Galicia perdeu case 100.000 habitantes entre 2009 e 2019. Porén, esta caída distribuíuse de forma moi diferente entre unhas e outras zonas do país. En función da maior ou menor natalidade e tamén das migracións internas e externas, hai unha Galicia que gaña poboación e outra que a perde (unhas tendencias que nalgúns casos se manteñen dende comezos do século XX).
O pasado ano 232 concellos, máis de dous de cada tres, perderon poboación; outros 6 mantiveron os seus datos; e tan só 75 gañaron habitantes
O INE publicou a pasada semana os datos definitivos de poboación do ano 2019 en todos os concellos. En conxunto, Galicia perdeu algo máis de dous mil habitantes (-2.244), situándose por debaixo dos 2,7 millóns por primeira vez en varias décadas. 232 concellos, máis de dous de cada tres, perderon poboación; outros 6 mantiveron os seus datos; e tan só 75 gañaron habitantes.
Vigo foi a localidade que máis incrementou o seu padrón (+1.722), seguida da Coruña, Santiago, Oleiros, Ames, Sada, Arteixo, Lugo, Pontevedra, Culleredo, San Cibrao das Viñas e Miño. Fronte aos incrementos de boa parte da Galicia urbana e do eixo da AP-9, Ferrol foi o concello que máis poboación perdeu (-734), seguido de Ourense, Tui, A Estrada, Ribeira, Monforte, Cedeira, Vilalba, Bueu, Muros e Ortigueira.
Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade teñen hoxe 234 e 372 habitantes menos, respectivamente, que antes das súas fusións municipais
A suba de Vigo achega a cidade ao 300.000 habitantes do mesmo xeito que Compostela e Lugo están un pouco máis preto do desexado nivel dos 100.000. Pola contra, o descenso de Ourense deixa esta urbe moi preto desta liña dos 100.000, tan importante para acceder a máis servizos municipais e financiamento. O mesmo sucede no límite dos 20.000, que A Estrada está en risco de perder, e ao que en cambio pode acceder O Porriño.
O nivel dos 10.000 foi perdido por Foz, mentres que As Pontes pelexa por conservalo. Vedra, Ribadavia, Cerceda, Ribadumia, Castro de Rei e Neda están lixeiramente por riba da liña dos 5.000 habitantes e continúan a perder poboación ano a ano.
En canto aos concellos resultado das recentes fusións municipais, Oza-Cesuras segue a diminuír o seu padrón. As dúas localidades tiñan -por separado- 5.335 no ano 2013 e hoxe suman 5.101, preto do límite dos 5.000. En canto a Cerdedo-Cotobade, que sumaban 6.071 por separado no ano 2016, hoxe contan con 5.699 habitantes, case 400 menos, mantendo a mesma tendencia negativa de anos anteriores, que só se invertiu no 2017.
Evolución dende o 2009
Ferrol, Vigo, Ourense, Marín e Ortigueira foron os concellos que máis poboación perderon dende o 2009
Se abrimos o foco e comparamos os datos de 2019 cos de dez anos antes, a realidade é máis negativa e maiores os desequilibrios. Neste caso unicamente 42 concellos gañan poboación e 271 a perden, nunha listaxe encabezada por Ferrol, que perdeu 8.208 habitantes dende o 2009, máis de 1 de cada 10. A continuación aparecen Ourense, Vigo, Marín, Ortigueira, A Cañiza, A Estrada, Vilalba, As Pontes, Arbo, Muros, Vila de Cruces, Fene e Coristanco, todos con perdas superiores aos 1.000 habitantes na última década.
O mapa amosa que unicamente algúns concellos das áreas urbanas que rodean ás grandes cidades (pero non as propias cidades, na maior parte dos casos) gañaron poboación dende o 2009. Así, a área metropolitana da Coruña píntase de verde, o mesmo que o Baixo Miño, parte do Morrazo e do Salnés e os arredores da cidade de Ourense e Compostela.
Ames, Oleiros, Arteixo, O Porriño, Culleredo foron as localidades que máis medraron
As localidades que máis poboación gañaron foron Ames (+4.810), Oleiros, Arteixo, O Porriño, Culleredo, Compostela, Barbadás, Lugo, Pontevedra, Cambre, Narón, Sada, San Cibrao das Viñas, Poio e Salceda de Caselas. Pode buscar os datos no teu concello na táboa, e ordenala de maior a menor en cada unha das columnas.
Entre 2009 e 2019 Dozón perdeu máis do 40% dos seus habitantes, pasando de 1.827 a 1.082 persoas empadroadas
En termos absolutos, os maiores descensos corresponderon a cidades como Ferrol, Ourense e Vigo. Pero a realidade é que hai un gran número de concellos máis pequenos que perderon máis poboación, en relación co seu tamaño. Entre 2009 e 2019 Dozón perdeu máis do 40% dos seus habitantes, pasando de 1.827 a 1.082 persoas empadroadas. As caídas en A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Arbo, Avión, San Xoán de Río e Castrelo de Miño superaron o 30%. E outros 65 concellos sufriron perdas que supuxeron entre o 20% e o 30% do seu padrón.
No outro extremo, tan só Salceda de Caselas, Carral, Miño, O Porriño, Ames, Barbadás e San Cibrao das Viñas rexistraron aumentos superiores ao 10%.