Os datos do primeiro avance de participación amosan unha pequena baixada en relación ao dato de hai catro anos (19,42%) pero son superiores aos que se rexistraban a esta hora nos anos 2009, 2012 e 2016. É o dato máis elevado, polo tanto, dende o 2005
Máis do 17% dos galegos e galegas chamadas ás urnas votaron xa antes das 12 do mediodía. Os datos do primeiro avance de participación amosan unha pequena baixada en relación ao dato de hai catro anos (19,42%) pero son superiores aos que se rexistraban a esta hora nos anos 2009, 2012 e 2016. É o dato máis elevado, polo tanto, dende o 2005, nas eleccións do cambio.
Ourense é a provincia cunha participación máis elevada a esta hora (19,42%), pero Lugo é onde evoluciona mellor, cun descenso de apenas medio punto en relación ao 2020, aínda que hai que ter en conta o posible efecto que neses comicios puido ter o confinamento da comarca da Mariña por mor da COVID. A Coruña (16,67%) e Pontevedra (16,64%) é onde a participación é máis baixa, e é na provincia pontevedresa onde a afluencia de votantes descende máis (-3,21 puntos), aínda que o dato é superior aos dos comicios de 2009, 2012 e 2016
É o primeiro avance de participación un bo indicador da mobilización electoral final? En parte, pero cómpre analizar os datos con coidado, sobre todo á hora de comparar os datos de participación deste domingo cos de, por exemplo, as últimas eleccións ao Parlamento galego, celebradas o 12 de xullo de 2020.
Ourense é a provincia cunha participación máis elevada a esta hora (19,42%), pero Lugo é onde evoluciona mellor. A Coruña (16,67%) e Pontevedra (16,64%) é onde a participación é máis baixa, e é na provincia pontevedresa onde a afluencia de votantes descende máis (-3,21 puntos)
Hai que ter en conta en primeiro lugar que os tempos de votación son moi distintos no verán e no inverno, en función da luz solar e da temperatura. Así, nas eleccións celebradas nos meses de verán -por exemplo en 2020 (12 de xullo) pero tamén en 2016 (25 de setembro)- é habitual que as cifras de participación sexan elevadas no primeiro avance, pois moitos votantes optaron polas primeiras horas para fuxir do período de máis calor e, posiblemente, para aproveitar o resto do día para ir á praia ou para gozar do tempo de ocio doutras maneiras.
Vemos, así, que no 2020, a pesar de que a taxa de participación foi a máis baixa da historia das eleccións ao Parlamento galego (58,8% sen ter en conta o Censo CERA), ás 12 horas o dato era o máis alto dende os comicios de 2005 (celebrados en xuño). Por este motivo, era esperable que neste primeiro avance das 12 horas a participación este 18 de febreiro fose inferior á de hai catro anos. Unha diferenza tan pequena pode ser un indicador dunha importante suba da participación no segundo avance e nas cifras definitivas.
Hai que ter en conta que os tempos de votación son moi distintos no verán e no inverno, en función da luz solar e da temperatura. No 2020, a pesar de que a taxa de participación final foi a máis baixa da historia das eleccións ao Parlamento galego (58,8% sen ter en conta o Censo CERA), ás 12 horas o dato era o máis alto dende os comicios de 2005 (celebrados en xuño)
Cómpre lembrar, igualmente, que as eleccións de 2020 celebráronse nun contexto moi particular, o da pandemia de COVID e que no día dos comicios mesmo existían restricións ao movemento na comarca da Mariña, unha situación que probablemente afectou á participación neses concellos e que puido reducir a participación no conxunto do país.
No gráfico pode consultarse tamén os datos de participación das últimas eleccións celebradas en Galicia: as Xerais do pasado 23 de xullo. Porén, neste caso o indicador non só é dificilmente comparable por tratarse duns comicios celebrados no medio do verán, senón tamén porque os avances corresponden ás 14 e ás 18 horas, mentres que nas eleccións ao Parlamento galego se ofrecen ás 12 e ás 17 horas. A comparación coas Xerais axuda a visibilizar, con todo, as diferenzas de mobilización que se producen entre os comicios estatais e autonómicos, que afectan principalmente ás zonas urbanas e que prexudican sobre todo ás formacións progresistas nas eleccións galegas.
Cómpre lembrar que as eleccións de 2020 celebráronse nun contexto moi particular, o da pandemia de COVID e que no día dos comicios mesmo existían restricións ao movemento na comarca da Mariña
Todo debería cambiar no segundo avance, o das cinco da tarde. Neste caso, cando as eleccións se celebran en meses cálidos, as horas centrais do día, entre as 12 e as 18 horas, a afluencia aos colexios tende a ser menor que noutros comicios, ben pola calor, ben polos desprazamentos á praia, aos parques ou a segundas residencias. Vemos, así, coma no 2020 a participación entre as 12 e as 17 apenas aumentou 23 puntos, mentres que no 2016 fíxoo 27 puntos, no 2012 (eleccións celebradas en outubro) aumentou 30 puntos e no 2009 (comicios celebrados o 1 de marzo) medrou 33 puntos.
