As dúas Galicias unha vez máis: o BNG fíxose co voto máis novo e o PP asentou o seu dominio no territorio máis envellecido

A idade volveuse amosar como unha variable determinante á hora de optar maioritariamente por unha ou outra opción política o 12X CC-BY-NC-SA Praza Pública

Nas últimas décadas, agás excepcións, os resultados electorais en Galicia adoitan amosar dúas realidades, dous países moi diferenciados. Por unha banda a poboación de máis idade, entre a que o PP obtén os seus mellores resultados, e pola outra as xeracións máis novas, entre as que o PP acada un resultado notablemente inferior, mesmo véndose superado por algún dos partidos da oposición. E, de igual xeito, unha parte do territorio (as zonas urbanas, con poboación máis nova) na que as forzas sumadas das esquerdas obteñen máis votos que o Partido Popular, fronte a outra parte (nomeadamente as zonas rurais), nas que o dominio do PP é esmagador.

Os populares acadan unha maior porcentaxe de votos canto maior é a idade media do lugar. E, pola contra, o Bloque acada maiores porcentaxes canto máis novo é o concello. Dúas liñas opostas

Adoita suceder, ademais, que periodicamente se produce o despegue dalgunha forza política que acada un gran resultado entre este electorado novo e nas zonas urbanas, un resultado que moitas veces acaba sendo insuficiente para compensar a ampla maioría obtida polo PP na Galicia máis envellecida. Así sucedeu co BNG en 1997, con AGE en 2012 ou con En Marea en 2016, e de novo este domingo co Bloque.  

O cruce dos resultados obtidos por PP e BNG en cada concello amosa que estas dúas forzas obteñen os seus mellores resultados en localidades completamente distintas. Os populares acadan unha maior porcentaxe de votos canto maior é a idade media do lugar. E, pola contra, o Bloque acada maiores porcentaxes canto máis novo é o concello. Dúas liñas opostas.

A análise dos resultados do PSdeG-PSOE, en cambio, non revela a existencia dunha correlación clara entre o voto a esta formación e a idade media do concellos. Os datos amosan que os socialistas acadan un resultado máis elevado nos concellos máis envellecidos, pero a relación é moito máis feble que no caso do PP.

Galicia en Común comparte co BNG a mesma relación directa entre voto e menor idade media, pero con resultados moito máis reducidos en cada localidade. A formación de esquerda só supera o 5% dos votos nos concellos con idades medias inferiores aos 50 anos.

Os votos de En Marea

Unha análise rápida dos resultados electorais deste domingo permite supoñer que o BNG recibiu a maior parte dos votos de En Marea que Galicia en Común non puido reter (ademais dos que puideron ir á abstención). Esta hipótese parece confirmarse cruzando os resultados obtidos por En Marea no ano 2016 e polo BNG no ano 2020: aqueles concellos nos que aquela candidatura acadou os seus mellores datos son tamén as localidades nas que o Bloque sumou unha porcentaxe maior.

Esta mesma correlación repítese entre En Marea e Galicia en Común, que obviamente recolleu unha parte importante daquel electorado, pero seguramente inferior á que depositou a súa confianza no BNG nesta ocasión. En cambio, a correlación entre o voto a En Marea en 2016 o voto ao PSdeG en 2020 é negativa, o que amosaría que que os socialistas non se beneficiaron dunha gran parte dos votos perdidos por aquela formación.

Os movementos electorais en todas as Galicias

Probablemente non hai só dúas Galicias, senón moitas máis. O comportamento electoral das cidades é diferente ao das grandes vilas e este é tamén distinto aos dos concellos de 5.000 e moi diferente ao das localidades de dous mil habitantes ou menos. De igual xeito, moitas comarcas -independentemente da súa poboación- amosan tendencias electorais propias.

Curiosamente, nas eleccións deste domingo a análise dos incrementos e descensos no número de votos obtidos por cada formación política amosa un comportamento electoral moi homoxéneo nos distintos puntos do país. Isto é, o BNG avanzou tanto nas sete cidades (+75.206 votos) coma nas grandes vilas (+32.265) coma nos concellos entre 2.000 e 5.000 habitantes (+15.356) ou nas localidades de menor tamaño (+8.774).

De igual xeito, o PP descende lixeiramente en todos os ámbitos, tanto nas cidades coma nos concellos máis pequenos. Así mesmo, as perdas de Galicia en Común en relación co resultado de En Marea son semellantes en termos relativos, tanto nas zonas urbanas coma nas rurais.

A excepción estaría no PSdeG-PSOE, que gaña votos nas cidades (grazas ao efecto da súa suba en Vigo) e tamén (moi lixeiramente) nas grandes vilas. En cambio, nos concellos de menos de 10.000 habitantes perde sufraxios en comparación co ano 2016.

Finalmente, o derradeiro gráfico amosa o resultado electoral conxunto de cada comarca. O PP obtivo a vitoria en todas elas, superando o 50% en moitas. O BNG foi a segunda formación máis votada en 38 das 53 comarcas e o PSdeG-PSOE en 15. O dominio do PP foi moi claro e a súa vantaxe sobre a a segunda forza foi superior aos quince puntos en todos os territorios agás en Vigo (fronte ao PSdeG), O Condado, O Morrazo, O Baixo Miño, O Eume, Muros e A Mariña Occidental (fronte ao BNG).

Iso si, o PP perdeu votos en todas as comarcas. Lugo, Santiago, A Coruña e Tabeirós-Terra de Montes foron os lugares nos que menos baixou e Verín, Viana e A Mariña central as comarcas nas que perdeu unha porcentaxe de voto maior.

O PSdeG baixou en 41 (especialmente en A Mariña Central, Sarria e A Ulloa) e subiu en 12 (especialmente na Terra de Trives e O Morrazo). Finalmente, o BNG mellorou resultados en todas elas, destacando a súa suba na Terra de Trives, A Mariña Occidental, Terra de Caldelas, Ourense e A Limia, seguidas de Vigo e A Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.