O 1 de xaneiro de 1979 o DOG publicou no seu primeiro número o decreto polo que se declara Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano. Foi o primeiro decreto da Xunta de Galicia, daquela aínda na súa etapa pre-autonómica (anterior á aprobación do Estatuto de 1980) e a denominación aínda é a oficial. Uns meses antes, en abril de 1978, constituírase o primeiro Goberno galego autónomo da historia. Estaba dominado pola UCD (que acadara unha esmagadora maioría no noso país nas eleccións xerais de 1977) e presidido por Antonio Rosón.
Foi o primeiro decreto da Xunta de Galicia e a denominación aínda é a oficial
A Xunta de Galicia non tivo un nacemento doado. Nacía sen competencias reais nin financiamento ningún e cos receos da esquerda e do nacionalismo, que tampouco vían o seu presidente cos mellores ollos. Coincidindo coa investidura de Rosón, Interviú publicou unha reportaxe na que daba conta das denuncias anónimas que vencellaban ao presidente da Xunta con numerosas accións criminais da Falanxe durante os primeiros meses da Guerra Civil. A revista foi secuestrada polo Goberno, pero circulou en fotocopias por todo o país.
A institución necesitaba, pois, dotarse dunha lexitimidade galeguista e a iso dedicou os seus primeiros meses de andaina. Antonio Rosón declarou por exemplo a La Voz de Galicia que "se non se leva adiante un programa autonomista, abandonarei UCD, e se o único que conseguimos é unha descentralización de servizos, eu marcho para casa", nunha entrevista na que engadía que “Alexandre Bóveda, Castelao e Moncho Reboiras son personalidades fortes que serviron ao seu país con patriotismo”. Rosón mesmo tentou rodearse de personalidades do galeguismo histórico e procurou un achegamento a PSOE, PCG, PTG e o PGSD, ademais de a UGT e CC.OO.
E, sobre todo, a Xunta preautonómica traballou na conmemoración da aprobación do Estatuto de 1936 (28 de xuño) e na celebración do 25 de xullo, organizando un acto público na Praza do Obradoiro en defensa dun Estatuto de Autonomía "nacional e progresista", como se podía ler nunha gran faixa pendurada do Pazo de Raxoi. Foi a primeira e última vez que un Goberno galego impulsou un acto masivo en conmemoración do "Día Nacional de Galicia", denominación adoptada oficialmente uns días antes polo Executivo de Rosón.
O 25 de xullo de 1978 a Xunta organizou no Obradoiro un acto público en defensa dun Estatuto de Autonomía "nacional e progresista"
Aquel decreto foi o primeiro aprobado pola Xunta e fíxoo a proposta do conselleiro de Cultura, o galeguista Marino Dónega, presidente en 1936 das Mocidades Galeguistas na Coruña. Así dicía o texto: "Tendo en conta a relevancia do día 25 de xulio, sinalado no seu tempo polas Irmandades da Fala como simbólica data conmemorativa dos anceios, arelas e degaros do pobo galego, axiña fortemente enraizada sin distinción de credos nin de ideoloxias no conciencia colectiva da nosa comunidade, tanto na Galicia territorial como na emigrada, esta Xunta, sin máis cousa que sancionar tan evidente feito, dispón: artigo único: declárase Día Nacional de Galicia o 25 do mes de xulio de cada ano".
O acto foi visto como un fracaso, reunindo moitos menos asistentes que o organizado polo BNPG
Con todo, o acto finalmente estivo moi lonxe de ser un éxito. Á convocatoria unitaria asistiron pouco máis de 10.000 persoas, nomeadamente de PCG e PSOE, pero tamén de PTG e POG. A poucos metros, na Praza da Quintana, o BNPG era quen de reunir a máis de 30.000 manifestantes en defensa da autodeterminación. Ademais, no acto convocado pola Xunta tamén se escoitaron numerosos berros e apupos en contra do seu presidente. Ademais de Rosón, que afirmou que "a Xunta reclamará con firmeza o mesmo nivel de autogoberno que acaden as outras nacionalidades do Estado", falaron Avelino Pousa Antelo (PGSD), Camilo Nogueira (POG), Manuel Amor Deus (CC.OO.), Fernando Solla (PTG), Manuel Dios (CSUT), Santiago Álvarez (PCG) ou Modesto Seara (PSOE).
O mal ambiente no Obradoiro e sobre todo o feito de ter reunido moita menos xente que o acto do BNPG alimentaron a oposición a Rosón dentro da UCD. Os Pío Cabanillas ou José Manuel Otero Novas (co apoio de Meilán Gil ou Gómez Franqueira) comezaron os movementos para substituílo por algún político máis manexable e con menos pretensións galeguistas. A convocatoria de eleccións xerais (marzo de 1979) e municipais (abril de 1979) adiou o recambio, pero en xuño de 1979 o ourensán José Quiroga convertíase no segundo presidente da Xunta preautonómica.
O progresivo esquecemento do Día Nacional
Os seguintes gobernos galegos, dende Albor a González Laxe, de Fraga a Pérez Touriño, non volveron organizar un acto público como o impulsado en 1978
Nese verán de 1979 a Xunta non organizou xa acto ningún polo Día Nacional de Galicia e o perfil de Quiroga era xa moito máis crítico co nacionalismo e o galeguismo. Con todo, o novo presidente galego publicou o mesmo 25 de xullo un artigo no que subliñaba que "así foi concibida a nosa Diada patriótica polos nosos devanceiros: como un día de esperanza no futuro. Non naceu de ningún decreto gobernativo. Non, xurdiu -como a nosa bandeira, como o noso himno- dun pálpito patriótico na quentura de corazóns galegos, entusiastas e xenerosos".
Os seguintes gobernos galegos, dende Albor a González Laxe, de Fraga a Pérez Touriño, non volveron organizar un acto público como o impulsado en 1978. A denominación oficial seguiu a ser a de Día Nacional de Galicia, aínda que cada vez foi menos empregada, utilizando sobre todo a de Día de Galicia a partir do ano 90. Tan só durante o Goberno Bipartito de PSdeG e BNG o Executivo organizou o acto denominado A Véspera, celebrado o 24 de xullo, que incluía unha recepción a colectivos sociais na residencia oficial de Monte Pío, o izado da bandeira galega e un discurso do presidente. Ademais, no 25 de xullo veñen entregándose as Medallas de Galicia, trasladadas ao día 24 de xullo a partir do ano 2014. Escasa significación institucional do autogoberno galego na festa maior do país.