A Mariña e Verín castigaron o PP, fronte a un BNG que medrou nas áreas metropolitanas

Enfermeiras da Mariña, contra o peche do paridoiro en Verín CC-BY-SA Eventuais en Loita (remitida)

Nas eleccións deste domingo o PP perdeu case 57 mil votos, o PSdeG case 4 mil e o BNG gañou 190 mil, procedentes en parte dos 273 mill votos que En Marea obtivo en 2016 e dos que Galicia en Común só puido reter 51 mil. A participación decendeu en 130 mil sufraxios. Con todo, estas subas e baixadas non foron homoxéneas nun e noutro lugar e en determinados concellos e comarcas cada partido comportouse de maneira diferente. 

Comezamos polo PP, que a pesar da perda de votos, obtivo unha porcentaxe de apoios superior á de 2016. De feito, os populares melloraron o seu resultado porcentual en 178 concellos, moi especialmente no centro da provincia de Lugo e nos arredores da cidade de Ourense. Tamén na área metropolitana da Coruña (onde Ciudadanos obtivera o seu mellor resultado en 2016) e nalgunhas comarcas interiores da provincia coruñesa. Destacan as súas subas na cidade de Lugo (+4,77 puntos) ou en Oleiros, Sada e Culleredo (catro puntos de ascenso).

Pola contra, os populares sufriron especialmente en dúas comarcas marcadas nos últimos meses por varios conflitos sociais e críticas á xestión da Xunta: A Mariña e Verín. O mapa amosa que nestas dúas se produciron descensos xeneralizados do PP, destacando os 11 puntos do propio concello de Verín ou de Laza ou os 9 de Monterrei. Na Mariña (pero tamén no Ortegal) as súas caídas foron menores pero atinxiron a case todos os concellos da zona: catro puntos en Burela ou Xove, tres puntos en Viveiro, O Vicedo ou Foz e ata 6 en Cedeira.

BNG

O BNG foi o gran gañador da noite e o seu importante ascenso asentouse en subas en todo o país. Todos os concellos, agás un, Boimorto, onde os nacionalistas (que en 2016 obtiveran alí un dos seus mellores resultados) perderon tres puntos. No resto, ascensos xeneralizados, especialmente importantes na Mariña: 28 puntos en Cervo, 23 en Xove ou 25 en Viveiro e Burela. Tamén nas Pontes, outro concello afectado por unha crise industrial, onde os nacionalistas medraron 23 puntos.

E, despois, destaca o seu crecemento nas cidades (18 puntos en Ourense, Santiago e A Coruña; 17 puntos en Vigo e Lugo) e en importantes concellos das súas áreas metropolitanas, precisamente aqueles lugares nos que En Marea fora máis forte no ano 2016 e nos que adoitan iniciarse os grandes movementos políticos en Galicia. O Bloque gañou 20 puntos en Redondela, Cambre e Ames, 19 en Fene e Culleredo, 18 en Teo e O Porriño e 17 en Arteixo, Narón ou Mos. Así mesmo, o BNG recuperou a forza perdida na comarca do Morrazo (subas de entre 17 e 23 puntos en Bueu, Moaña ou Cangas) e tamén subiu con forza no Grove, Verín, Muros ou Malpica.

PSdeG

En canto ao PSdeG, o mapa amosa unha clarísima división norte-sur. Os socialistas melloraron os seus resultados de 2016 nas provincias de Pontevedra (+5 puntos e 2 escanos máis) e Ourense (+ 2 puntos e 1 escano máis), pero baixaron nas provincias da Coruña e Lugo, nas que se deixaron un escano en cada unha. 

O vigués Gonzalo Caballero mellorou en 9 puntos o resultado de 2016 na cidade olívica, pero tamén en Cangas (+7), Baiona (+6), Nigrán (+6), Redondela, Ponteareas, Mos, Gondomar ou Salceda de Caselas (+5). O PSdeG tamén medrou en xeral na provincia de Ourense, tanto na propia cidade e en vilas como O Barco ou Verín, coma en concellos máis pequenos.

Porén, a situación foi moi distinta na Coruña e Lugo. Destacan especialmente os descensos sufridos polos socialistas no centro da provincia de Lugo (uns votos que semellan ter ido ao PP, que medrou nestas zonas). E, igualmente, nos concellos máis afectados polo obrigado peche das centras térmicas de carbón da Pontes e Cerceda, concellos nos que o PSdeG adoitaba gañar. Nas Pontes e Cerceda os socialistas déixanse 7 puntos e na Capela case 10.

Galicia en Común

Pouco hai que dicir na análise de Galicia en Común. O seu descenso con respecto aos datos de En Marea en 2016 foi tan xeneralizado que, en consecuencia, é maior canto mellor foran os rexistros daquela formación hai catro anos.

O mapa amosa descensos importantísimos nas sete cidades e nas principais áreas metropolitanas e, en xeral, no eixo da AP9, sobre todo na provincia de Pontevedra. En Cangas a caída é de 27 puntos, no Grove de 23 e en Redondela, Moaña ou Salceda de 22, un máis que en Vigo. Culleredo, Cambre, Ames ou A Coruña amosan descensos de ao redor de 18 puntos.

Onde foron os votos?

En relación aos posibles trasvases de votos, só podemos facer suposicións e elaborar hipóteses e unicamente o estudo postelectoral do CIS nos achegará algunha pista. Porén, o cruce dos datos sobre a evolución dunha e doutra candidatura en cada concellos pode achegar algunha información. 

Chama a anteción, en primeiro lugar, que semella existir unha relación entre os ascensos e descensos do PP e as subas e baixadas do PSdeG. É dicir, naqueles lugares nos que máis sobe o PP e onde máis caen os socialistas e viceversa, o que podería indicar un fluxo de votos entre os dous partidos. Temos, por exemplo, varios concellos lucenses (Castroverde, Pol, Portomarín...) con importanse subas do PP e descensos do PSdeG, o mesmo que en Monfero, Laxe, Cerceda ou A Capela. E, á inversa, atopamos varias localidades nas que Gonzalo Caballero mellorou resultados e Núñez Feijoo baixou con forza, sobre todo nos arredores de Vigo e en Ourense.

Sorprendentemente, atopamos esa mesma relación entre os resultados de PP e BNG, o que podería indicar que houbo algún trasvase de votos dende os populares aos nacionalistas. Con todo, os fluxos nestas localidades poden ser máis complexos, cun movemento de votos do PP ao PSdeG e outro do PSdeG ao BNG. Verín, Laza, Cedeira, Pazos de Borbén, Burela ou Xove son exemplos de concellos nos que o PP perdeu moitos votos e o Bloque subiu con forza.

Pola contra, non semella existir unha relación moi clara entre os movementos de PSdeG e BNG. Alí onde soben os socialistas o Bloque sobe moito igualmente, e alí onde o PSdeG baixa o BNG non medra por riba da media.

Finalmente, os fluxos de votos entre En Marea e BNG semellan obvios e son confirmados pola gráfica (alí onde GeC retén menos votos de En Marea, o BNG sobe máis). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.