O pianista Juan Carlos Cambas naceu en 1967 en Bos Aires é fillo dunha galega, Pilar, e dun asturiano, Juan. Cambas, con nacionalidade española dende os 18 anos, vive en Galicia dende o ano 2002 e nas últimas semanas presenta o proxecto A viaxe, un traballo audiovisual e musical no que quere evocar a experiencia dos seus pais na emigración.
O pianista galego-arxentino Juan Carlos Cambas relata na Radio Galega como en Bos Aires votaba "sen saber moi ben a quen votaba" e eventos co falecido ex-presidente da Xunta con "400 quilos de polbo" e supostos incentivos económicos por ir votar
No marco da presentación do seu traballo, Cambas foi entrevistado o pasado venres na Radio Galega. Ao fío das ligazóns de Galicia coa Arxentina, deu en lembrar unha vivencia persoal ligada ás escuras prácticas co coñecido como "voto emigrante" ata que, en 2011, esta vía de sufraxio quedou fortemente limitada coa implantación do sistema de voto rogado, que esixe solicitar a participación en cada elección no canto de recibir de oficio a documentación electoral, ademais de vetar a participación das persoas inscritas no CERA nas eleccións municipais.
O seus pais, como "moitos galegos", lembrou Juan Carlos Cambas, "coñecéronse en Bos Aires", onde segue habendo "máis votantes galegos que en Lugo e Ourense xuntos", dixo -no censo de residentes ausentes para as eleccións galegas do vindeiro 12 de xullo figuran inscritas 165.762 persoas na Arxentina-. Malia ter dereito ao voto, reflexionou sobre a súa experiencia, "o que pasa é que estando daquel lado, tampouco coñeces moito o que pasa deste lado".
"Cando ías ao correo, dábanche un bono con 50 dólares. Pasan cousas moi raras"
Así, relatou á RG, "eu teño a cidadanía española dende os 18 anos e votei algunhas veces sen saber moi ben a quen votaba". "Lémbrome -detallou- que foi unha vez Fraga e levara como 400 quilos de polbo ao Centro Galego de Bos Aires para convidar a todos a xantar". "Pagábanche 50 dólares por ir votar e fomos todos votar a Fraga", asegurou.
Repreguntado ao respecto, Juan Carlos Cambas abondou na explicación. "Cando ías ao correo" remitir o voto, "dábanche un bono por 50 dólares". "Pasan cousas moi raras", concluíu.
Ata a reforma electoral que implantou o voto rogado en 2011 foron múltiplos os testemuños de irregularidades ligados ao coñecido como voto emigrante
O de Cambas engádese aos múltiplos testemuños que, ata a reforma electoral de 2011, apuntaban a presuntas fraudes no coñecido como voto emigrante -en realidade, a maioría das persoas que forman parte dese censo xa non son nacidas en Galicia- apoiadas na ausencia de depuración do censo e nos escasísimos controis de identidade das persoas que votaban. O feito de que a documentación electoral fose remitida de oficio facilitaba aínda máis o fomento de votacións en masa como a relatada.
Como resume Anxo Lugilde, autor d'O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española e estudoso deste fenómeno na súa tese de doutoramento (2010), aquel xeito de proceder "abranguía o tráfico de sacas, recollidas masivas e pagadas de papeletas, intervencións ilexítimas de gobernos alleos, participación de persoas xa falecidas e, en xeral, un descontrol descomunal xestionado por empresas de correos estranxeiras". "En caso de que se volva reactivar a participación existe o risco de que rexurda toda a industria da fraude nos países do Río da Prata", augurou nesta crónica en Praza.gal. [O retorno das pantasmas do “voto emigrante”]