Así votou Galicia, barrio a barrio e parroquia a parroquia

O voto ao PP foi hexemónico en moitos distritos, pero con mudanzas nalgunhas cidades e áreas metropolitanas CC-BY-NC-SA Praza Pública

O pasado domingo Galicia volveu pintarse co azul do PP, como xa vimos na análise do voto por localidades, gañando os populares en 298 dos 313 concellos do país. Con todo, aínda se pode afondar máis na análise, atendendo aos datos das votacións por seccións censuais, delimitacións territoriais de tamaño vairable, que poden corresponder a un barrio nunha gran vila, ou a unha parte dun barrio nunha cidade (en ocasión apenas un par de rúas) ou a unha parroquia ou conxunto de parroquias nunha localidade menos poboada.

En Galicia existen na actualidade 2.157 seccións censuais e o PP foi a candidatura máis votada en 1.913. O BNG impúxose en 84, o PSdeG en 158 e houbo dous empates. 

Nos mapas pódese facer un percorrido polas seccións censuais, clicando no '+' para facer zoom e pasando o cursor por cada lugar para atopar a porcentaxe de voto acadada por cada formación política. Os mapas poden tardar un chisco en cargar en conexións lentas.

PP

O PP obtivo as súas maiores porcentaxes de voto principalmente en concellos do interior, tanto do centro das provincias de Lugo e A Coruña coma de varicas comarcas ourensás, superando o 75% dos sufraxios en 18 seccións e o 50% en 879 seccións. As áreas urbanas foron o seu punto feble, especialmente a cidade de Vigo, onde se localizan as 65 seccións nas que os populares obtiveron un peor resultado.

BNG

O BNG concentrou os seus mellores reusltados en concellos como San Sadurniño, Allariz, Verea, así como en varias seccións da cidade de Pontevedra. Tamén en comarcas coma A Mariña, O Morrazo ou O Baixo Miño. Os nacionalistas superaron o 40% en 19 seccións, entre elas dúas de Santiago de Compostela e unha de Ames e Carballo.

PSdeG

O PSdeG impúxose en 158 seccións e obtivo o seu mellor resultado na Montaña lucense, no sur de Ourense, nalgúns puntos da Costa da Morte e en Vigo e comarca. Os socialistas superaron o 40% en 36 seccións, unha gran parte delas na propia cidade olívica. Porén, non foi unha boa noite noutros puntos de Galicia, e o PSdeG baixou do 10% en 86 seccións

Participación

A participación foi máis elevada nas zonas rurais que nas urbanas, como tamén se pode observar neste mapa, cun verde máis intenso no sur de Ourense e en comarcas interiores de Lugo, A Coruña e Pontevedra. As zonas da costa abstivéronse máis e fronte a 82 seccións que superaron o 70% de participación, houbo 133 que non pasaron do 50% e mesmo 23 que ficaron por debaixo do 45% de participación. As seccións que se mobilizaron menos corresponden a Ferrol, A Coruña, Ourense, Ribeira, Arteixo, Narón ou Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.