Unhas 4.000 persoas que pediron votar nas eleccións galegas dende o estranxeiro non recibiron as papeletas

Chegada do voto por correo ordinario a un colexio electoral compostelán durante a xornada das eleccións do 12X CC-BY-NC-SA Praza Pública

A vindeira semana o reconto dos votos das persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes na provincia de Pontevedra que conseguiron participar nas eleccións galegas do pasado 12X determinará se o PSdeG retén o último escano desa circunscrición, que gañou na noite electoral con 45 votos de marxe sobre o PP, ou se como todo parece indicar, se converte no cuadraxésimo segundo asento dos conservadores no Parlamento de Galicia. É un escano politicamente relevante, porque ditaminará cal das dúas formacións, populares ou socialistas, queda exactamente coa mesma representación que a lexislatura pasada.

O escaso voto emigrante determinará, así e todo, se o PSdeG conserva o escano de Pontevedra que lle gañou ao PP na noite electoral por 45 votos ou se, como todo parece indicar, pasa a ser o cuadraxésimo segundo asento dos populares no novo Parlamento

Pontevedra é a mesma provincia que fixo conter a respiración hai década e media á política galega por ese mesmo escano final entre PP e PSdeG -daquela retivérano os socialistas, que lograban así compoñer maioría de Gobenrno co BNG-, outra volta dependente do censo exterior. Así e todo, o mal chamado voto emigrante pouco ten que ver co daqueles anos: dende a reforma de 2011, que impuxo o requisito da solicitude previa para participar por esta vía -o voto 'rogado'- fixo descender a participación dende o estranxeiro ata niveis mínimos. Ademais, no caso concreto destas eleccións, marcadas tamén no exterior pola crise do coronavirus, cando menos unhas 4.000 persoas con solicitude de voto aceptada non chegaron a recibir as súas papeletas.

Fontes de Correos citadas por eldiario.es admiten que isto foi o que aconteceu, cando menos, coas solicitudes de voto que chegaran dende Venezuela e dende Cuba, 1.732 e 1.947, respectivamente. En total, case 3.700 persoas. Cuba é, precisamente, o país no que maior número de solicitudes foran aceptadas, seguida de Suíza (1.884) e Venezuela. A continuación están Arxentina (1.455) e Alemaña (1.216), como se pode observar no mapa sobre estas liñas.

 "Non se atopou transporte público nin privado para facer chegar as papeletas" en Venezuela

A razón, segundo esas mesmas fontes, é que en Venezuela "non se atopou transporte público nin privado para facer chegar as papeletas" e en Cuba, segundo Correos, o servizo público postal non chegou a distribuír a documentación electoral. Noutros países americanos, a solución foi contratar empresas privadas, alegan.

Deste xeito, das 12.807 solicitudes de voto rogado aceptadas, segundo datos da Oficina do Censo Electoral, 5.726 nin sequera foron entregadas. Desas 7.081 restantes, apenas 5.726 acabaron votando (4.888 por vía postal e 838 en urna, segundo avanza o mesmo xornal). Esas menos de 6.000 persoas son apenas o 1,2% das máis de 463.000 persoas inscritas no CERA. Os datos do padrón acreditan, non obstante, que unha ampla maioría das persoas inscritas nestes rexistros son descendentes de persoas que emigraron no pasado, xa nadas fóra de Galicia.

Con estas circunstancias de fondo, o popularmente coñecido como voto emigrante segue pendente dunha nova reforma. Tras as modificacións de 2011, que reduciron substancialmente a fraude -a documentación era remitida de oficio, sen apenas comprobacións de identidade ou mesmo de se a persoa que votaba seguía viva- pero tamén atrancaron a participación dende o estranxeiro tanto a persoas emigradas recentemente como a descendentes da emigración do pasado, as principais forzas políticas do Congreso veñen concordando nunha nova modificación, a medio camiño entre o sistema do pasado e o actual. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.