Francisco Vázquez louva que Feijóo fai “sentirse cómodos aos socialdemócratas” co seu “estilo nórdico” de gobernar

Feijóo e Vázquez no almorzo informativo celebrado en Madrid © Nueva Economía Forum

Catro meses despois de que o popular asistise á concentración pola unidade de España convocada polo ex-alcalde coruñés, o presidente elíxeo como presentador dun acto seu en Madrid

No Hotel Palace de Madrid, xusto fronte ao Congreso dos Deputados, o presidente Feijóo pronunciou este martes ante empresarios, políticos e xornalistas un discurso no que repetiu boa parte dos seus argumentos habituais, desde presentarse a si mesmo como un político por riba das diferenzas partidarias ata criticar os supostos ataques do Goberno central a Galicia. A principal novidade, desta volta, foi que a súa intervención foi presentada polo ex-alcalde da Coruña polo PSOE Francisco Vázquez, que gabou a figura de Feijóo como un “dos poucos políticos que dá continuidade á Transición”.

Feijóo, durante o seu discurso este martes en Madrid © PP

Segundo Vázquez, Feijóo “desmontou en Galicia o discurso identitario, o discurso excluínte do separatismo e do nacionalismo soberanista”

A elección de Vázquez como presentador do acto de Madrid, algo que xa fixera noutro almorzo informativo similar en Santiago en 2015, prodúcese agora despois de que hai catro meses Feijóo secundase a concentración pola unidade España convocada polo ex-rexedor na Coruña. Este martes, en Madrid, Vázquez gabou que Feijóo “desmontou en Galicia o discurso identitario, o discurso excluínte do separatismo e do nacionalismo soberanista”.

Para o ex-rexedor, o de Feijóo é “un estilo nórdico” por facer “da revolución da normalidade” un xeito de gobernar

Vázquez foi máis aló e chegou a dicir que o discurso e o xeito de gobernar de Feijóo fai “sentirse cómodos a socialdemócratas”, como el mesmo se definiu -hai uns meses optaba por cualificarse a si memos como "crispador, e a moita honra"-, ou a galeguistas ou nacionalistas. Segundo o ex-rexedor, o de Feijóo é “un estilo nórdico” por facer “da revolución da normalidade” un xeito de gobernar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.