Golpe para o PSdeG, que non só non consegue o seu obxectivo de retirar a Feijóo da Xunta senón que non logra liderar a oposición nin a esquerda en Galicia. Desta vez, superado polo BNG, como en 1997 e como en 2001, e volvendo sufrir o sorpasso que tamén lle dera En Marea nas últimas eleccións autonómicas.
O PSdeG sufriu o 'sorpasso' do BNG, como en 1997 e en 2001, ao igual que fora superado por En Marea nas últimas eleccións autonómicas
Desta vez, o PSdeG, que en 2019 mesmo logrou por primeira vez derrotar o PP nuns comicios, os xerais de abril, volveu desinchar nunhas autonómicas, quedando como terceira forza. Obtivo 15 escanos --un máis de momento que en 2016 á espera do voto do exterior-- e mellorou en punto e medio os resultados desa última cita autonómica, pero perdeu máis de dez con respecto ao apoio que o partido recibiu nas eleccións xerais de novembro de 2019.
Foi un resultado moi semellante ao de 2016 con Fernández Leiceaga como aspirante á Xunta, pero cuns 4.000 votos menos. O 12X sinala de novo o liderado do PSdeG, desta vez a Gonzalo Caballero, e as diferenzas internas nunha formación que volveu fracasar no partido definitivo, nunhas autonómicas nas que ve como o supera outro partido á súa esquerda e nas que volveu quedar en dúbida a implicación de toda a maquinaria da formación a nivel estatal.
"O resultado é insatisfactorio, non é o que esperabamos", di Caballero, que descarta dimitir por "sentido de responsabilidade"
"No mes de marzo había unha liña de acción dentro do partido e do progresismo que estaba moi activada", lamentou Gonzalo Caballero, que advertiu de que a chegada da pandemia rachou coa inercia en ascenso do PSdeG. "O resultado é insatisfactorio, non é o que esperabamos", asumiu o secretario xeral dos socialistas galegos, que lembrou que a súa formación "xa foi terceira forza" no Parlamento máis veces e que dixo ter cumprido "con dignidade e con honradez".
Respecto á posibilidade de abandonar o liderado do PSdeG, Caballero negou esa opción. Recordou os bos resultados das xerais e das municipais e, aínda que os de agora non foron "satisfactorios", asegurou que o seu "sentido de responsabilidade" lévao a "seguir a liderar o partido". "Creo que esa é a opinión da maioría dos militantes", engadiu.
Xa que logo, o panorama electoral deixa unha Cámara galega semellante á de 1997, cando outro Caballero como aspirante á Xunta, Abel, sufriu tamén o sorpasso do Bloque cunha porcentaxe semellante á de agora.
O PSdeG viu como foi o BNG quen recolleu todo o forte devalo do espazo que reúne a Podemos, Anova e as principais mareas municipalistas. Non rendibilizou o poder que ostenta o seu partido na Moncloa nin os aires de cambio que se respiraban antes da chegada da pandemia, que quedaron en nada.