Feijóo quixo ilegalizar as reformas electorais sen consenso

Feijóo, Touriño e Quintana, na xuntanza na que fracasou a reforma do Estatuto © Ana Varela

Setembro de 2005. O goberno de coalición de PSdeG e BNG leva pouco máis dun mes no poder e os novos membros do Executivo van pasando polo Parlamento para explicar ante o pleno as liñas xerais dos seus departamentos. Na súa comparecencia o conselleiro da Presidencia, o socialista José Luis Méndez Romeu, anuncia a súa aposta de "reforma da lei electoral" para "resolver, polo menos, tres cuestións pendentes": a paridade nas listas, a limpeza do voto emigrante e "unha mellor proporción da atribución de escanos a cada circunscrición". O anuncio provocou unha saída en tromba do PP, partido acabado de chegar á oposición e que apenas dous anos despois, xa con Alberto Núñez Feijóo á fronte, chegou a reclamar a ilegalización das reformas electorais sen consenso, as mesmas que os conservadores se dispoñen a executar en Galicia e no Estado.

A reforma electoral que bosquexaba daquela Méndez Romeu consistía, esencialmente, en paliar a sobrerrepresentación das provincias de Lugo e Ourense, tradicionais celeiros de votos da dereita nos que cada escano no Parlamento sae moito máis barato en votos que na Coruña e Pontevedra, toda vez que teñen asignado o mesmo mínimo de deputados e deputadas -dez, na actualidade- que as circunscricións atlánticas malia contaren con moita menos poboación. En días posteriores dende San Caetano abrírase a porta tamén a outras reformas de relevancia, como deixar sen efecto a reforma electoral executada unilateralmente por Fraga en 1992 para elevar do 3% ao 5% o limiar de votos para obter representación. Para o PP aqueles anuncios do bipartito eran un síntoma de "preocupación" e unha mostra de que socialista se nacionalistas tentaban "utlizar a Administración para beneficio dos seus intereses". "A lei electoral é un tema básico en todo sistema democrático", advertían a través do seu deputado Manuel Ruiz Rivas, actual alcalde de Ribeira.

Como líder da oposición o actual presidente avogaba por que a reforma electoral fose aprobada "por unanimidade"

Poucos meses despois, en xaneiro de 2006, Feijóo accedía ao liderado do PPdeG e retomaba o asunto despois da súa primeira xuntanza institucional con Emilio Pérez Touriño. "Pretendo que a xente teña principios", dicía, para resumir que, ao seu xuízo, non cabía a posibilidade de que PSdeG e BNG excluísen o PP da reforma da Lei de Eleccións. Non en van, explicaba, Touriño garantíralle que non habería reforma sen pacto: "comprometeuse a que as regras do xogo se modificarían por consenso". A norma que rexe o sistema electoral só podería ser modificada "por unanimidade de todos os grupos", profundaba.

Esixencia na reforma estatutaria

O tempo foi pasando e, entre acusacións máis ou menos altisonantes -Feijóo chegou a cualificar a proposta de "fraude electoral"-, o gabinete que encabezaban Touriño e Quintana foi aparcando a reforma electoral e ligándoa a outra negociación aínda máis complexa, a da reforma do Estatuto de Autonomía. Aqueles traballos avanzaran notablemente nunha comisión parlamentaria tripartita pero embarrancaran en tres elementos de relevancia política: a definición de Galicia, o rango legal da lingua galega e a maneira de reformar a lei de eleccións. Para tentar desbloquealas o 17 de xaneiro de 2007 Touriño, Quintana e Feijóo reuníronse na residencia oficial de Monte Pío e foi alí onde o líder da dereita puxo sobre a mesa unha esixencia que, se chegase a facerse realidade, impediría agora, por exemplo, o seu recorte ao Parlamento.

Feijóo propuxo que o Estatuto de Autonomía impedise reformar a lei de eleccións sen o apoio de dous terzos do Parlamento

Fontes próximas á xuntanza, presentes naquela xornada en Monte Pío, confirman que Feijóo, reclamou abertamente que o novo Estatuto estipulase a imposibilidade de reformar a Lei de Eleccións sen maioría cualificada, isto é, sen o apoio de dous terzos do Parlamento. O daquela líder da oposición, detallan as mesmas fontes, puña como exemplo as maiorías reforzadas que cómpren para reformar o propio Estatuto ou para elixir o Valedor do Pobo. O propio Feijóo confirmaría ante a prensa, tras o fracaso da negociación estatutaria, que un dos obstáculos para o acordo fora o mecanismo de reforma electoral. Sete anos despois, tanto en Galicia como en Madrid, os conservadores defenden a procedencia de reformar as normas electorais aínda que ningún partido máis os apoie.

Feijóo, nun acto de partido na súa etapa na oposición CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.