Feijóo culpa a PSOE e Unidas Podemos do recorte de persoal sanitario acumulado no mandato de Rajoy

Feijóo, Almuíña e Corina Porro, no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en febreiro de 2020 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A Xunta pon cifras por primeira vez ao impacto en Galicia do recorte de persoal sanitario acumulado durante o mandato do PP no Goberno de España. Pero faino para culpar dos seus efectos ao Executivo do PSOE e Unidas Podemos. Son, segundo Alberto Núñez Feijóo, unhas 2.500 prazas en diversas categorías do Servizo Galego de Saúde que, a cinco semanas das eleccións, o actual presidente e candidato popular á reelección di estar disposto a convocar dun golpe ata facer "historia". Pero non o fai, láiase, porque o Executivo que preside Pedro Sánchez non lle deixa.

Durante media década, ata 2015, o Goberno central só permitiu cubrir o 10% das vacantes en servizos públicos como a sanidade; a Xunta pon por primeira vez cifras ao impacto que este recorte tivo no  cadro de persoal do Sergas, pero para culpar integramente del ao actual Executivo do PSOE e UP

Entre ecos da mobilización contra o peche do paridoiro de Verín ou da concorrida manifestación de SOS Sanidade Pública a principios de febreiro, o argumentario despregado por Feijóo este xoves dende o atril de San Caetano apóiase nas restricións fixadas pola taxa de reposición. Isto é, os límites que o Estado estipula cada ano ao conxunto das Administracións para repoñeren vacantes de persoal como as xeradas polas xubilacións. Despois das dificultades económicas dos anos 90 do século pasado, de 2003 a 2008 a taxa de reposición estivo no 100% e daquela, servizos como o Sergas puideron ofertar todas as vacantes nas sucesivas ofertas públicas de emprego. Pero todo comezou a mudar dende ese ano, tras a caída de Lehman Brothers e o estourido da crise económica e financeira internacional.

En 2009, aínda co PSOE de Zapatero no Goberno central, a taxa de reposición foi reducida ao 30% -só se podían cubrir tres de cada dez vacantes- no primeiro paquete de recortes e despois descendeu ata o 10%. Tras o seu ascenso ao poder en 2011, cando Feijóo levaba dous anos na Presidencia da Xunta, o gabinete estatal do PP mantivo esa taxa no 10% e non permitiu que ascendese ata o ano electoral de 2015, cando a elevou ao 50% -autorización para cubrir a metade das baixas-. Dende 2016 volve estar no 100%

Manifestación de SOS Sanidade Pública, o pasado 9 de febreiro en Santiago CC-BY-NC-SA Praza Pública

O relato trazado agora dende a Xunta atribúe o devandito 10% ás "vacas fracas" que provocaron a "perda" de postos estables no Sergas. No Goberno galego do PP queren "acabar cos contratos temporais", asegura, pero isto non é posible se o Executivo do PSOE e UP "non nos deixa sacar todas as vacantes" ignorando a taxa de reposición do 100% que marca a lei.

Feijóo defende agora que as 973 prazas que se axustan ao 100% da taxa de reposición non son dabondo e asegura que "podería" convocar ata 3.500 se o Estado lle permite esquivar a lexislación vixente, cuxa reforma depende dos Orzamentos estatais

O aspirante á reelección defende agora que as 973 prazas para cubrir ese 100% non son dabondo, senón que cómpren unhas 2.500 máis. A OPE do Sergas "podería superar as 3.500 prazas se o Goberno estatal elimina a taxa de reposición", transmitiu a Xunta aos medios nun comunicado que tamén actúa a xeito de retrato robot das protestas máis recentes polas carencias no Sergas, apelando a "atraer profesionais" a "medicina familiar e pediatría" ou "potenciar a cobertura" de persoal en hospitais comarcais -como o de Verín-.

Aínda no caso de prever autorizar a reposición de efectivos de persoal público por riba dese 100% -o Goberno central amosou disposición a flexibilizar eses límites-, esa modificación dependería da lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2020, que veñen de superar o seu primeiro trámite -o teito de gasto- no Congreso e que, no escenario máis rápido, non estarán aprobados antes do verán. 

Exames de oposicións do Sergas, neste febreiro de 2020 en Silleda CC-BY-SA Xunta

O presidente e candidato do PP admite que a súa intención é facer ver que "a responsabilidade" da precariedade laboral pola que protestan colectivos como o das enfermeiras eventuais non é da Xunta, senón do Goberno do PSOE e UP

Daquela, en ningún caso antes das eleccións galegas do vindeiro mes. Así e todo, Feijóo deixa entrever cal é a intención última deste movemento: "Aclarar a responsabilidade que ten cadaquén" e deixar claro que "os que crean os problemas" de temporalidade que están a provocar intensas protestas entre persoal do Sergas son, en realidade, os actuais gobernantes da esquerda.

Este xeito de presentar os problemas de persoal que o Sergas arrastra na última década prodúcese nun contexto no que a Xunta en xeral e o presidente e candidato en particular está a tentar aplacar conflitos sanitarios antes do 5A. Mentres colectivos como as Enfermeiras Eventuais en Loita ou os propios sindicatos sanitarios poñen o foco na precariedade laboral derivada da acumulación de contratos temporais e os efectos que esta ten na asistencia sanitaria, Feijóo mantén que a responsabilidade ao respecto xa non está no seu Goberno. "Sufrimos a normativa estatal que nos impide acabar coa temporalidade no Sergas", laiouse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.