O Sergas recupera unha antiga xerente para dirixir o hospital de Verín tras a dimisión o pasado 27 de decembro de Miguel Abad, que abandonou a xerencia por motivos "estritamente persoais" en medio da polémica polo peche do paridoiro e coa protesta cidadá e de profesionais instalada no complexo hospitalario. O posto será ocupado, tal e como reflicte o DOG deste xoves, por Guillermina Agulla, quen dirixiu xa en dous períodos nos últimos anos o centro de Valdeorras e estaba xubilada desde xaneiro de 2017.
A dimisión de Miguel Abad, que fontes profesionais atribúen ao seu desacordo coa decisión do Sergas de suprimir a atención aos partos e as urxencias pediátricas, afondou na crise no hospital de Verín, que agora recupera a xerente que dirixiu o centro entre 2010 e 2013 e nunha posterior etapa entre 2016 e principios de 2017. Nese intervalo entre ambas experiencias, encargouse da xerencia do outro hospital comarcal da área sanitaria de Ourense, o do Barco, polo que é unha gran coñecedora da situación sanitaria na provincia.
O Sergas recupera a Guillermina Agulla, quen fora xerente do hospital de Verín en dúas etapas, a última ata xaneiro de 2017, cando se xubilou
Xubilada desde xaneiro de 2017, a Xunta recupéraa agora para regresar ao cargo que ocupou durante varios anos e para afrontar o conflito provocado pola supresión do paridoiro desde o pasado 1 de decembro. Fontes facultativas entenden a súa chegada como un intento da Consellería de Sanidade de aplacar os ánimos do persoal e da cidadanía mobilizada e mesmo coa posibilidade de que dirixa a recuperación dos servizos suprimidos ante o impacto social creado. Pero outras fontes tamén lembran que a súa chegada non supón cambio ningún coa política sanitaria levada a cabo polo Sergas nos últimos anos e advirten das críticas que a súa xestión recibiu na súa etapa á fronte do hospital de Valdeorras.
No verán de 2014, 35 médicos dos hospital comarcal do Barco asinaron un comunicado no que denunciaron a "xestión deficiente e perigosa" da xerencia do hospital que daquela encabezaba Guillermina Agulla, á que acusaban de buscar o "desmantelamento progresivo de gran parto do conseguido con tanto tempo e traballo de todos".
35 médicos do hospital do Barco asinaran en 2014 un comunicado denunciando a "xestión deficiente e perigosa" de Guillermina Agulla
Os facultativos denunciaron "contratos en precario, sen gardas e sen posibilidade de ingresar pacientes que deben ser trasladados a outros hospitais", consultas "masificadas" e "recortes no persoal de garda", ademais dun trato "prepotente e vexatorio" por parte da que agora será a encargada de dirixir o hospital de Verín. Mesmo o sindicato CESM-Omega, que representaba a maioría do persoal facultativo do Sergas, denunciara ante a Fiscalía a que consideraba "crecente e perigosa diminución" de médicos, a "precariedade" das gardas e a carencia de servizos no hospital do Barco.
Aínda que fontes do persoal do hospital de Verín ven na súa chegada continuísmo, outras advirten dunha xerente "razoable, correcta e seria" e destacan que durante o seu mandato "sempre defendeu o hospital", experimentáronse importantes melloras en medios na área de Xinecoloxía e Obstetricia, incluíndo material reclamado moitas veces por profesionais e obras para a mellora das instalacións.