O escrutinio definitivo das eleccións galegas do pasado 12 de xullo, publicado este día 29 no Diario Oficial de Galicia por parte da Xunta Electoral, unha vez recontado o voto exterior e resoltas as reclamacións das forzas políticas, confirma un importante devalo da participación do electorado. Sucedeu co voto interior e mais aínda tendo en conta o censo de residentes ausentes (CERA), dato definitivo que deixa a participación final por baixo do 50%.
O escrutinio definitivo do 12X, incluíndo o voto exterior, eleva a abstención ao 51%
Os comicios do 12X, marcados pola crise do coronavirus, celebráronse baixo a incógnita do xeito en que a pandemia atinxiría á participación. Esta e outras razóns, como os atrancos para o voto exterior -agravados pola propia pandemia, con ata 4.000 persoas que solicitaran votar pero non chegaron a recibir as papeletas- provocaron que a participación nos comicios descendese finalmente case 10 puntos: do 58,76% do 2016 -contando o CERA- ata o 48,96% deste 2020.
Así, máis da metade das persoas con dereito a elixir a composición do Parlamento non participou. Concretamente, 1.320.955 persoas exerceron o seu dereito ao voto, mentres que 1.376.535 non o fixeron. Nestas últimas inclúense as persoas inscritas no CERA que non chegaron a solicitar o voto ou aquelas que si o fixeron, pero cuxa papeleta non chegou a ser enviada a Galicia.
A participación do CERA, especialmente baixa dende a implantación do voto rogado, caeu aínda máis neste 2020 por mor dos atrancos derivados da pandemia e 4.000 persoas que o pediran non chegaron a recibir as papeletas
Neste 51% de abstención inflúe de maneira determinante o acontecido no CERA. Este censo exterior está composto por 463.163 persoas, na súa gran maioría descendentes de poboación emigrada hai décadas que puido acceder á nacionalidade española adscrita a unha das provincias galegas, pero que xa non naceu en Galicia.
Dende a implantación do voto rogado en 2011 -que puxo fin a amplas bolsas de fraude, pero tamén atrancou en boa medida a participación xeral-, a participación deste colectivo non deixou de caer. Neste 12X estivo tamén afectada pola pandemia e o seu impacto nos servizos postais de diversos países, de xeito que o voto CERA ficou reducido a 5.404 papeletas.
Sen o voto exterior, non obstante, a participación tamén caeu, pero superou o 50%. Sen ter en conta o CERA, a porcentaxe ascendería ata o 58,88%, case cinco puntos menos que en 2016. Nas ultimas eleccións galegas co vello sistema do coñecido como voto emigrante, sen sufraxio rogado, a participación chegara ao 64%.
En calquera caso, o escrutinio oficial si certifica que os do 12X foron os comicios galegos con menos participación no que vai de década. Os niveis de abstención son comparables aos das eleccións europeas nas ocasións en que non se celebran o mesmo día que uns comicios doutro ámbito -en 2019, por exemplo, cadraron coas municipais-.
Alén da participación, o reconto definitivo certifica que o PP logrou alargar a súa maioría absoluta no Parlamento. O 48% dos votos emitidos no conxunto de Galicia transformouse en 42 dos 75 escanos da Cámara que se constituirá o vindeiro 7 de agosto. O BNG, segunda forza co 24%, tivo finalmente algo máis de 311.000 votos -hai catro anos non chegara aos 120.000- e os 19 escanos cos que rematara a noite electoral. O hemiciclo da undécima lexislatura péchao o PSdeG, que fica cos 14 escanos que tiña e 253.000 votos, o 19% dos emitidos.
Fóra do Parlamento quedan nesta ocasión ata 104.000 votos doutras forzas políticas encabezadas por Galicia en Común, que obtivo 51.630, segundo o reconto oficial. A continuación situáronse Vox (algo máis de 26.000) e Ciudadanos, que nesta ocasión non deu chegado aos 10.000 e ficou en 9.840.