A mobilización do electorado está a ser moi importante nestas primeiras horas de votación. A participación ás 14 horas rexistra un incremento de case 5 puntos en Galicia (+4,76, ata o 43,77%) en relación a xullo de 2023 e de 5,26 puntos no conxunto do Estado, ata o 45,74%.
O incremento é aínda superior se se comparan os datos cos de novembro de 2019, unha boa referencia ao celebrarse as eleccións na mesma época do ano e con semellantes condicións de temperatura e luz solar. Neste caso o aumento rolda os 12 puntos en Galicia e os oito puntos no Estado.
Outra boa referencia son os comicios de abril de 2019, que rexistraron unha participación final moi elevada, superior ás dúas citas electorais seguintes. Os datos deste 29 de novembro tamén melloran amplamente os daquela cita.
Nas catro provincias galegas o incremento é semellante, algo superior aos cinco puntos na Coruña e Lugo e algo por debaixo desa cifra en Ourense. O aumento é lixeiramente inferior en Pontevedra (+3,8%).
No resto do Estado destacan a fortísima mobilización que se está a rexistrar en Euskadi (un incremento de 10,2 puntos), Catalunya (+8,4%), Navarra (+7,8%) e Aragón (+7,2%), especialmente na provincia de Zaragoza. Tamén aumenta por riba da media en Canarias (+6,5%), Asturias (+5,9%) e Baleares (+5,8%). En cambio, a participación descende en Estremadura, Córdoba e Xaén e sobe por debaixo da media no resto de Andalucía, Castela-A Mancha e parte de Castela e León.
No primeiro gráfico poden consultarse os datos de participación da dobre cita electoral de abril e de novembro de 2019 e os dos comicios xerais de xullo de 2023. Están tamén os datos de participación das últimas eleccións celebradas en Galicia: as Galegas de febreiro de 2024. Porén, neste caso o indicador é dificilmente comparable porque os avances corresponden ás 12 e ás 17 horas, mentres que nas eleccións Xerais se ofrecen ás 14 e ás 18 horas.
A comparación coas Galegas axuda a visibilizar, con todo, as diferenzas de mobilización que se producen entre os comicios estatais e autonómicos, que afectan principalmente ás zonas urbanas e que prexudican sobre todo ás formacións progresistas nas eleccións galegas.
Á hora de comparar os avances de participación nunha e noutra cita electoral hai que ter en conta en primeiro lugar que os tempos de votación son moi distintos no verán e no inverno, en función da luz solar e da temperatura. É dicir, dificilmente se poden comparar os datos deste 29 de novembro cos do 23 de xullo de 2023 e a mellor comparación é a que se poida facer coas cifras do 10 de novembro de 2019 (ou mesmo co 28 de abril de 2019).
En xullo amence antes e as temperaturas pola mañá son máis agradables que a calor da tarde; ademais, moita xente aproveitou para votar a primeira hora para poder marchar despois á praia ou a outros lugares. O lóxico é que o dato de participación sexa elevado no avance das 14 horas. En cambio, nas horas centrais -de 14 a 18- a afluencia aos colexios electorais é menos.
Pola contra, os datos das eleccións celebradas en novembro (en 2019 e 2026) ou das Galegas de febreiro de 2024, son inferiores no primeiro avance, pero recupéranse no segundo, pois son as horas centrais do día as que ofrecen mellores condicións de luz e temperatura.
Por último, o treito final de votacións -de 18 a 20 horas nas eleccións xerais- coincide xa coa noite nas eleccións deste 29 de novembro (e tamén nas do 10 de novembro de 2019), mentres que nas do 23 de xullo de 2023 eran pleno día, o que animou a moita xente a deixar o seu voto para ese momento.
Pero ás veces, máis importante que o dato bruto da participación é observar onde medra e onde baixa esa participación, que tipo de concellos se mobilizan máis e cales de mobilizan menos en relación a outros comicios. Votan máis os concellos urbanos ou os rurais? Votan máis as localidades nas que habitualmente gaña a esquerda ou onde domina a dereita?
x