A máis participación, mellor resultado da esquerda? A mobilización progresista, clave no 29N

Relación entre participación electoral e voto á esquerda en Galicia, sobre unha imaxe dun colexio electoral nunhas Xerais anteriores © Montaxe: Praza.gal

Os datos das últimas décadas amosan que existe unha relación directa entre unha maior participación e un mellor resultado da esquerda en Galicia

Nas eleccións do vindeiro 29 de novembro será clave para o resultado final e a configuración de maioría de Goberno a distribución de votos e o posible trasvase de votos entre formacións. Pero, ademais, será fundamental a propia mobilización electoral, sobre todo tendo en conta que a transferencia de votos entre bloques (esquerda-dereita) será pequena, como veñen indicando a maior parte de enquisas publicadas nos últimos meses. Fronte a unha dereita moi mobilizada -grazas en boa medida ao pulo da ultradereita de VOX-, víñase alertando dunha desafección no campo progresista, cunha importante masa de votantes de esquerda que podían estar a considerar a abstención.

Os inquéritos publicados máis recentemente apuntan a unha crecente mobilización da esquerda e a unha redución do número de indecisos neste espazo. Mesmo así, unha maior participación no campo progresista semella imprescindible -xa se verá se suficiente- para darlle a vitoria ás forzas de esquerda. Neste senso, o que suceda nas cidades, áreas metropolitanas e grandes vilas, especialmente nos barrios populares determinará o que finalmente suceda o 29 de novembro.

A historia electoral recente así o indica. Nas eleccións do 23 de xullo de 2023 a participación medrou catro puntos no conxunto do Estado e 5,5 puntos en Galicia. Sen contar co Censo CERA, a participación en Galicia (73,14%) foi a segunda cifra máis elevada dende o 2008, só por detrás do dato de abril de 2019. Esta mobilización foi fundamental para que PSOE e Sumar puidesen finalmente formar goberno.

Os inquéritos publicados recentemente apuntan a unha crecente mobilización da esquerda e a unha redución do número de indecisos neste espazo. Mesmo así, unha maior participación no campo progresista semella imprescindible -xa se verá se suficiente- para darlle a vitoria ás forzas de esquerda

A participación, que en 2004 e 2008 superou o 75% en Galicia, descendeu en 2011 (71,8%) para repuntar novamente en 2015 (73%) e volver caer na repetición electoral de 2016 (69,6%). Tras unha nova notable mobilización en abril de 2019 (74%), na repetición electoral de novembro a cifra volveu caer ata o mínimo das últimas décadas (66,6%). 

Aumentará a participación o 29N ante unhas eleccións "de época", como veñen repetindo analistas como Enric Juliana? Superará os datos de abril de 2019 ou mesmo de 2004 (76%)? Será isto suficiente para que a esquerda gañe as eleccións? Isto é o que nos di a historia electoral das últimas décadas.

Case sempre que a esquerda superou o 50% dos votos en Galicia, a participación superou o 70%. En cambio, cando a participación baixa do 70%, a esquerda dificilmente chega á metade dos votos

Neste gráfico póñense en relación os datos de participación de todas as eleccións Xerais e ao Parlamento galego dende 1993 e a porcentaxe conxunta de votos obtida polas forzas progresistas. Resulta evidente que existe unha relación directa entre unha maior participación e un mellor resultado da esquerda. 

De feito, case sempre que a esquerda superou o 50% dos votos en Galicia, a participación superou o 70%. Con dúas excepcións: as Xerais de novembro de 2019 (54% de voto para a esquerda e unha participación que ficou a unha décima do 70%) e as Galegas de 2005, unha cita histórica para PSdeG e BNG que acadaron o Goberno da Xunta e derrotaron a Fraga.

En cambio, cando a participación baixa do 70%, a esquerda dificilmente chega á metade dos votos. Tan só o fixo nas Galegas de 2009 (que foron, en realidade, unha derrota, ao ficar a un escano da maioría) e nas Xerais de 2011, cando a dereita arrasou en votos cunha participación inferior a 2008, pero por riba do 70%.

No gráfico obsérvase tamén a clara diferenza de participación entre as eleccións Xerais e os comicios ao Parlamento galego. A maior mobilización das Xerais en Galicia ten contribuído a que a esquerda sumase máis do 50% dos votos en moitas citas recentes (2004, 2008, 2015, 2019 -abril e novembro, e 2023). Pola contra, a falta de mobilización nas eleccións ao Parlamento galego, que analizamos nesta peza, ten favorecido maiorías conservadoras. De feito, nas eleccións Galegas a esquerda só gañou en votos en 2005 e 2009. O impotante incremento da participación en 2024 non foi abondo para que a esquerda arrebatase a maioría absoluta ao PP.

Na xornada electoral do vindeiro 29 de novembro será interesante analizar, xa dende o mediodía, a evolución da participación nun e noutro concello para observar -en función do comportamento electoral de cada un no pasado- que tipo de electorado se está a mobilizar máis

Neste gráfico pódense consultar as cifras de participación en cada concello nas últimas tres eleccións Xerais e tamén nas eleccións ao Parlamento galego celebradas en febreiro de 2024, última cita coas urnas celebrada en Galicia. A mobilización que se dea nas zonas urbanas, sobre todo nos barrios de menor renda, será unha das claves do 29N, como analizamos hai uns días nesta peza. 

Na xornada electoral do vindeiro 29 de novembro será interesante analizar, xa dende o mediodía, a evolución da participación nun e noutro concello para observar -en función do comportamento electoral de cada un no pasado- que tipo de electorado se está a mobilizar máis. Así o fixemos en comicios anteriores, como as eleccións Galegas de 2024, cando xa ás 12 do mediodía os datos de participación permitían anticipar o bo resultado de BNG, PP, DO e o mal desempeño de PSdeG e Sumar. Unha análise que ás seis da tarde era moito máis clara.

Á hora de comparar os datos parciais débese ter en conta o diferente momento do ano no que se celebran estas eleccións e as anteriores (en pleno mes de xullo). De feito, probablemente sexa máis axeitada a comparación coas eleccións de novembro de 2019 ou mesmo as de abril dese ano

Iso si, á hora de comparar os datos parciais débese ter en conta o diferente momento do ano no que se celebran estas eleccións (finais de novembro, a tres semanas do comezo do inverno) e as anteriores (en pleno mes de xullo). É esperable que nesta ocasión a participación sexa inferior nas primeiras horas (amence máis tarde, o tempo é máis frío) e aumente nas horas centrais do día, a diferenza do que sucedeu en 2023, cando os datos de participación foron moi elevados pola mañá (para aproveitar as horas máis frescas e/ou poder marchar á praia).

De feito, probablemente sexa máis axeitada a comparación coas eleccións de novembro de 2019, celebradas nun momento semellante do ano. Ou mesmo as de abril de 2029, que tiveron lugar no medio da primavera e que rexistraron unha participación elevada, que debe ser a referencia.

No gráfico tamén se inclúen os datos das últimas eleccións galegas, aínda que neste caso a comparación non ten lugar, por varios motivos. Entre eles, porque os datos corresponden a horas distintas (12 e 17 horas fronte a 14 e 18 horas).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.