A Audiencia Nacional vén de establecer que o Partido Popular adulterou a competición democrática española durante máis de vinte anos. Non é unha tese nun informe policial, nin unha acusación formal da Fiscalía Anticorrupción. Trátase dunha sentenza de 1.687 páxinas ditada polo tribunal que xulga as causas especiais. Nela, os maxistrados ratifican que o partido que goberna España mantivo oculto durante máis de dúas décadas un financiamento irregular co que concorreu e gañou eleccións municipais, autonómicas e xerais.
O ditame coñecido este xoves pronúnciase sobre a primeira época dunha rede de corrupción na que participaban empresarios e políticos do Partido Popular. O tribunal asume as acusacións da Fiscalía na súa práctica totalidade, entre elas que a formación de Mariano Rajoy se beneficiou en 245.000 euros dalgunhas desas prácticas corruptas. Pero esa non é a práctica máis grave daquelas que describe no PP. Os xuíces, para dar "contexto" a eses intercambios de favores entre Correa e os cargos políticos, explican que o partido gozou "dunha estrutura financeira e contable paralela á oficial", que esta existe "desde polo menos o ano 1989" e que servía para "entregar cantidades a persoas membros relevantes do partido".
O tribunal non dita condenas por esa "caixa B" nesta sentenza. O caso Gürtel inclúe unha peza separada na que se baseará o próximo gran xuízo ao Partido Popular. Será daquela cando a Audiencia Nacional entre a xulgar esa práctica que desvelou a publicación en 2013 dos denominados 'papeis de Bárcenas', -unhas follas manuscritas nas que se facían constar ingresos e gastos do partido-, segundo describe esta sentenza.
A sentenza realiza unha afirmación sen precedentes en toda a investigación do caso Gürtel cando nega que as doazóns de empresarios con diñeiro negro a esa caixa B fosen "altruístas". Todo o contrario, tiñan "un marcado carácter finalista, sempre que é unha maneira de pagar favores, ou a contrapartida, por adxudicacións irregulares de contratos".
Os distintos xuíces instrutores, a Fiscalía ou a Policía concluíron que non podían acreditar que cada pago en negro se correspondía a unha adxudicación e que, por tanto, non podían acusar de suborno á vintena de empresarios, por moi demostrado que estivese que os ingresos anotados por Bárcenas son reais. Entre eses imputados estaban os máis importantes construtores de España.
A despedida obrigada dos xuíces
Estas afirmacións, con todo, non poderán reproducirse na sentenza da caixa B. Ou polo menos, non irán asinadas polos mesmos maxistrados. José Ricardo de Prada e Julio de Diego, dous dos tres membros do tribunal, foron afastados dos seguintes xuízos de Gürtel por unha sucesión de cambios organizativos que levantaron as sospeitas sobre a influencia do Partido Popular na Audiencia Nacional e provocaron a protesta formal deles mesmos.
A sentenza da primeira época de Gürtel supuxo a oportunidade para que De Diego e De Prada poidan estenderse sobre o financiamento irregular do PP, a pesar de ser afastados dos próximos xuízos por un polémico cambio nas normas de repartición da Sala do Penal.
Dous dos tres membros do tribunal foron afastados dos seguintes xuízos da Gürtel por unha sucesión de cambios organizativos
A sucesión de aparentes cambios rutineiros na Audiencia Nacional parecía despexar o futuro xudicial do PP, pero nos últimos anos activáronse outros resortes na dirección contraria. As acusacións populares e a Fiscalía Anticorrupción promoveron a recusación de tres maxistrados que ían xulgar ao PP porque que estaban demasiado preto dese partido. A maioría dos xuíces da Sala do Penal, con independencia da súa adscrición ideolóxica, votaron a favor de afastalos. Entre os recusados, Concepción Espejel, elixida presidenta da Sala do Penal pola maioría conservadora do CGPJ despois de demostrarse a súa proximidade ao PP.
O progresista De Prada e o conservador De Diego acordaron durante o xuízo, co voto en contra do tamén conservador Ángel Hurtado, chamar a declarar a Rajoy no xuízo de Gürtel cuns motivos, as súas responsabilidades pasadas no partido, que encaixarían nunha citación para a vista pola caixa B. O presidente do partido e do Goberno de España e os outros dirixentes que declararon no xuízo de Gürtel dixeron descoñecer a existencia da caixa B do PP. A sentenza fai un balance demoledor da suposta colaboración como testemuña do presidente do Goberno. "Ponse en cuestión a credibilidade destas testemuñas, cuxo testemuño non aparece como suficientemente verosímil para rebater a contundente proba existente sobre a Caixa B do partido", afirma o tribunal.
A contabilidade xestionada por Bárcenas sinala que Rajoy e outros cargos recibían cantidades que oscilaban entre 5.000 e 15.000 euros
Segundo se desprende da contabilidade do ex-tesoureiro, Rajoy e outros cargos orgánicos recibían cantidades que oscilaban entre os 5.000 e os 15.000 euros. As entregas eran mensuais e a través de sobres. Recoñecelo no xuízo suporía aceptar a percepción de pagos opacos para a Facenda Pública, que aínda que entende que non son delituosos, poderían ser considerados polas testemuñas como merecedores dun reproche social, como tamén que en caso de recoñecer estas percepcións virían admitir a existencia dunha caixa B no seo dunha formación política á que pertencen ou pertenceron, engade o fallo.
Bárcenas roubou da caixa B que o PP lle encomendou
A caixa B do PP materialízase aínda unha vez máis na sentenza sobre a primeira época da trama Gürtel. O ditame condena ao daquela xerente do Partido Popular, Luis Bárcenas, a 33 anos de cárcere. De confirmarse a condena polo Tribunal Supremo, Bárcenas pasará tres deses anos en prisión por un delito de apropiación indebida.
Pero, que roubou o tesoureiro? Pois segundo a sentenza, diñeiro do financiamento irregular, diso que el chamou no xuízo "contabilidade extracontable" do partido. Ou o que é o mesmo, da caixa B, segundo o termo que utilizaba sen ambaxes o propio Bárcenas ante o xuíz Pablo Ruz na fase de instrución. Era unha época na que o ex-tesoureiro explicaba en sede xudicial que cando se creou o PP, o diñeiro negro xa estaba aí, herdado da época de Alianza Popular. "A caixa ou bolsa da que se apodera do diñeiro Bárcenas, é algo que queda debidamente acreditado", sentencian os xuíces.