As Enfermeiras Eventuais en Loita son, dende hai case un ano, un dos colectivos máis combativos entre o persoal do Servizo Galego de Saúde. Dende súa masiva e inédita mobilización durante as oposicións celebradas en Silleda en maio de 2012, as enfermeiras eventuais constituíronse en plataforma para amosaren as diferentes vertentes da súa situación precaria, dende a acumulación de centos de contratos á imposibilidade de seren nais por mor da inestabilidade laboral pasando polas traballadoras que se ven abocadas á emigración.
As Enfermeiras Eventuais en Loita son dende 2019 un dos colectivos máis combativos entre o persoal do Sergas
As enfermeiras eventuais tamén confrontaron con datos os primeiros intentos da Xunta para amortecer as súas reivindicacións. E non afrouxaron as protestas do día 12 de cada mes, senón todo o contrario, cando o Goberno galego "expuxo datos persoais" dunha delas a unha cadea de televisión que recollera as súas reivindicacións. En todo este tempo, o colectivo tamén puxo especial fincapé na súa aposta por facer chegar directamente ao Goberno as razóns do seu malestar.
Mentres ultiman a mobilización do vindeiro 12 de marzo, a última antes das eleccións galegas, en Eventuais en Loita saíron ao paso dunha das iniciativas do PP na súa precampaña electoral. Os conservadores veñen de presentar o que denominan Un café con Feijóo, marca baixo a que organizarán encontros co seu líder en candidato en diferentes vilas e cidades, ao xeito do que xa fixeran noutras campañas.
Tras presentar o PP os encontros preelectorais con Feijóo para fomentar o "contacto" do candidato "cos galegos que se achegan a el para amosarlle agarimo e gratitude", as Enfermeiras Eventuais en Loita ofrecéronse a ter unha desas conversas co líder popular para presentarlle as súas reivindicacións
Segundo o secretario xeral do PP en Galicia, Miguel Tellado, tentan que a súa campaña estea "marcada pola proximidade" e o "contacto do presidente cos galegos que se achegan a el para amosarlle o seu agarimo e gratitude" e "darlle ánimos" ou "ideas" para o programa electoral.
Tras lanzaren a iniciativa nas redes sociais, as Enfermeiras Eventuais en Loita responderon. "O noso colectivo quere tomar un café con Feijóo, onde temos que contactar?", preguntaron aos populares. "Convidamos nós", ironizaron no seu ofrecemento".
Mentres agardan resposta, Eventuais en Loita ultima a devandita mobilización do día 12. "Debido á proximidade da data das eleccións, cremos necesario lembrar todo o camiño feito aa esta data" e "lembrar á Administración a necesidade dun compromiso firme coas nosas demandas". "Esta loita -subliñan- vai dirixida a lembrar cada tema tratado dende o inicio do movemento, sobre todo das que dependen directamente dunha resolución por parte do Goberno", explican. Nos últimos meses, Enfermeiras Eventuais en Loita xa mantiveron encontros con varias formacións políticas da esquerda galega.