“Como é posible que os dous antagonistas no taboleiro político español coincidan? Repártense os escanos en función do que máis lles beneficia a Podemos e Ciudadanos”. Así valorou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a proposta de reforma do sistema electoral que veñen de realizar as formacións lideradas por Pablo Iglesias e Albert Rivera. Feijóo considera que a reforma electoral si é “unha asignatura pendente en España”, pero “para facilitar que goberne a lista máis votada”, o que co reparto actual de forzas beneficiaría o PP.
O presidente di que as dúas formacións “se reparten os escanos en función do que máis lles beneficia” e reclama que goberne a lista máis votada “dándolle un plus”
Feijóo vén defendendo desde hai anos dúas grandes reformas electorais. Por unha banda, en Galicia propón unha redución do número de deputados do Parlamento autonómico. Por outra, defende que a formación que gañe as eleccións sexa a que goberne vetando así pactos doutras formacións e obviando que o sistema político español é de tipo parlamentario e non presidencialista.
A primeira reforma, a de reducir o número de deputados do Parlamento de Galicia, aparcouna hai un tempo tras retomala de xeito recorrente ao longo das súas dúas primeiras lexislaturas á fronte da Xunta. A dura oposición que atopou do resto de formacións políticas reduciu a proposta a unha sucesión de titulares mediáticos que afondaron nunha visión crítica da actividade política. Antes, cando estaba na oposición, a súa postura era a de que non se puidese reformar o sistema electoral galego sen ter o apoio de polo menos dous terzos da Cámara autonómica.
Feijóo reclama que “goberne a lista máis votada nas alcaldías” pero tamén, “baixo ese principio”, que exista un “axuste” tamén nas eleccións autonómicas e ao Congreso dos Deputados “dándolle un plus” á formación que máis votos obteña
A outra reforma verbalizouna novamente este mesmo xoves o propio Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, a preguntas dos medios de comunicación. Segundo dixo, sería necesario que “goberne a lista máis votada nas alcaldías” pero tamén, “baixo ese principio”, que exista un “axuste” tamén nas eleccións autonómicas e ao Congreso dos Deputados “dándolle un plus” á formación que máis votos obteña. Esa reforma, co actual reparto de forzas e a limitada capacidade do PP para acadar acordos con outras formacións tanto a nivel estatal como autonómico ou local, beneficiaría fundamentalmente aos populares.
Porén, mentres Feijóo considera necesario ese tipo de cambios, amosouse “sorprendido” coa proposta de reforma realizada por Ciudadanos en Podemos, que pretende que haxa un reparto máis proporcional dos escanos en relación ao total de votos obtidos polas formacións reducindo así o efecto que o actual reparto polo sistema d'Hondt ten de primar aos partidos máis votados especialmente nas circunscripcións máis pequenas, actualmente PP e PSOE.
Se a súa propia proposta de primar a formación máis votada é unha “asignatura pendente”, a de Podemos e Ciudadanos non é máis que unha busca deses dous partidos de “beneficiarse” a si mesmos. “Supoño que non será moi seria esa proposta de reforma electoral”, sentenciou Feijóo.