As eleccións deste domingo poden converterse nos comicios con máis participación na historia tanto en Galicia coma no conxunto de España
As eleccións deste domingo poden converterse nos comicios con máis participación na historia tanto en Galicia coma no conxunto de España. Ás 18 horas a participación medra un 12,2% en Galicia e un 15% no Estado. Os datos tamén superan amplamente o das eleccións de abril de 2019, que rexistraran unha elevada participación final (74% en Galicia, 76% en España).
Apenas hai diferenzas entre as catro provincias galegas: en todas sobe ao redor dun 12% a participación. Os incrementos son moi grandes en todos as zonas, continuando unha tendencia que xa se vía no primeiro avance das 14 horas.
A mobilización medra en todas as comunidades autónomas. A que máis medra é Madrid (+19%), seguida de Catalunya (+18%), Euskadi (+17%), Navarra e Aragón (+16%)
A mobilización medra en todas as comunidades autónomas. A que máis medra é Madrid (+19%), seguida de Catalunya (+18%), Euskadi (+17%), Navarra e Aragón (+16%). Galicia é un dos territorios nos que menos aumenta. Haberá que agardar aos datos definitivos de participación para comprobar se se manteñen as tendencias.
A participación dispárase en case todos os concellos galegos, pero hai que destacar ás cidades de Lugo e Ourense e a vilas como Padrón, Barbadás, Oleiros, Salceda de Caselas ou O Barco de Valdeorras, con aumentos de máis do 15%. A Coruña, Pontevedra ou Santiago tamén rozan ese 15% de aumento.
En Vigo a participación sobe algo menos (+12,8%). A excepción é Ferrol, onde a participación só medra un 10,3%, por debaixo da media galega.
Só en catro concellos baixa a participación ás 18 horas, todos en Ourense (Beariz, Avión, Beade e Calvos de Randín). E só nunha ducia (As Nogais, Boborás, Folgoso do Courel, Ramirás, O Bolo, Punxín, Guntín, Lobeira, A Veiga, A Bola, A Gudiña e Vilasantar) a porcentaxe de aumento da participación non chega aos cinco puntos
Os maiores incrementos localízanse na Galicia urbana, tanto as propias cidades (coa excepción de Ferrol) coma as súas áreas metropolitanas
O mapa amosa os cambios na participación electoral ás 18 horas en cada concello. As zonas de verde máis escuro, que corresponden aos maiores incrementos localízanse na maior parte das localidades da Galicia urbana, tanto as propias cidades (coa excepción de Ferrol) coma as súas áreas metropolitanas. As zonas con menores aumentos son sobre todo rurais.
A participación está a aumentar máis nos concellos nos que PSdeG, Sumar e BNG obtiveron un mellor resultado no ano 2023
Ás veces, máis importante que o dato bruto da participación é observar onde medra e onde baixa esa participación, que tipo de concellos se mobilizan máis e cales de mobilizan menos en relación a outros comicios. Votan máis os concellos urbanos ou os rurais? Votan máis as localidades nas que habitualmente gaña a esquerda ou onde domina a dereita?
Neste último gráfico, que pon en relación a evolución da participación en cada concello o resultado das eleccións xerais de 2023 nesa localidade, obsérvase que a participación está a aumentar máis nos concellos nos que PSdeG, Sumar e BNG obtiveron un mellor resultado.
Pola contra, o aumento da participación é menor alí onde o PP obtivo unha maior porcentaxe nas eleccións xerais de hai tres anos.