En Galicia a abstención é dende hai bastantes anos un fenómenos principalmente urbano, sobre todo nas eleccións ao Parlamento galego, nas que as cidades e áreas metropolitanas adoitan participar moito menos. Nestes comicios o temor a unha elevada desmobilización, motivada pola celebración das eleccións en pleno mes de xullo, nun día de moita calor e coa ameaza do coronavirus, pairaba sobre a convocatoria.
E ao final, efectivamente, a participación foi inferior á de anteriores eleccións autonómicas, aínda que probablemente non tanto como algunhas previsións máis pesimistas agoiraban. En conxunto, e a falta de contabilizar o censo CERA, o 58,88% dos galegos e galegas exerceron o seu dereito ao voto, algo menos de 5 puntos por debaixo do dato de 2016 (63,75%). Naquela ocasión, os votos chegados dende o estranxeiro reduciron a participación final ata o 53,63%, polo que pode que finalmente a participación acabe baixando do 50%.
Con todo, a participación do electorado foi distinta nuns lugares e noutros, aínda que unha vez máis constatouse que as zonas urbanas votaron moito menos que as zonas rurais. Este primeiro mapa amosa unha gran mobilización en amplas zonas das provincias de Ourense e de boa parte da provincia de Lugo, pero tamén do interior da provincia da Coruña e do norte da provincia de Pontevedra, con cifras de participación que roldan o 70% e mesmo superan esta porcentaxe. Friol e Muíños, ao redor do 80% de votantes, foron os dous concellos cunha maior cifra de participación.
No outro extremo temos ás grandes cidades e á maior parte dos concellos do litoral, dende Ferrolterra ao Baixo Miño, pasando pola Costa da Morte ou o Barbanza, con cifras de participación por debaixo do 60% e que mesmo chegan ao 50% en lugares como Arteixo, Narón ou Ribeira.
A participación caen case cinco puntos, pero mentres nalgunhas zonas as variacións foron pequenas, en 35 concellos os descensos foron de sete puntos ou máis. Nas sete cidades a caída moveuse entre os 4,26 puntos de Compostela e os case 8 de Ourense, pero a redución foi aínda máis importante en zonas coma A Mariña, por exemplo no Valadouro (-13,85 puntos de participación), Alfoz (-11,17), Mondoñedo (-8,86), Trabada (-8,08), Burela (-7,86), Barreiros (-7,82) ou Foz (-7,43).
Destacan igualmente os descensos de participación no sur de Ourense, en concellos próximos a Verín, como Laza, Castrelo de Val ou Cualedro, no que pode indicar unha abstención de castigo ao PP.
E o mesmo podería ter sucedido en Cerceda (-8,85), As Pontes (-6,22), A Capela (-6,33) ou Cabanas (-10,55), concellos afectados polo peche das centrais térmicas de carbón, nos que se puido producir un voto de castigo aos partidos que participan no Goberno central.
En conxunto, a abstención volveu afectar máis aos concellos de poboación máis nova, como se pode observar no seguinte gráfico, que amosa unha relación directa entre a porcentaxe de participación, con seis das sete cidades (agás Santiago), por debaixo do 60% de participación.
Finalmente, o derradeiro gráfico buscaba unha relación entre as caídas de participación en cada concello e a idade media de cada localidade. Porén, a liña de tendencia case horizontal desmente que ese factor fora determinante ou, cando menos, máis determinante que nas eleccións de 2016. É dicir, os concellos novos non reduciron nestas eleccións a súa participación moito máis (aínda que si un chisco) que as zonas máis avellentadas, manténdose a situación existente hai catro anos.