A Xunta mantivo este 25 de xullo o que, posiblemente, foi o seu perfil máis baixo nun Día Nacional de Galicia nos últimos anos. A reedición da campaña publicitaria xa difundida o pasado ano baixo o lema Unidos pola nosa terra foi a única acción específica do Goberno galego a respecto desta xornada, toda vez que por terceira edición consecutiva as Medallas de Ouro de Galicia foron entregadas un día antes, nun acto oficial celebrado na Cidade da Cultura no mediodía do día 24. Así as cousas, a asistencia á ofrenda relixiosa da Casa Real na Catedral compostelá e á homenaxe a Rosalía de Castro que se celebra no Panteón de Galegos Ilustres dende hai medio século -ningún dos actos organizados pola Xunta- foron as únicas presenzas oficiais do Goberno e do seu presidente que, non obstante, nunhas breves declaracións ante a prensa si reprochou que as forzas da oposición organizasen actos "políticos" de seu un 25 de xullo máis.
Ao non existir acto institucional ningún non existiron, tampouco, declaracións oficiais do presidente durante todo o Día Nacional. Despois de, na entrega das Medallas, apelar a un "patriotismo galego aberto e cosmopolita", ao ser abordado polos xornalistas antes de participar na ofrenda floral a Rosalía instou o resto de formacións a "deixar as formulacións políticas para outro momento", porque "o Día de Galicia debería de ser o día de todos". No entanto, evidencia, "cada un decide o día en que quere manifestar os seus plantexamentos políticos".
O presidente instou o resto de forzas a "deixar as formulacións políticas para outro momento" porque o 25 de xullo "debería ser de todos"
Nun contexto no que o PPdeG conmemorou a festa cun acto de partido celebrado tres días antes en Padrón, Feijóo aproveito tamén para glosar as mobilizacións organizadas dende o soberanismo. "Hai manifestacións, varias, de carácter nacionalista ou independentista" e "polo que sei son manifestacións distintas, non hai unha manifestación conxunta senón que decidiron facer actos distintos e distantes", debullou. "A maioría da xente -agrega- o que quere é a cordialidade e o que quere é insistir e profundiar nos afectos que moven a todos os galegos". Iso, di, é o que se amosa na "cordialidade" do pobo galego coas persoas que visitan o país. "É uha terra onde todos, todos, son benvidos", rematou.
Actos marcados pola proximidade das eleccións
Os populares e a Xunta foron, efectivamente, as únicas entidades representativas da política galega sen unha celebración propia do Día Nacional, denominación oficial dende 1979 que un ano máis estivo ausente da campaña oficial e dos pronunciamentos públicos do presidente e do resto do Executivo. A proximidade das eleccións previstas para o vindeiro outono marcou os actos dos partidos a comezar pola manifestación do BNG, que un ano máis percorreu as principais rúas do casco vello compostelán para culminar na Praza da Quintana, onde Ana Pontón instou a militancia a "non baixar os brazos" e demostrar que o Bloque é a única "alternativa nacionalista" que pode contribuír a "botar a Feijóo".
BNG, PSdeG, Anova e CxG celebraron actos en Santiago e Rianxo e Podemos Galicia difundiu un manifesto
Tamén en Santiago estivo Anova coa súa celebración e acto político, marcado polo proceso de conformación da candidatura das mareas. Na súa intervención Xosé Manuel Beiras identificou estas plataformas coas Irmandades da Fala e, esgrimindo o Manifesto de Lugo de 1918, apostou pola fórmula do partido instrumental para esta alternativa electoral, pendente en boa medida da decisión que finalmente tome Podemos Galicia, partido que non celebrou acto ningún polo Día Nacional, se ben difundiu un manifesto no que a súa secretaria xeral, Carmen Santos, subliñaba que "a patria" deste partido "é a xente".
Como cada ano, a actividade central do PSdeG foi a súa ofrenda floral a Castelao en Rianxo e o posterior acto político, con Xoaquín Fernández Leiceaga como protagonista por primeira vez. O impulso ao autogoberno e a reactivación dos traspasos de competencias tras sete anos de parálise foron os argumentos centrais do candidato socialista á Presidencia, quen reivindicou ademais a tradición galeguista do partido. A traxectoria do galeguismo estivo tamén presente no acto de Compromiso por Galicia, que se reivindicou como único partido que recolle a testemuña desta corrente política.