Intensa actividade política polo Día (Nacional) de Galicia agás no PP e na Xunta

Bandeira galega nunha sede institucional da Xunta CC-BY-NC-SA Praza Pública

O acto de entrega das Medallas de Ouro de Galicia do 25 de xullo de 2012 foi o último, ata o momento, celebrado pola Xunta durante o Día Nacional de Galicia. En 2013 estaba previsto ese mesmo evento o propio día 25, pero foi adiado por mor do accidente de Angrois. Ao ano seguinte o Goberno galego entregou o seu máximo galardón o día 24 para facer cadrar o acto co primeiro aniversario da catástrofe malia á oposición das vítimas e dende aquela, xa nunca regresou ao 25. 

Deste xeito, por sétimo ano consecutivo non haberá acto ningún da Xunta na xornada do Día Nacional de Galicia, denominación oficial da festividade que o Executivo de Alberto Núñez Feijóo volveu obviar na súa campaña publicitaria por esta xornada. Tamén optou pola fórmula Día de Galicia o PPdeG na súa celebración adiantada, nesta ocasión desenvolvida o día 23 en Lalín cun acto semellante ao celebrado hai dous anos en Vilalba, municipio no que agora os populares xa non gobernan.

Por sétimo ano consecutivo non haberá acto ningún da Xunta na xornada do Día Nacional; o protagonismo político do 25 de xullo volve ser para as forzas da oposición e outras organización sociais, que si organizan actividades políticas e de lecer

A representación institucional do Goberno galego vólvese circunscribir, un ano máis, aos dirixentes gobernamentais que acudan á ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago, presentada nesta ocasión polo novo alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo. A cerimonia celébrase desta volta no mosteiro de San Martiño Pinario por mor das obras na Catedral compostelá. Tamén está previsto que membros do Executivo galego acudan á Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval.

Sen a Xunta nin o PP con actividade de seu, o protagonismo político do 25 de xullo volve ser para as forzas da oposición e outras organizacións sociais. A cita máis veterana, a manifestación coa que o BNG culmina a súa campaña do Día da Patria, volverá percorrer as rúas da zona histórica de Santiago a partir das doce da mañá para finalizar cun acto político na Praza da Quintana, como é xa tradición. Despois, a militancia da formación soberanista continuará a xornada na contorna da carballeira de San Lourenzo, con xantar popular e actividades ligadas ao Festigal.

Tamén a mediodía ten a súa cita tradicional o PSdeG, no seu caso en Rianxo. Por segundo ano consecutivo a comitiva dos socialistas galegas estará encabezada ante o monumento a Castelao na vila rianxeira polo seu secretario xeral, Gonzalo Caballero. Nesta ocasión o acto estará inevitablemente marcado pola definitiva votación da investidura de Pedro Sánchez, que se decidirá no Congreso apenas dúas horas despois do propio acto.

A maior parte das formacións políticas escollen a capital galega para os seus actos do 25 de xullo, no que as intervencións políticas se combinan con xantares populares e outras programacións lúdicas

Tamén Anova e En Marea desenvolven actos políticos e de lecer este 25 de xullo. A formación que lidera Antón Sánchez xa iniciou a súa axenda de actos o pasado día 23 en Vigo e reserva para o Día Nacional a vertente máis lúdica, cun xantar popular no compostelán parque de Galeras. A organización que encabeza Luís Villares ten os seus actos centrais no parque de Vista Alegre, en Santiago, centrados nesta ocasión "no ecoloxismo e no feminismo", anunciaron. 

Esquerda Unida, pola súa banda, volve celebrar o Día Nacional en Mugardos. Alí a formación desenvolverá un acto centrado no cuadraxésimo aniversario dos primeiros concellos elixidos democraticamente tras a ditadura e despois a súa militancia compartirá un xantar popular. 

Na axenda política deste 25 de xullo figuran tamén convocatorias de organizacións sen representantes no Parlamento. É o caso de Compromiso por Galicia, que centra os seus actos do Día Nacional no parque Eugenio Granell, en Santiago. Tamén a plataforma independentista Causa Galiza, que chama á participación na súa manifestación, dende as doce e media na Alameda de Santiago, centrada nesta ocasión no centenario da declaración do 25 de xullo como festa nacional galega por parte das Irmandades da Fala.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.