Precisión absoluta fronte a unha nova recomposición da esquerda

Bandeirola electoral do PP (de Feijóo) na campaña do 12X CC-BY-NC-SA Praza Pública

Ao PP galego púxoselle cara de susto na última semana da campaña electoral. O brote de coronavirus da Mariña semellou coller co pé cambiada á poderosa maquinaria dos conservadores, mesmo con respostas vagas e tardías do seu líder e candidato á reelección, cuxo ritmo non era nin de lonxe o doutras esmagadoras campañas electorais.

A cara de susto chegou mesmo ao peche dos colexios electorais, cando a enquisa encargada pola CRTVG deixaba os de Alberto Núñez Feijóo ao bordo da maioría absoluta mentres situaba á enésima recomposición da esquerda en condicións de acceder ao Goberno unha década despois. O inquérito atinou no segundo, mais non no primeiro. 

Alén dos sustos, aos populares funcionoulles con precisión unha campaña sen grandes promesas na que a proposta era "Feijóo" e a pregunta ao electorado, se quería máis Feijóo

O susto ficou niso e a candidatura de Feijóo quedou esencialmente onde estaba dende 2009. Arredor de medio punto porcentual por riba de hai catro anos, gañando nas circunscricións do norte a representación perdida nas do sur e mesmo xogando por uns centos de votos sumar un escano máis por Pontevedra á súa absoluta. Con tales números, case ninguén reparará na recolleita duns 57.000 votos menos, diminución que por outra banda, en termos porcentuais, vai na liña da caída da participación.

Funcionou, ao cabo, unha campaña na que os populares desbotaron as súas siglas -por primeira vez, admitíndoo abertamente e sen matices- e non se esforzaron en grandes promesas. A proposta era "Feijóo" e o electorado da dereita debía decidir se, en tempos de tribulacións, máis Feijóo ou non máis Feijóo. Un Feijóo como sinónimo de "Xunta" e de "Galicia" tras tres meses de omnipresencia como contrapunto ás decisións impopulares do Goberno central durante a crise do coronavirus. Precisión absoluta.

El, reiterou quen será presidente en funcións durante unhas semanas, non concorría ás eleccións por "un partido". Tampouco, cabe deducir, polo liderado por un Pablo Casado ao que a dirección galega do PP chegou a obviar nas súas axendas de campaña tras compartir co seu líder as fotos imprescindibles.

"Grazas por confiar en nós e na nosa forma de traballar", dixo Feijóo na noite electoral en referencia á dirección estatal do PP. Antes, lanzara "grazas" para Mariano Rajoy mentres os faladoiros dos medios de Madrid -e non só- fervían coas interpretacións en clave de eleccións xerais e intrigas madrileñas. Maioría fraguista conseguida.

A undécima lexislatura galega comezará como case todas as anteriores, cun presidente do PP que terá na oposición unha esquerda que volve recolocar unhas forzas que, de momento, seguen sumando 34 escanos. A recomposición deste 2020 parécese pouco nos ritmos ás anteriores, non obstante: trae consigo un rexurdimento dun BNG que en catro anos vén de pasar do bordo do abismo á maior representación da súa historia, de 6 a 19 escanos, sendo ademais a única forza que sobe en votos ata sobrepasar o limiar dos 300.000. Mentres, o ciclo da esquerda rupturista finaliza polas bravas pasando de 14 á nada e pechando con amargura o ciclo das mareas.

Ana Pontón valora os resultados electorais do 12X CC-BY-NC-SA BNG

O BNG, que repetiu cabeza de cartel por primeira vez dende 2009, pasa do bordo do abismo á maior representación da súa historia nun Parlamento tripartito, ao xeito dos 90

Por primeira vez dende 2009, o BNG repetiu cabeza de cartel nas eleccións galegas. Ademais, por primeira vez dende 2001, aspiraba á Xunta con alguén que viña de facer oposición con estabilidade durante catro anos. Catro anos despois de que o propio Bloque falase de efecto Pontón para resistir na adversidade electoral, a nova líder da oposición asina un resultado que a avala dentro e fóra e, cun ton institucional, asegura pensar xa nun 2024 no que, se cadra, quen está enfronte xa non é Núñez Feijóo (o popular volveu prometer, como xa fixera antes, que non recuncará).

Neste Parlamento tripartito, ao xeito dos 90, o elo máis feble é agora o PSdeG. Lonxe dos seus históricos éxitos de 2019, cando chegaron a superar o PP en Galicia como primeira forza, a crise do coronavirus privou os de Gonzalo Caballero do que quedaba do vento de cola das vitorias do PSOE dun Pedro Sánchez que non chegou ao peche de campaña do PSdeG porque, explicou o partido, o avión no que ía voar a Galicia picou unha roda. Os socialistas seguen practicamente onde quedaran hai catro anos, naquelas eleccións que os devolveran a unha cota de triste lembranza para a formación, aquela á que descendera Abel Caballero en 1997 cando o BNG os superara por primeira vez na segunda posición.

Das palabras resignadas de Caballero na noite electoral desprendeuse que tentará resistir, cando menos polo momento. Hai xa máis unha década que os socialistas galegos non manteñen liderado durante unha lexislatura completa.

Gonzalo Caballero valora en rolda de prensa os resultados do 12X CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.