O despoboamento do rural galego segue a ser un dos gran retos da Galicia do futuro. Os datos teiman en alertar dun problema que vai a máis: na última década, só 42 concellos galegos gañaron poboación, a maioría deles na contorna do eixo atlántico. 271 perderon habitantes, a meirande parte no interior e en áreas non urbanas.
A perda de servizos básicos, de oportunidades laborais e de alternativas económicas lastra un rural con tantas oportunidades como desleixo institucional. Todos os partidos apuntan o problema demográfico, de envellecemento e de despoboamento como prioritario nas súas actuacións e buscan fórmulas acaídas para superalo.
Caballero propón a creación desde a Xunta dunha Axencia de Desenvolvemento Rural e o Reto Demográfico "baseada no modelo escocés"
Na última sesión do seu 'Laboratorio de Ideas', o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou que, de chegar ao Goberno galego tras as vindeiras eleccións previstas en outono, a Xunta porá en marcha unha Axencia de Desenvolvemento Rural e o Reto Demográfico "baseada na experiencia do modelo escocés".
Pon os seus ollos o PSdeG na Highlands and Islands Enterprise (HIE), unha axencia de desenvolvemento territorial das Terras Altas de Escocia, creada en 1965 para corrixir o grave problema de despoboamento e de caída económica e demográfica. Non só se parou a sangría constante desde 1850, senón que en 50 anos, a poboación desta ampla rexión rural do norte escocés aumentou un 22%. E faino de forma constante desde 2001.
Gonzalo Caballero, nunha nova xornada de IdeaGaliciaLab, apostou por “coller o mellor do modelo escocés” e “aplicalo á realidade galega”. Adiantou que esta axencia sería posta en marcha pola "iniciativa pública da Xunta" e desde o ámbito da Presidencia para "garantir a transversalidade da súa acción sobre toda a Administración autonómica".
Desde a creación da Highlands ans Islands Enterprise (HIE), a poboación das Terras Altas de Escocia medrou un 22% en 50 anos
A HIE escocesa destaca nos últimos anos polo seu apoio á posta en marcha de novas empresas nunha rexión con algo menos de 500.000 habitantes e unha densidade de poboación de 12 persoas por quilómetro cadrado (fronte ás 70 no conxunto do país). Nas Highlands, o 45% dos habitantes teñen 50 anos ou máis. A idade media nas provincias de Lugo e Ourense rolda eses 50 anos, fronte ao 47,6 de Galicia e o 43,3 de España.
“É tempo de pasar á acción”, incidiu Gonzalo Caballero. “O futuro de Galicia depende de que o rural teña condicións de vida dignas, con igualdade de dereitos e servizos e con xeración de riqueza”, advirte.
O exemplo do norte de Escocia abrangue moitos sectores, desde o fomento dunha universidade pública e gratuíta cunha rede de 70 campus e unha banda larga que facilita as clases por vídeoconferencia e o acceso desde zonas remotas ata o impulso de actividades como a acuicultura, as enerxías renovables ou o turismo sustentable.
O acceso pleno a internet de calidade é unha das patas onde se asenta o importante desenvolvemento do norte de Escocia nos últimos anos, favorecendo tamén a interconexión e a comunicación cun mundo tan afastado xeograficamente. En Galicia, dúas de cada tres entidades de poboación carecen dese acceso de calidade á Rede. Nas Terras Altas, o 81% da cidadanía ten acceso á denominada banda larga super rápida.
A HIE escocesa impulsou unha universidade pública "por e para a rexión", apostou pola banda larga de Internet para toda a zona e apoia novas actividades económicas
Malia contar con subvencións públicas, a HIE é un organismo autónomo que recibe tamén fondos privados e colabora con múltiples colectivos e coa propia cidadanía. Dirixida por profesionais de moi diferentes ámbitos e de perfil técnico nomeados polo goberno escocés, ten unha sede central en Inverness e moitas oficinas territoriais máis. Baséase nun traballo proactivo, procurando proxectos innovadores e positivos para a zona en colaboración con institucións públicas e empresas privadas, pero tamén con comunidades rurais ou centros de investigación e educativos. Unha das claves, segundo destacan os seus impulsores, é a súa aposta por reter o talento nas Terras Altas e na ensinanza do amor e o valor ao rural desde a escola. A taxa de desemprego na rexión é do 2,3%.