É, polo tanto, moi difícil comparar os avances de participación deste ano cos de 2020 e resulta igualmente complicado facelo cos de 2012 e 2016. A mellor cita coa que comparar os datos deste 18 de febreiro poden ser as eleccións de 2009, celebradas nun momento semellante do ano (1 de marzo). Porén, hai que ter en conta os cambios derivados da distancia temporal: 15 anos.
Non se pode establecer unha tendencia de maior ou menor mobilización nos concellos máis de esquerdas ou máis de dereitas. Están a comportarse de forma semellante
Pero ás veces, máis importante que o dato bruto da participación é observar onde medra e onde baixa esa participación, que tipo de concellos se mobilizan máis e cales de mobilizan menos en relación a outros comicios. Votan máis os concellos urbanos ou os rurais? Votan máis as localidades nas que habitualmente gaña a esquerda ou onde domina a dereita. Neste caso, vemos como en moitas localidades rurais do interior a participación descende ao redor de dez puntos (Lobios, Pantón, Entrimo...), pero son tamén rurais os concellos onde a participación medra máis: Vilasantar, A Capela, Baleira, San Xoán de Río, Portomarín...
Nas cidades os movementos son moi cativos, aínda que hai diferenzas importantes entre Lugo, onde a participación sobe (+0,05 puntos) e Pontevedra e Santiago, onde baixa máis de tres puntos, e Vigo, onde o descenso tamén se achega aos tres puntos. Na Coruña, Ourense e Ferrol a participación baixa ao redor dos dous puntos, ao igual que na media galega.
Nas cidades os movementos son moi cativos, aínda que hai diferenzas importantes entre Lugo, onde a participación sobe (+0,05 puntos) e Pontevedra e Santiago, onde baixa máis de tres puntos, e Vigo, onde o descenso tamén se achega aos tres puntos. Na Coruña, Ourense e Ferrol a participación baixa ao redor dos dous puntos
Podemos mirar, polo tanto, un pouco máis ao fondo. Como evoluciona a participación nos concellos máis de esquerdas? E nos de dereitas. No gráfico anterior comparamos a diferenza de participación ás 12 horas entre as eleccións deste domingo e as de hai catro anos co dominio das forzas progresistas (BNG, PSdeG, GeC) e conservadoras (PP, VOX e Cs) nos comicios de 2020.
A liña de tendencia amosa que non hai tendencia e que, polo tanto, non se pode establecer unha relación directa entre a ideoloxía predominante nun concello e a evolución da participación. Hai unha pequena diferenza que beneficiaría á dereita (maior mobilización nos concellos que no 2020 votaron por forzas conservadoras) pero é mínima.
A participación evoluciona máis favorablemente nos concellos nos que o PP acadou unha porcentaxe de voto maior. Atopamos esa mesma relación, aínda que menos acentuada, no caso dos concellos que no 2020 votaron máis polo BNG
Comparemos agora como evoluciona a participación en función da porcentaxe de voto acadada en 2020 por cada forza política. Este gráfico si que nos dá algunha clave máis. Vemos como, de momento, a participación evoluciona máis favorablemente (medra máis ou cando menos descende en menor medida) nos concellos nos que o PP acadou unha porcentaxe de voto maior. Atopamos esa mesma relación, aínda que menos acentuada, no caso dos concellos que no 2020 votaron máis polo BNG.
Pola contra, vemos como a participación cae de forma moi importante nas localidades nas que o PSdeG acadou un resultado maior en 2016. E, sobre todo, nos concellos nos que Galicia en Común obtivo un mellor resultado. No caso de VOX non hai grandes cambios, aínda que tampouco os seus feudos semellan rexistrar unha gran mobilización.
A participación cae de forma moi importante nas localidades nas que o PSdeG acadou un resultado maior en 2016. E, sobre todo, nos concellos nos que Galicia en Común obtivo un mellor dato
Son estas tendencias definitivas? En absoluto. O dato das 12 do mediodía amosa unicamente tres horas de votación e, polo tanto, o máis importante será o que se coñeza ás 17 horas no segundo dato de participación. Nese momento veremos se a participación segue sendo alta, se supera (como é previsible) os datos de 2020 e se activación do voto se dá nun tipo de concello ou noutro.
O mapa dos cambios de participación
Finalmente, amosamos aquí un mapa no que se pode ver os concellos nos que máis medra a participación e nos que máis descende en relación ao ano 2020.