O presidente do Parlamento invoca o Apóstolo para pedir "honradez e moralidade" na política

Santalices, pronunciando a súa invocación ante o arcebispo de Santiago © Arcebispado de Santiago

O Goberno de Galicia non celebra o Día Nacional de Galicia. O máis semellante á vertente institucional da celebración veu sendo, durante anos, a entrega das Medallas de Galicia, trasladada dende hai tres anos ao 24 de xullo. Deste xeito, a presenza pública das institucións galegas limitouse este día 25, un ano máis, á ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago na Catedral compostelá, ritual instaurado no século XVII no que nesta ocasión o rei estivo representado polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices. Nun discurso seguido dende os primeiros bancos do templo polo presidente da Xunta e varios membros do Executivo, o xefe do lexislativo invocou o santo para pedir, entre outros asuntos, unha política na que impere a "moralidade e a honradez".

Tras ser recibido na Praza do Obradoiro polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega -que non participou nos actos relixiosos-, Santalices pasoulle revista a unha representación do Exército e encabezou, a continuación, a comitiva relixiosa e militar ata o interior da Catedral, onde foi recibido polo arcebispo, Julián Barrio. Alí a segunda autoridade do país debullou as peticións no nome de Filipe VI e no seu propio, se ben, a diferenza doutras ocasións, desta volta o delegado rexio asegurou non deixar en mans divinas as responsabilidades políticas. "Sirva esta invocación para renovar as nosas tradicións e compartir contigo, señor Santiago, preocupacións, anhelos e esperaenzas, pero son plenamente consciente de que é á sociedade e aos responsables públicos a quen nos corresponde afrontar os problemas", dixo.

Santalices representou o rei na Catedral, nunha liturxia á que asistiron o presidente e varios membros do Goberno

Con esta cautela previa, non obstante, Santalices apelou á intercesión divina para que o mundo sexa quen de afrontar "a situación crudelísima do terrorismo e das guerras, a maioría libradas entre irmáns". Neste eido, di, fai súa a doutrina do Papa Francisco, "cuxo liderado moral traspasa crenzas e fronteiras". No ámbito xeográfico máis próximo o presidente do Parlamento pediu "especial atención ás persoas maiores", ás "vítimas do medo e do silencio" en que tornan as vítimas da violencia machista ou a quen "perderon o seu traballo e vivenda por unha situación económica devastadora".

"É moito o que pido e pouco o que somos quen de ofrecer. Pero con boa vontade e a túa axuda, todo é posible", invocou o xefe do lexislativo ao Apóstolo

As persoas maiores e doentes ou o persoal docente e sanitario foron outros dos destinatarios das pregarias de Santalices ante o altar maior da Catedral, no que culminou pedindo "acerto para os que lesixlamos e para os que asumen a responsabilidade de gobernar", para "facelo na mellor concordia e sabedoría, procurando o ben común", mellorando "as deficientes situacións políticas e sociais" e "todo iso", subliñou, "dende unha honradez e moralidade intachables". O presidente da Cámara agarda que a "luz" apostólica promova "a política con maiúsculas", que "rexeita con contundencia calquera comportamento indebido".

No treito final do seu discurso, o pronunciado en galego, Santalices expresou unha lembranza para as vítimas de Angrois -accidente cuxa investigación foi tombada no Parlamento en ata catro ocasións- e dirixiuse ás autoridades eclesiásticas para, dende a lembranza das Irmandades da fala, "nas que participaron moitos galeguistas cristiáns", apelar a que "a Igrexa galega, clero e laicos, en comuñón coa Igrexa universal, manteña e acentúe a súa sensibilidade a respecto do idioma e a cultura que nos identifican como pobo. "É moito o que pido e pouco o que somos quen de ofrecer. Pero, con boa vontade e a túa axuda, todo é posible", rematou a súa invocación ao Apóstolo.

Santalices, ao chegar á Catedral á fronte da comitiva relixiosa e militar © Arcebispado de Santiago
Feijóo e outros cargos de Galicia e do Estado, na misa da Catedral compostelá © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.