A contratación no Sergas durante a pandemia indigna o persoal máis precario: "Quítache as ganas de todo"

Persoal sanitario quita as luvas de protección CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García (Banc d’Imatges Infermeres)

"É un sistema de contratación que che quita as ganas de todo; fano moi mal e non dan resposta a nada". O testemuño é dun dos centos de profesionais sanitarios afectados pola última polémica nos contratos do Sergas: o aproveitamento das medidas excepcionais por mor da pandemia para prorrogar ata un ano contratos temporais de persoal residente en formación, obviando o propósito inicial de que actuasen como reforzo na crise sanitaria para acabar ocupando en calquera especilalidade os postos de profesionais eventuais con anos de vinculación e nas listas de contratación.  

"É un sistema que che quita as ganas de todo; fano moi mal", di un traballador tras a decisión do Sergas de saltar as listas de contratación para contratar residentes

A denuncia chegoulle á Consellería de Sanidade, ás diferentes xerencias de áreas sanitarias e ao propio presidente Feijóo en forma de moreas de escritos e reclamacións, tanto de persoal, como de sindicatos ou colexios e asociacións profesionais. Centos de denuncias dunha situación que "afonda na precarización do persoal sanitario", segundo profesionais que devecen por unha explicación --ou rectificación-- do Sergas que non chega. 

Unha enfermeira lava as mans CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García (Banc d’Imatges Infermeres)

Paula é unha das que denunciou o caso xunto ás súas compañeiras. Enfermeira pediátrica nunha área sanitaria, traballa desde hai anos con contratos de días, semanas "e como moito algúns meses no verán". "Asinei uns cen contratos en catro anos", lembra. Coa chegada da covid, a súa vinculación seguiu sendo mensual, pero continua. Coa redución da presión asistencial dos últimos días, o que antes era un labor nunha planta de coronavirus pasa a selo noutros servizos, pediátricos ou non. "Sen quendas estables", advirte. 

"O persoal residente non ten culpa de nada; entenden a nosa protesta porque saben que mañá poden ser os prexudicados"

Agora, e ante a posiblidade de encadear algún mes de traballo seguido e minimamente estable durante o verán, como nos últimos anos, as dificultades aumentan. Varias enfermeiras residentes en formación serán, segundo anuncia o Sergas, prorrogadas ata un ano no posto de especialista, provocando que persoal nas listas de contratación, con puntuación e anos de experiencia acumulada, acabe sometida a continuos cambios de traballo, contratos de semanas ou días noutros ámbitos ou, en moitos casos, ao desemprego

"Inevitablemente, parte dos contratos que nos eran asignados serán agora cubertos por elas, que non teñen culpa de nada e que entenden a nosa protesta porque saben que o día de mañá poden ser as prexudicadas", explica Paula (nome ficticio). 

O Sergas, en virtude das medidas excepcionais aplicados polo Goberno central pola pandemia, decidiu prorrogar os contratos do persoal MIR (Médico Interno Residente) e EIR (Enfermeira Interna Residente) ata por un ano. O que contaba con ser un reforzo determinado pola crise sanitaria acabou, segundo sindicatos e colexios profesionais, sendo utilizado "para cubrir ausencias de profesionais" en diferentes ámbitos, "sen razón que xustifique" as súas encomendas e habendo persoal dispoñible, tanto agardando nas listas como traballando en situación temporal. 

O Sergas asegura que as prórrogas a residentes son unha "ferramenta excepcional" que non prexudica os aspirantes das listas de selección temporal

Á espera aínda dunha contestación ás preguntas realizadas por este diario, o Sergas si respondeu a algunhas das numerosas reclamacións recibidas nos últimos días ante unha política de contratación cualificada de "inxustificable" por persoal de diferentes especialidades. Nunha das cartas ás que tivo acceso Praza.gal, o xerente dunha das áreas sanitarias rexeita a acusación de "fraude ao mecanismo regulamentario de provisión de persoal temporal" e á petición de indemnización dun dos afectados. 

Sanidade non entra en detalle respecto das razóns que motivaron a prórroga dos contratos de residentes e as súas encomendas en lugar de tirar das listas de contratacións habituais e limítase a aclarar que "derivan da propia situación excepcional provocada pola pandemia da covid" e que son unha "ferramenta excepcional" que "en ningún caso supoñen un prexuízo aos aspirantes inscritos nas listas de selección temporal". Segundo Sanidade, só se producirán estas contratacións "en supostos nos que as necesidades asistenciais así o requiran". 

Actividade nun centro sanitario galego durante a pandemia do coronavirus © Sergas / CHUO

Un dos profesionais afectados nega o argumento do Sergas e recorda que a medida levada a cabo supón "un prexuízo" para "todas aquelas persoas que se atopan en listas de contratación". En moitos casos, suporá que non poidan volver traballar nos vindeiros meses ou que teñan que mudar de localización, rutinas de traballo e compañeiros. 

"Unha vinculación estable que algúns non viron na vida"

"É un sistema que, no mellor dos casos, nos obriga vivir colgados do teléfono, sen poder facer plans, sen saber ata última hora a onde ir traballar... Agora, pode que nin tan sequera iso", explica quen advirte, como outros testemuños, que a chegada do coronavirus non fixo máis que afondar na precariedade do persoal eventual e nun sistema de contratación "que teiman en facelo mal". 

No fondo, un problema que implica desigualdade e diferentes criterios de contratación entre compañeiros de profesión. E unha vinculación e estabilidade de varios meses e mesmo un ano para os últimos en chegar que "non viron na vida a maioría de profesionais que levan anos encadeando contratos". "Eles non teñen culpa de nada, víronse no medio dun fogo cruzado e é normal que acepten unhas condicións que noutras circunstancias non soñaban con ter", explica un profesional afectado. "O problema non son eles, o problema é quen se aproveita deste sistema", di en referencia aos xestores sanitarios. 

Como exemplo, o acontecido en Ferrolterra, cando unha das enfermeiras residentes contratadas como reforzo pola pandemia acabou cubrindo un posto nun centro de saúde e nunha función que nada que tiña que ver coa crise sanitaria pero que si impediu tirar do persoal das listas de contratación. 

Casos como estes foron denunciados tamén polos colexios profesionais de enfermería de Galicia, que puxeron xa en mans de avogados unha situación que podería acabar nos tribunais. Ademais, están á espera tamén dunha resposta do Ministerio de Sanidade, á quen se lle requiriu unha aclaración urxente que determine se, como consideran, a Xunta está a facer unha "interpretación falaz" das medidas excepcionais polo coronavirus para cubrir ausencias e asumir substitucións de forma xeneralizada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.