O PP superou o 40% en todas as cidades, agás Vigo (32,6%) e pasou do 50% na cidade de Lugo (51,04%) e do 45% en Santiago, Ourense, A Coruña e Ferrol.
O PP obtivo os seus mellores resultados como é habitual na Galicia rural, pero nas sete cidades -a pesar da moi importante suba do BNG- os populares resistiron con porcentaxes superiores ao 40% en todas elas, agás Vigo (32,59%) e superaron o 50% na cidade de Lugo (51,04%) e o 45% en Santiago, Ourense, A Coruña e Ferrol.
Na cidade olívica o tirón electoral do candidato do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, deixouse notar, outorgando aos socialistas unha suba de 11 mil votos e 15 puntos. Os populares, pola contra, perderon 16 puntos e 18 mil votos, aínda que mantiveron a primeira posición. Con todo, este mal dato vigués e mais o da cidade da Pontevedra foron as únicas tachas nunha noite en xeral boa para o PP nas zonas urbanas.
Núñez Feijóo incrementou a súa porcentaxe de voto nas outras cinco cidades e aínda que ficou 14 mil votos por debaixo dos seus resultados de 2016, si conseguiu igualar os datos de 2012, rexistrados cunha participación moi superior.
O BNG triplicou os seus votos, converténdose na segunda forza en todas as cidades, agás Vigo
Se o PP foi quen de resistir, o gran triunfador da noite nas sete cidades foi o BNG, que triplicou os seus votos, converténdose na segunda forza en todas elas, agás Vigo. Os nacionalistas sumaron máis de 20 mil sufraxios na cidade olívica e outros tantos na Coruña, e ao redor de 75 mil no conxunto das sete urbes. A candidatura liderada por Ana Pontón acadou un resultado semellante ao de En Marea no 2016 e superou os seus propios rexistros das eleccións de 2005, manténdose iso si por debaixo do resultado obtido en 2001 e sobre todo en 1997.
As subas do PSdeG en Vigo e Pontevedra, pero tamén en Ourense e Ferrol, contrastan cos descensos sufridos na Coruña e, sobre todo, en Lugo e Compostela
En canto aos socialistas, as súas subas en Vigo, Pontevedra, Ourense e Ferrol contrastan cos descensos sufridos na Coruña e, sobre todo, en Lugo e Compostela, onde o BNG obtivo un resultado moi superior ao PSdeG-PSOE. En conxunto, os de Gonzalo Caballero melloraron lixeiramente os seus datos de 2016 nas cidades, achegándose aos números acadados no 2012. Con todo, o seu resultado global é pouco máis da metade do obtido no ano 2005
Galicia en Común obtivo nas sete cidades 95 mil votos menos que En Marea en 2016 e 68 mil menos que AGE en 2012.
O gran perdedor da noite foi Galicia en Común que puido reter unha parte moi pequena dos sufraxios acadados por En Marea en 2016 ou por AGE en 2012. En conxunto, a candidatura de esquerdas ficou en 23.677 votos, 95 mil menos que En Marea en 2016 e 68 mil menos que AGE en 2012. Os 33 mil votos perdidos en Vigo, ou os 23 mil da Coruña son unha mostra destes malos resultados. Aínda peores se a comparación se establece coas eleccións xerais de 2015 e 2016, cando chegou a ser a primeira forza, por exemplo, en Vigo.
Ciudadanos perdeu igualmente boa parte dos apoios recibidos en 2016 (perdeu 15 mil votos) e VOX pasou lixeiramente dos 10 mil votos entre as sete cidades.