É ese funcionamento autónomo, esa dirección baseada en perfís profesionais e non políticos e a iniciativa cidadá desde o máis local ás iniciativas o que diferenciaría esta axencia da Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), activa desde o principio de século.
Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, advirte da necesaria "transversalidade" desta axencia pola que aposta no caso de que a esquerda goberne en Galicia e tamén do necesario "pulo" que debe darlle a propia Xunta ante a urxencia do problema e a necesidade de poñela en marcha. No futuro, explica, o organismo podería ir gañando en autonomía e recursos alleos, pero "poñela en marcha" é a prioridade.
A Rede de Áreas Escasamente Poboadas do Sur de Europa (SSPA) viaxou hai pouco á zona e realizou un informe sobre a HIE e a súa fórmula de éxito. Unha das claves, segundo todas as análises, é que nas Highlands entenderon axiña que non podían vincular o futuro da rexión e do rural unicamente ao sector primario e á gandería e á agricultura, porque só con iso é imposible manter os niveis de poboación. "É clave apostar por novos sectores", confirma Caballero.
A axencia escocesa entendeu que non podía vincular o futuro do rural unicamente ao sector primario porque iso imposibilitaba manter e fixar poboación
Así, buscaron atraer novos proxectos e impulsar o emprendemento, planificando a medio e longo prazo, identificando as necesidades e os mellores proxectos cun contacto moi directo e achegado ás pequenas poboacións e aos colectivos veciñais e sociais, fortalecendo as comunidades rurais e tirando da experiencia da sociedade máis experta e activa.
Caballero insiste nesta idea e en que a axencia combine a acción estratéxica con mecanismos “de abaixo arriba”, para “planificar o futuro dando voz” aos axentes económicos e sociais e aos representantes públicos de cada vila ou bisbarra, por ser os que mellor coñecen “as prioridades” de cada zona. Aposta, ademais, por un órgano “cun claro compoñente profesional”, a imaxe da entidade escocesa, que
"Discriminación positiva"
A HIE deulle pulo, sobre todo, aos proxectos de economía social e, como un dos elementos máis importantes do seu labor, apostou por un sistema de ensino superior concibido "desde, por e para o territorio", asegurando a retención de talento e implicando a ensinanza, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. Aí é clave a Universidade das Terras Altas e Illas (UHI), centrada en proxectos empresariais innovadores e conectados coa potencialidade e as necesidades do territorio. En definitiva, búscase a especialización.
A garantía de acceso a servizos básicos, as boas comunicacións e o acceso a internet de calidade son tres dos alicerces do impulso do norte escocés
En todo este traballo de apoio económico e busca de oportunidades, a HIE ten como parte fundamental a cooperación coas institucións locais, nacionais e europeas, pero tamén o seu funcionamento como lobby á hora de impulsar modificacións legais e administrativas ou a "discriminación positiva" no ámbito fiscal, por exemplo, a través dos gobernos. Así, desde hai moito tempo sinalan como alicerces unha oferta de vivenda asequible, a garantía de servizos básicos e accesibles, tamén en canto ao tempo e distancia, así como a mellora das comunicacións, a defensa dos recursos naturais e o imprescindible acceso a internet con calidade, ademais da necesidade de oferta cultural e de ocio.
A axencia escocesa mantén, ademais, acceso ao crédito en colaboración e cooperación permanente con Banco Escocés de Investimento e con entidades de capital risco específicas. Todo, segundo destacan, cun contro exhaustivo da eficiencia dos investimentos e das posibilidades dos proxectos empresariais. Alén disto, e de todo o material, a HIE incide na necesidade de fomentar o pensamento positivo arredor do rural e en destacar todas as súas potencialidades, tamén no que ten que ver co modo de vida.