Entre o 'Galiza ceibe' e o 'Venceremos nós': cincuenta anos do ataque da policía franquista na Misa de Rosalía

Momento da detención de Isla Couto pola policía franquista o 25 de xullo de 1969 en San Domingos de Bonaval © Arquivo Fundación Isla Couto

"Hai capítulos do galeguismo sen escribir. Pezas da nosa historia política que merecen ser contadas para coñecer o noso pasado e comprender algo mellor o presente". É unha das motivacións que levou a Fundación Isla Couto a pescudar nos acontecementos que arrodearon a misa na honra de Rosalía de Castro celebrada, como cada ano dende tres décadas antes, o 25 de xullo de 1969, hai agora medio século. 

Aquel acto, que mesturaba relixiosidade e espírito galeguista dende 1932, estivo marcado pola carga da policía franquista e a posterior detención de tres persoas, unha delas o intelectual galeguista Xaime Isla Couto -falecido en 2012-, tras o canto do emblemático Venceremos nós e posteriores berros de "Galiza Ceibe" e "Liberdades para Galicia". Dos tres detidos só un, Isla Couto, chegaría a ser condenado polo Tribunal de Orden Público (TOP) nunha sentenza despois revogada polo Supremo. O resultado destas pescudas vén de ver a luz nun libro asinado polo profesor Marcelino Agís Villaverde e editado pola propia fundación: Xaime Isla Couto: entre o Galiza Ceibe e o Venceremos Nós. Os feitos acaecidos na Misa de Rosalía 1969, xa dispoñible para a súa descarga.

O libro que vén de editar a Fundación Isla Couto pescuda na historia da Misa de Rosalía e debulla os feitos acontecidos á saída da celebración en 1969, cando Xaime Isla Couto foi detido pola policía da ditadura acusado de berrar 'Viva Galiza Ceibe' e cantar o 'Venceremos nós'

Xunto a unha amplo percorrido histórico polas orixes da Misa de Rosalía, incluíndo "documentación inédita relativa ás súas orixes dende o ano 1932", destaca a fundación, a obra detense nas diversas versións dos feitos acontecidos na contorna de San Domingos de Bonaval naquel 25 de xullo de hai cincuenta anos. Unha delas é a recollida polo profesor Xosé Luís Pastoriza no libro Xaime Isla. Raíz e Utopía de Galicia (Galaxia, 2015), quen detalla que, tras a autorizada interpretación do himno galego por parte do coro 'Ondas do Mar de Vigo' ao remate da celebración, Isla Couto foi detido xunto ao doutor Carlos Guitián e un dos membros do coro, Fidel Villar, polo canto do Venceremos nós" e por "supostos berros subversivos" de "viva Galicia ceibe" e "liberdades para Galicia".

O coro, interpretando o himno galego ao remate da misa de Rosalía de 1969 © Arquivo Fundación Isla Couto

Ese canto colectivo do Venceremos nós, relata Pastoriza, "foi iniciado polos membros da UPG que, liderados por Xosé Luís Méndez Ferrín e Bautista Álvarez, acudirán á saída da misa". Os policías franquistas bateron en Isla Couto, detivérono e levárono "polo aire" ata un dos vehículos policiais despregados na zona.

Outra versión dos feitos foi a ofrecida nos anos 80 polo histórico galeguista Manuel Beiras, un dos impulsores da Misa de Rosalía durante a II República. Aquel "dramático" día "deu lugar ao respaldo xurídico do berro Viva Galiza Ceibe pronunciado á saída da misa (...) polo irmán Xaime Illa Couto", evocaba no testemuño recollido na obra Historias da Misa de Rosalía

Ese, relataba, fora o motivo "polo cal foi detido, mallado a porrazos, guindado polo chan, na calzada de San Domingos de Bonaval" por parte da policía da ditadura. Non obstante, agrega Agís, o propio Xaime Isla "cando algunha vez me falou destes feitos referiume con detalle a emoción de cantar cos asistentes o Venceremos nós", se ben o berro "viva Galiza Ceibe" lle parecera "cousa dalgúns dos mozos que andaban por alí".

Foto tomada pola policía á saída da Misa de Rosalía de 1969 con sinais para os detidos; Isla Couto é o número 1 © Arquivo Fundación Isla Couto

O único axuizado e condenado polo TOP franquista fora Isla Couto, que acabaría sendo absolto no Supremo nunha sentenza que concluía que o berro de 'Viva Galiza ceibe' non perturbaba a paz cidadá

Entre os testemuños recompilados nesta obra inclúense as lembranzas do propio Isla Couto en resposta a unha entrevista coa xornalista Carme Vidal, n'A Nosa Terra no ano 2000. Alí o o histórico persoeiro evocaba que a Unión do Povo Galego, que desenvolvía as súas primeiras mobilizacións polo Día da Patria, "convocara unha manifestación" naquela tarde e varios dos seus membros acudiran ao remate da misa. Nesa liña, Agís recolle o relato incluído por Quico Domínguez no libro Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da Irmandade, segundo o cal ao rematod o himno "se escoitou o berro 'viva Galicia ceibe' e a seguir, un grupo comezou o canto do Venceremos nós', momento no que se produciron as carga policiais e as detencións.

Por aqueles sucesos, lembrados con diferentes matices e agora recollidos nunha única investigación, o único "axuizado e condenado" polo tribunal político da ditadura fora o propio Isla Couto, quen interpuxera recurso ante o Tribunal Supremo, que o acabaría por absolver. Na súa anulación da sentenza nunha sentenza o Supremo concluíra que o berro de “Viva Galiza Ceibe” non perturbara a paz cidadá. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.