital Público de Verín. Entre a indignación da cidadanía e do persoal, o Sergas xustificou a medida no baixo número de nacementos atendidos pola baixa natalidade na zona, o que derivaría en problemas de “seguridade” para os pequenos e as nais pola falta de “pericia” e “perda de experiencia” dos profesionais, argumentos desmentidos desde sempre polos traballadores, que sinalaron a Consellería de Sanidade pola deficiente organización, a falta de pediatras derivada desta e unha xestión baseada na rendibilidade económica e nos recortes.
De feito, tardou pouco o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en sinalar a falta de persoal de pediatría e a dificultade para contratalo como a causa principal do peche do paridoiro, mentres o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, advertía a un tempo que o baixo número de partos era "o desencadeante" da decisión, achegando mesmo datos que alertan da "redución importante da evolución da natalidade no distrito sanitario de Verín".
Nun principio, a xerencia da área de Ourense argumentou o peche nas recomendacións dunha guía sobre maternidade para o Ministerio de Sanidad de hai unha década na que se advirte da inoportunidade de abrir servizo de atención aos partos en zonas onde houbese menos de 600 anuais, pero nos que alerta da excepcionalidade de lugares afastados do centro de referencia. Na área de Verín non se superan os cen a tal hora, pero non se chegou a un terzo dos que esgrime a Xunta nunca desde que hai hospital. Tampouco en ningún centro comarcal nin en moitos privados.
"Non agardaban esa contestación social e por iso recúan; a súa decisión era pechar o paridoiro", di un dos profesionais do hospital de Verín
Agora, o Sergas apura para contratar o máis axiña posible dous pediatras que "garantan a seguridade" nos partos. "Non hai servizo de pediatría, senón que era cuberto con gardas", lembran desde a área sanitaria ourensá. De feito, foron varias condenas xudiciais contra o sistema co que Sanidade organizaba esas gardas as que precipitaron a decisión de pechar o paridoiro, unha supresión que ergueu toda unha comarca, con manifestacións masivas e protestas que aínda se manteñen.
"Non agardaban esa contestación social e por iso recúan; a súa decisión era pechar o paridoiro, pero o PP ten moi preto as eleccións e non contaba coa importante protesta da cidadanía", reflexiona un dos profesionais do hospital de Verín sobre a actitude da Xunta.