Unha análise recorrente nas noites electorais galegas é a vinculada ao que acontecería se non seguinte vixente a modificación da lei de eleccións que o Goberno do PP de Manuel Fraga sacou adiante en solitario e entre unha intensa polémica. Aquela reforma implicara elevar o limiar para obter representación parlamentaria en cada provincia dende o 3% fixado con amplo consenso en 1985 ata o 5%. Tratábase, defendera o PP da época, para acabar coa "atomización ideolóxica" e procurar a "máxima eficacia" no Parlamento.
Co limiar do 3% no canto do 5% vixente, os populares quedarían en 40 escanos e Galicia en Común integraría un Grupo Mixto de dous representantes
Se o limiar da representación parlamentaria estivese no 3% o pasado 12X, o esencial do resultado non mudaría. O PP tería maioría absoluta na Cámara, pero no canto de quedar ata catro escanos por riba da maioría absoluta, estes serían dous. As mudanzas produciríanse nas circunscricións da Coruña e Pontevedra.
Na coruñesa, os populares non sumarían o décimo cuarto escano que si lograron e, no seu lugar, Galicia en Común tería un representante. Na pontevedresa, o escano final que na noite electoral gañou o PSdeG por unha estreita marxe de 45 votos -o mesmo que, previsiblemente, pode acabar retendo o PP tras o reconto do voto do censo de residentes ausentes- sería tamén para os comúns.
Ese limiar do 3% non afectaría ao reparto de escanos do 12X nas provincias de Lugo e Ourense. Daquela, o xogo de maiorías sería idéntico ao das eleccións coa barreira do 5%, pero o PP tería 40 escanos, o BNG mantería os seus 19, o PSdeG quedaría con 14 e Galicia en Común, no canto de desaparecer, integraría o Grupo Mixto con 2 representantes.
Se Galicia fose unha circunscrición única, o PP tamén mantería a absoluta o 12X, pero pola mínima cun limiar do 3% para obter representación
Outro xogo matemático habitual tras os comicios ten que ver cos cálculos que apuntan ao que sucedería se Galicia abandonase as circunscricións provinciais e o Parlamento fose conformado votando nunha única circunscrición para todo o país. Aplicando o método d'Hondt baixo esa premisa, o PP tamén tería maioría absoluta, pero igualmente con menos escanos.
Se Galicia fose unha única circunscrición e mantivese a barreira do 5%, o PP tamén obtería 40 escanos. Tamén nesa hipótese o BNG lograría os 19 escanos que conseguiu o 12X e o PSdeG, no canto dos 15 que poden acabar sendo 14, ascendería ata os 16. Se nesa hipotética circunscrición única rexese o limiar do 3%, a maioría absoluta do PP sería a máis axustada posible: ficaría nos 38 escanos, a metade máis un; o BNG tería en todo caso 19 escanos, o PSdeG lograría 15 e Galicia en Común estaría nun Grupo Mixto de 3 membros.
Todos estes cálculos están baseados no reparto de escanos vixente na devandita lei de eleccións, que ademais de consagrar o modelo provincial de circunscricións tamén outorga un "mínimo inicial" de escanos igual para todas as provincias, 10 para cada unha, e reparte os restantes trinta e cinco en función da poboación. Coas actuais cifras de poboación, ese sistema deixa a Lugo e Ourense con cadanseus 14 escanos, a Pontevedra con 22 e á Coruña, con 25.
A última proposta de reforma electoral para paliar a sobrerrepresentación nas circunscricións de Lugo e Ourense foi lanzada polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG, que acabou aparcándoa
O actual modelo provoca que, en rigor, as circunscricións interiores estean sobrerrepresentadas no Parlamento en termos de poboación: Lugo e Ourense supoñen o 23% da poboación galega, pero elixen o 37% dos membros da Cámara. Deste xeito, ademais, nestas circunscricións de preponderancia habitual do PP, cada escano sae moito máis barato en votos que os das provincias atlánticas, con maior peso do voto da esquerda.
A última tentativa para reformar este desequilibrio produciuse hai década e media, cando o Goberno de coalición de PSdeG e BNG levaba apenas un mes na Xunta. O Executivo apostara pouco despois de tomar posesión por unha reforma electoral que, ademais de fixar a paridade nas listas electorais e impoñer máis garantías ao voto dende o estranxeiro, procurase "unha mellor proporción da distribución de escanos en cada circunscrición", paliando a sobrerrepresentación de Lugo e Ourense. O PP opuxérase frontalmente a aquel proxecto, que o Goberno de socialistas e nacionalistas deixara finalmente aparcado.